Bautismo do Señor

 

Domingo despois do 6 de xaneiro

O BAUTISMO DO SEÑOR

 

                Nos lugares onde a solemnidade da Epifanía se traslada ao domingo, e este domingo cae nos días 7 ou 8 de xaneiro e, polo tanto, a festa do Bautismo do Señor trasládase ao luns inmediato, lese unha soa lectura antes do Evanxeo.

 

 

Primeira Lectura   Is 42, 1-4. 6-7

Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

 

                Isto di o Señor:

                Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

                Teño posto sobre el o meu espírito,

ditaralles sentenza xusta ás nacións.

                Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

                Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

                Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa Lei, que esperan as nacións.

                Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere os presos,

da prisión os que viven na escuridade.

 

     Palabra do Señor                                                  R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIALSal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10

R.: (11b) O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.

 

Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,

tributádelle ao Señor gloria do seu nome,

adorade o Señor no seu atrio sagrado.

 

A voz do Señor sobre as augas,

o Señor sobre as augas copiosas.

A voz do Señor é poderosa,

a voz do Señor é maxestosa.

 

O Deus glorioso fai tronar.

No seu santuario todo di: Gloria!

O Señor sentou sobre as augas,

o Señor senta como rei eterno.

 

 

 

Segunda Lectura   Feit 10, 34-38

Unxiuno Deus co Espírito Santo

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

                Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:

                — Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.

                El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.

                Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos osque estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.

 

     Palabra do Señor                                                  R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Cf. Mc 9, 6

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:

Este é o meu Fillo predilecto, escoitádeo.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo:   Mc 1, 7-11

Ti es o meu Fillo amado, en ti me comprazo

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

                Naquel tempo, Xoán proclamaba:

                — Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, perante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.

                E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaré de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán.

                E,deseguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:

                — Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.

 

      Palabra do Señor                                            R.: Loámoste, Cristo

 

 

 

AD LIBITUM, PARA O ANO B

 

Primeira Lectura   Is 55, 1-11

Vinde ás augas, escoitade, para que teñades vida

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

 

                Isto di o Señor:

                Oh, sedentos todos, vinde por auga!

                Os que non tedes prata, vinde,

comprade comida e comede,

vinde e comprade comida;

sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.

                Porque cambiades prata polo que non é pan

e o voso xornal polo que non farta.

                Escoitádeme ben:

comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.

                Baixade o oído e vinde onda min,

facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,

pois pactarei convosco unha alianza eterna,

os beneficios de David que se manteñen firmes.

                Velaí, fareino pregoeiro das nacións,

príncipe e lexislador das nacións.

                Convocarás un pobo que non coñeces,

e un pobo que non te coñece correrá onda ti,

polo Señor, teu Deus, e polo santo de Israel,

que tanto te glorificou!

                Buscade o Señor mentres se deixa atopar,

invocádeo mentres está cerca.

                Que o malvado deixe o seu vieiro,

e que o home pecador deixe os seus planos,

que se volva ao Señor para que teña misericordia del,

que se volva ao noso Deus

que tanto engrandece ao perdoar!

                Pois si, os meus planos non son os vosos planos,

nin os vosos vieiros son os meus vieiros

—é o Señor quen fala—.

                Canto máis altos son os ceos que a terra!

Así son máis altos os meus plans ca os vosos plans,

e os meus vieiros ca os vosos vieiros.

                Velaquí, como a chuvia e a neve baixan do ceo

e non volven aló sen enchoupar a terra,

fecundala e facela brotar,

para que lle dea semente ao que sementou

e pan ao que come,

así tamén será a miña palabra que sae da miña boca,

non volverá a min en van,

senón que fará o que eu queira,

e conseguirá aquilo para o que a mandei.

 

     Palabra do Señor                                                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

R.: (3)Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

 

Deus é a miña salvación,

procederei confiadamente e non terei medo.

A miña forza e o meu cántico é o Señor,

el é a miña salvación.

Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

 

Dádelle grazas ao Señor e invocade o seu nome.

Pregoade entre os pobos os seus feitos,

proclamade que o seu nome é grande.

 

Cantádelle ao Señor,

que fixo cousas magníficas,

anunciádeas en toda a terra.

Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:

Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.

 

 

 

Segunda Lectura   1 Xn 5, 1-9

O Espírito e a auga e o sangue

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN

 

                Meus amigos:

                Todos cantos cren que Xesús é o Mesías naceron de Deus, e quen ama ao que xera ama tamén a quen aquel xerou. Sabemos que amamos os fillos de Deus se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.

                Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo: a nosa fe.

                Porque quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?

                O que veu con auga e sangue foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue. E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.

                Porque tres son os que dan testemuño: o Espírito, a auga e mais o sangue; e os tres testemuñan no mesmo sentido. Se nós aceptamos o testemuño dos homes, maior razón ten o testemuño de Deus. E este é o testemuño de Deus, o que El nos ten dado acerca do seu Fillo.

 

            Palabra do Señor                                                      R.: Grazas a Deus

 

 

ALELUIA   Cf. Xn 1, 29

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Viu Xoán a Xesús que viña onda el e dixo:

Velaquí o Año de Deus que quita o pecado do mundo.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo    Mc 1, 7-11

Ti es o meu Fillo amado, en ti me comprazo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
 
            Naquel tempo, Xoán proclamaba:
            ‑ Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, perante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.
            E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaré de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán.
            E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:
            ‑ Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.
 
 
 
 

 Palabra do Señor                                                R.: Loámoste, Cristo

   

 

 

 

                O domingo despois da festa do Bautismo do Señor comezan as lecturas dos domingos do tempo ordinario.