Titorías

 

 

PROGRAMACIÓN DE TITORÍAS 2º CICLO.

TITORÍA 1

Curso: 2º Ciclo EP

 

 

Actividade: O espello

 

 

Obxectivos:

 

Valorar as posibilidades de cada alumno para aumentar a súa autoestima.

 

 

Desenvolvemento da sesión/actividade:

 

       É unha actividade que se realiza na aula:

 

      Os alumnos sentan en círculo. Unha vez colocados, o profesor sitúase no centro do círculo cunha caixa nas mans (o espello debe estar no interior da mesma). Nese instante, o profesor empeza a realizar a dinámica dicindo:

 

         ”Que teño nas miñas mans? Que credes que hai no seu interior?”- logo de cada pregunta                              déixase tempo para que os alumnos respondan. Despois de canalizar as respostas ata chegar ao momento que desexe o profesor, séguese a dinámica dicindo:

 

        “No interior da caixa hai algo moi importante non só para vós, senón tamén para a xente que vos rodea e vos coñece. É algo especial e único. Vóuvola pasar para que miredes no seu interior, de un en un, durante uns instantes, e vaiades pensando o por que o que hai no seu interior é tan importante. Unha vez miredes dentro, pechades a caixa e pasádela ao compañeiro da beira sen facer ningún comentario.”

 

         Unha vez todos os alumnos miraron no seu interior, empeza a parte de reflexión. Cabe sinalar que cada alumno vería a súa propia cara no espello. A reflexión debe encamiñarse a potenciar a autoestima e a que cada alumno se valore a si mesmo. O profesor vai preguntando a cada alumno qué viu na caixa, por que cre que é importante o que viu, para quen é importante, que destacaría do que viu. O obxectivo é que cada alumno se vaia auto describindo sen dicir que o que viu é o reflexo da súa  imaxe.

 

 

Material:

-         Unha caixa de cartón.

-         Un espello

-         Música de ambiente (opcional, ver anexo.interioridade I)

 

 

 

TITORÍA 2

 

Curso: 2º Ciclo EP

 

 

Actividade: Relaxación

 

 

Obxectivos:

 

Posibilitar momentos de silencio para que os alumnos desenvolvan unha actitude serena ante os problemas da vida.

 

 

Desenvolvemento da sesión/actividade:

 

        Esta actividade faríase na clase e cada alumno na súa cadeira (tamén se podería facer, se existe a posibilidade, nun polideportivo tombados no chan ou sobre colchóns)


        O dinamizador da relaxación pode dicir estas palabras (é conveniente que fale moi amodo, nun ton suave e facendo as pausas oportunas, ata esaxerándoas, en cada signo de puntuación):

 
        Apoia as costas na cadeira, pon os pés no chan e deixa que as mans descansen sobre as pernas. Cando che diga, pecha os ollos e non os abras ata que che avise. Respira lentamente polo nariz, nota como se incha a barriga cando entra o aire e como se desincha ao sacalo polo nariz.

 
        É un día frío de inverno. Atópaste paseando nunha praia deserta. Mentres camiñas decides quitarte os zapatos para poder notar a textura da area nos teus pés. Decides sentarte e tocar a area coas túas mans. Notas que está fría. Decides tombarte para notalo co resto do teu corpo. Pechas os ollos e escoitas o vaivén das ondas do mar chocando contra as rochas. Este son reláxache, empezas ou oír os latexados do teu corazón, como os músculos do teu corpo se van relaxando. Primeiro nótalo nos teus pés, vai subindo polas pernas, vaise relaxando o teu estómago, notas como o aire entre nos teus pulmóns e como sae, a relaxación chega aos teus brazos, ás túas mans e a continuación ao teu pescozo e finalmente á túa cabeza. Sentes unha sensación de paz, tranquilidade e acougo. Segues escoitando as ondas. Sénteste ben con forzas. Decides quedar uns momentos máis…

 
       É hora de regresar. Aos poucos empeza a mover os pés, as pernas, as mans, e o resto do corpo.
Podes abrir os ollos?

 

      
Logo da relaxación faise unha posta en común:


      - Como vos sentistes?

      - Podemos utilizar esta estratexia na nosa vida diaria?

