XX Domingo

 

ASUNCIÓN DE MARÍA 15 DE AGOSTO

 

 

Primeira Lectura  Ap 11, 19a; 12, 1-6a. 10ab

LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE

Unha muller vestida do sol e coa lúa baixo dos seus pés

 

 

            Abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario.

            E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo dos seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.

            Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas. Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra.

            O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar a luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.

            Tivo un fillo varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer todas as nacións.

            Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ao seu trono. E a muller fuxiu para o deserto.

            E oín un gran berro no ceo, que dicía:

            "Arestora chegou a vitoria, o poder,

e o reino do noso Deus, así como a soberanía do seu Mesías".

 

Palabra do Señor                                         

R/. Grazas a Deus

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 44, 10bc. 11-12ab. 16

R/.  (10b):  Á túa dereita está a raíña, engalanada con ouro de Ofir.

 

Fillas de reis veñen encontrarte;

de pé á túa dereita está a raíña

engalanada con ouro de Ofir.

 

Escoita, filla, e mira e presta atención:

esquece o teu pobo e a casa de teu pai.

O rei está enfeitizado da túa fermosura:

réndelle homenaxe, pois el é o teu señor.

 

Condúcena con xúbilo algareiro,

van entrando no pazo do rei.

 

 

Segunda Lectura  1 Cor 15, 20-27

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

Primeiro, Cristo; despois, os que son de Cristo

 

 

            Irmáns:

            Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen.

            Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.

            Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo.

            Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.

            Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído, pois "todo o puxo por debaixo dos seus pés".

 

Palabra do Señor                                         

R/. Grazas a Deus

 

ALELUIA

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

María é subida ao ceo;

alégrase o coro dos anxos.

Aleluia.

 

Evanxeo   Lc 1, 39-56

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

O Poderoso fixo marabillas en min: exaltou os humildes

 

 

            Naqueles mesmos días, saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha cidade de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela.

            En oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre, e Sabela quedou chea de Espírito Santo e exclamou a grandes voces:

            ‑Bendita ti entre as mulleres, e bendito o froito do teu ventre! Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, o neno brincou de alegría no meu ventre.

            Ditosa aquela que creu, pois hase cumprir canto lle anunciaron de parte do Señor.

            Entón María dixo:

            ‑ Proclama a miña alma a grandeza do Señor,

alégraseme o espírito en Deus, meu Salvador,

porque reparou na humillación da súa escrava.

            Desde agora chamaranme ditosa todas as xeracións,

porque fixo marabillas en min o Poderoso;

o seu nome é santo,

e a súa misericordia chega, xeración tras xeración,

a todos os que o temen.

            Manifestou o poder do seu brazo,

dispersou os soberbios de corazón.

            Derrubou os poderosos dos seus tronos

e elevou os humildes,

os famentos encheunos de bens

e os ricos despediunos baleiros.

            Amparou a Israel, o seu servo,

lembrándose da súa misericordia,

conforme o prometera aos nosos pais,

a Abrahán e á súa descendencia para sempre.

            María permaneceu con ela ao redor de tres meses, e logo volveu para a súa casa.

 

Palabra do Señor                             

R/. Loámoste, Cristo