XIII Domingo - Corpo e Sangue de Cristo

Primeira Lectura     Dt 8, 2-3. 14b-16a

LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO

Deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais

 

 

     Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:

     ‑ Has de te lembrar do camiño que o Señor, o teu Deus, te fixo percorrer polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e sabes o que había nas túas inten­cións, se ti querías gardar os seus mandamentos ou non. El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais, para che mostrar que o home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca do Señor.

     Acordaraste do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude e foi o teu guía por un deserto grande e terrible, entre serpentes de mordedura queimante e escorpións, a través dunha terra reseca, sen gota de auga; e que fixo saír para ti auga da máis dura das pedras e che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían.

 

Palabra do Señor                                                     

R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL    Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20

 

R/.  (12a):  Glorifica ao Señor, Xerusalén.

Ou:  Aleluia.

 

Glorifica o Señor, Xerusalén,

loa, Sión, o teu Deus,

que reforza os ferrollos das túas portas,

e bendí os teus fillos no teu seo.

 

El establece paz nos teus confíns,

é el quen te farta con flor de trigo.

El mándalle á terra a súa mensaxe,

e a súa palabra corre lixeira.

 

Anuncia a súa palabra a Xacob,

os seus estatutos e mandatos a Israel.

Non fixo así cos outros pobos,

non lles manifestou os seus mandatos.

Aleluia.

 

 

Segunda Lectura    1 Cor 10, 16-17

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

Moitos formamos un único pan, un só corpo

 

 

            Irmáns:

            A copa da bendición que bendicimos, non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, non é unha comuñón co corpo de Cristo?

            E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.

 

Palabra do Señor                                         

R/. Grazas a Deus

 

 

SECUENCIA, AD LIBITUM: Lauda, Sion, Salvatorem

 

Loemos o Salvador,

o noso guía e pastor,

cun cantar afervoado.

 

Loémolo xenerosos,

pois don tan marabilloso

nunca o daremos loado.

 

A razón de tal loanza,

o pan vivo no que alcanza

o pobo gozosa vida.

 

Ós doce en leda irmandade

fora entregado en verdade

na cea de despedida.

 

Ampla e sonora cantiga:

que fale a alma e bendiga

con indicible ledicia.

 

Hoxe é a recordación

da primeira institución

desta mesa sen malicia.

 

Na mesa do novo Rei,

nova Pascua, nova lei,

o tempo vello termina.

 

O novo vence ao que é vello,

a verdade ao seu espello,

e a luz a noite ilumina.

 

Cristo mándanos facer

na súa memoria e querer

o que na Cea el fixera.

 

Seguindo no seu camiño

consagramos pan e viño

cal hostia de amor sincera.

 

Dogma para o pobo cristián:

en carne tórnase o pan

e o viño faise sangue.

 

A fe confirme animosa

o que a razón pretensiosa

non entende nin abrangue.

 

Baixo unha humilde aparencia

de signos, late a presenza

de cousas marabillosas.

 

Mantenza a carne, e bebida

o sangue, Cristo todo vida

en cada parte gozosa.

 

Quen o come, toma enteiro

o seu corpo sobranceiro

non diviso nin rompido.

 

Come un e comen mil,

tanto este coma aquil,

e non se dá consumido.

 

Os bos e os malos o comen,

con dispar sorte o consomen:

lance de vida ou de morte.

 

Morte ao malo, vida ao bo,

única mesa de unión

pero moi distinta sorte.

 

Partido xa o sacramento,

non dubides, olla atento

que tanto encerra o fragmento

coma todo o corpo enteiro.

 

Non hai no fondo fisura,

só o signo se fractura,

nin o amor nin a feitura

reve do que é verdadeiro.

 

O pan dos anxos foi feito

de camiñantes proveito;

pan para os fillos é feito,

que non para darlle aos cans.

 

En símbolos persignado:

con Isaac inmolado,

año pascual ofrendado,

para os devanceiros maná.

 

Bo pastor, pan sobranceiro,

pan para o pobo esmoleiro,

mantennos e sé o guieiro

que nos conduza certeiro

ata as fontelas da vida.

 

Ti, Señor de canto hai,

que termas de nós, mortais,

fainos os teus comensais

coas multitudes triunfais

na mesa en ti compartida. Amén.

 

 

Ou, máis breve:  Ecce panis

 

O pan dos anxos foi feito

de camiñantes proveito;

pan para os fillos é feito,

que non para darlle aos cans.

 

En símbolos persignado:

con Isaac inmolado,

año pascual ofrendado,

para os devanceiros maná.

 

Bo pastor, pan sobranceiro,

pan para o pobo esmoleiro,

mantennos e sé o guieiro

que nos conduza certeiro

ata as fontelas da vida.

 

Ti, Señor de canto hai,

que termas de nós, mortais,

fainos os teus comensais

coas multitudes triunfais

na mesa en ti compartida. Amén.

 

ALELUIA    Xn 6, 51

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Eu son o pan vivo, que baixou do ceo, di o Señor;

quen coma deste pan, vivirá para sempre.

Aleluia.

 

Evanxeo     Xn 6, 51-58

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

A miña carne é verdadeira comida, o meu sangue é verdadeira bebida

 

 

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos xudeus:

            - Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.

            Discutían entón entre eles os xudeus:

            ‑ Como pode este darnos a comer a súa carne?

            Díxolles entón Xesús:

            ‑ Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.

            Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.

 

Palabra do Señor                                         

R/. Loámoste, Cristo