 

 

Material:

 

Música instrumental (anexo.interioridade II)

 

TITORÍA 3

 

Curso: 2º Ciclo EP

 

 

Actividade: Empatía

 

 

Obxectivos:

 

1.- Propoñer situacións aos alumnos para “poñerse nos zapatos doutra persoa”.

 

 

Desenvolvemento da sesión/actividade:

 

        Os alumnos divídense en 6 grupos. Cada un deberá realizar un rol-playing coa situación que se lle propón. Dentro de cada grupo debe haber uns alumnos que defendan a situación e outros que non estean de acordo co que pasa.

 

Diferentes situacións:

a)      Cando realizamos unha asemblea en clase Alberte sempre quere ter a palabra e convencer á maioría cos seus argumentos sen respectar ao resto do grupo.

             b)  Cada vez que o profesor pide algo Sofía responde gritando e sen levantar a man.

         Ademais, logo de intervir dille en voz baixa a Marta, a súa compañeira de pupitre: Ti 

         non sabes contestar nada ben. Aprende de min.”

             c) Soa o timbre para saír ao patio. Os alumnos saen a xogar pero case sempre Adrián sae  

                  tan rápido que tira cousas de encima dos pupitres dos demais e non as recolle.

             d) Sen querer escoitas que Álvaro lle di a Daniel: “Se hoxe non me votas para que sexa  

                 delegado de clase, xa non serei máis o teu amigo. E esquece que che deixe máis a     

                  bici!”
              e) Xoán é moi estudoso e gústalle cumprir co que piden os profesores. Pero na saída do

                  colexio ten que escoitar aos seus compañeiros dicir: “¡Enchufado, chapón! Pasas todo 

                   día estudando.”

               f) Todo o teu grupo de amigos pensa copiar no exame de Coñecemento do Medio. No    

                  patio planean a estratexia que seguirán para que todo saia ben. Ti dislles que non  

                  queres facelo e cando lles explicas o que che pasa rinse de ti.

 
          Ao terminar as representacións pódese reflexionar sobre como se poderían resolver estas situacións e terminar a sesión dicindo:


                                 ”HAI QUE PORSE NOS ZAPATOS DO OUTRO

                                        PARA RESOLVER ALGÚNS CONFLITOS?

 

 

Material:

 

NP

 

 

PROGRAMACIÓN DE TITORIAS 3º CICLO.

TITORÍA 1

Curso:  Terceiro Ciclo

 

 

Actividade:  CALIDADES  PERSOAIS

 

 

Obxectivos:

  • Identificar e valorar positivamente as nosas  calidades persoais.
  • Ser capaz de amosar e explicar aos demais cales son as nosas virtudes.

 

 

Desenvolvemento da sesión:

 

1- Presentar o vocabulario relacionado coas calidades persoais.

 - Preparar cartóns co vocabulario que consideramos necesario para desenvolver a actividade (afectuoso, traballador, egoísta, simpático...). Poden estar xa feitas polo profesor ou que os alumnos as elaboren, tendo en conta que iso levará máis dunha sesión.

 - Colgalas pola clase e ir comentando cos alumnos aquelas que non entendan.

 

2- Unha vez que coñecen este vocabulario darémoslles un tempo persoal para reflexionar e elixir aquelas calidades que máis nos definen persoalmente.

 
3- A continuación dividirémonos en grupos de 5 ou 6 alumnos para presentarnos aos demais como cremos que somos. Esta actividade pódese realizar simulando un pase de modelos onde cada alumno desfila cos cartóns que o definen postas a modo de roupa (colgadas coma se fosen un colar). Mentres os alumnos van desfilando deben explicar o motivo da súa elección.

 
4- Para finalizar pódese pór o conto ou a presentación en powerpoint dos lobos.

 

 

Material:

 

  • Corda para o colar
  • Cartolinas
  • Presentación powerpoint dos lobos ou conto (ver anexo 1).

 

 

Avaliación (de consecución de obxectivos, do desenvolvemento da actividade, da adecuación aos alumnos ...):

 

 

 

 

TITORÍA 2

 

Curso: Terceiro Ciclo

 

 

Actividade:  DNI

 

 

Obxectivos:

 

1.      Recoñecer e expresar os trazos positivos dos demais.

2.      Favorecer a expresión dos sentimentos.

3.      Favorecer o benestar persoal e o crecemento moral.  

 

 

Desenvolvemento da actividade:

 

PRIMEIRA PARTE

 

·        Entrégase a cada alumno un modelo que simula o seu DNI, o cal cumprimentará cos seus datos persoais.

