IV Domingo

CICLO A

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA SOFONÍAS

Primeira Lectura     Sof 2, 3; 3, 12-13

Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde

 

 

            Buscade o Señor todos os pobres do país, que cumpristes os seus decretos; buscade a xustiza, buscade a humildade.

            Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.

Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde,

e no Nome do Señor terá o seu refuxio o resto de Israel.

            Non farán maldades nin dirán mentiras;

non se atopará na súa boca lingua mentireira.

Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.

 

Palabra do Señor

 

 

SALMO RESPONSORIAL      Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

 

R/.  (Mt 5, 3): Ditosos os pobres no espírito, porque deles é o Reino dos Ceos.

Ou:  Aleluia.

 

O Señor failles xustiza aos oprimidos

e dálles pan aos famentos.

O Señor libra os cativos.

 

O Señor abre os ollos dos cegos,

o Señor endereita os dobrados,

o Señor ama os xustos.

O Señor protexe os forasteiros.

 

O Señor sostén os orfos e as viúvas,

extravía os camiños dos malvados.

O Señor reina eternamente,

o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.

Aleluia.

 

 

 

LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

Segunda Lectura     1 Cor 1, 26-31

Deus elixiu os febles do mundo

 

            Irmáns:

            Reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza.

            Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poderoso; o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é; de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus.

            Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".

 

Palabra do Señor

 

 

ALELUIA     Mt 5, 12a

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Alegrádevos e reloucade,

porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.

Aleluia.

 

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo     Mt 5, 1-12a

Ditosos os que teñen espírito de pobres

 

            Naquel tempo, Xesús, ao ver a multitude, subiu ao monte, sen­touse e achegáronselle os seus discípulos; e el, tomando a pala­bra, ensinábaos dicíndolles:

            Ditosos os pobres no espírito,

porque deles é o Reino dos Ceos.

            Ditosos os que choran,

porque eles serán consolados.

            Ditosos os sufridos,

porque eles herdarán a terra.

            Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,

porque eles ficarán fartos.

            Ditosos os misericordiosos,

porque eles serán tratados con misericordia.

            Ditosos os de corazón limpo,

porque eles verán a Deus.

            Ditosos os que traballan pola paz,

porque eles serán chamados fillos de Deus.

            Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,

porque deles é o Reino dos Ceos.

            Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.

 

Palabra do Señor