·         Os alumnos estarán dispostos en círculo e iranse pasando o DNI para que cada un escriba dous trazos positivos do dono do DNI.

·         O DNI irá pasando por todos os alumnos ata que chegue de novo ao dono.

 

SEGUNDA PARTE

 

·         Dáse un tempo para que cada un lea o seu DNI de forma individual e interiorice o que pon.

·        Unha vez pasado ese tempo, volvémonos xuntar para que de xeito voluntario, os alumnos expresen en voz alta como se sentiron ao ler o seu DNI. Sería tamén interesante deixar un tempo para que quen queira xustifique a súa achega.

 

 

Material

 

Modelo DNI (ver anexo 2).

 

 

Avaliación (de consecución de obxectivos, do desenvolvemento da actividade, da adecuación aos alumnos ...):

 

 

 

 

 

TITORÍA 3

 

Curso: 3º Ciclo EP

Curso escolar: 2011/12

Nº de sesión:

Actividade: Interiorización

Data:

 

Obxectivos:

 

- Posibilitar momentos de silencio para que os alumnos desenvolvan unha actitude serena ante os problemas da vida.

 

 

Desenvolvemento da sesión/actividade:

 

Esta actividade faríase na clase e cada alumno na súa cadeira. Disparase dun CD con música relaxante e porase en funcionamento cando todos os alumnos estean calados e nun ambiente relaxado.

     Leremos a seguinte ficha de lectura, cun ritmo suave e pausado deixando espazos de silencio para que os alumnos/as poidan visualizar as imaxes e situacións que se describen:

     Apoia as costas na cadeira, pon os pés no chan e deixa que as mans descansen sobre as pernas. Cando escoites este son (pode ser unha palmada ou un estalo de dedos...), pecha os ollos e non os abras ata que o volvas a oír.

 
     Respira lentamente polo nariz. Nota como se che incha a barriga cando entra o aire e como se desincha cando o sacas polo nariz

(Pausa)
 

     Imaxínache que camiñas por unha montaña chea de árbores moi altas e de flores de todas as cores. O vento suave remove as ramas das árbores e fai bailar as flores. Chégache o cheiro que desprenden as flores e faiche sentir ben.

 
     Miras cara arriba e ves unha cova. Achégaste camiñando e cando estás moi preto decátaste de que dentro hai algo que se move.

 
     De súpeto ves un coello branco que saca a cabeza para mirarte. Sae da cova e senta ao teu lado. O seu pelo é como de algodón frouxo. Move o fociño arriba e abaixo mentres che sorrí.

 
    Diche que veu ata aquí para recordarche unha cousa. Míralo con sorpresa e pregúntaslle que é o que che quere recordar. Coa pata sinala a cova e diche que achegues a orella para escoitar. De súpeto oes a túa voz dicindo “son amable”, “son alegre”, “son responsable”.

 
     O coello sorrí e explica que, ás veces, te esqueces de todas as cousas boas que tes. Non só por fóra, senón por dentro.

 
     Tes unha sensación moi agradable. Fas unha respiración longa e segues pensando en cousas boas de ti.

 (Pausa)

 
     Agora sénteste feliz e estás máis a gusto contigo mesmo.

 
     O coello mírate e sorrí. Diche que sempre que o necesites podes vir á montaña.

 (Pausa)
 

     Aos poucos empeza a mover os pés…, as mans… Vas volvendo amodo (pode ser unha palmada ou un estalo de dedos...) Agora xa podes abrir os ollos.

 
     Unha vez acabado o exercicio, pódese establecer un diálogo para comentar a experiencia, facendo preguntas aos alumnos que os estimulan a expresar a súa opinión ou os seus sentimentos.


        - Como vos sentistes?

        - Podemos utilizar esta estratexia na nosa vida diaria?

        - Explicar vivencias relacionadas.

        - Como se imaxinaron unha paisaxe ou unha situación?

 
     É importante que todo o mundo poida participar de forma voluntaria e non obrigar a ninguén a falar se non o desexa. É importante evitar calquera comentario crítico.
Tamén se pode propor que debuxen algunha situación ou elemento que imaxinen durante a visualización e que lles apeteza.

 

 

 

 

 

Material:

 

     Aparato de música

     Música instrumental