Venres Santo

 

 

VENRES SANTO

 

CELEBRACIÓN DA PAIXÓN DO SEÑOR

 

 

Primeira Lectura   Is 52, 13-53, 12

Foi ferido por culpa das nosas iniquidades (4.º Canto do Servo)

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

 

            Velaquí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ao seu Servo.

A gran multitude quedará abraiada diante del,

pois o seu aspecto non parecía o dun home,

a súa figura non parecía a dun fillo de Adán.

            Pero agora fará conmover a pobos numerosos;

por causa del os reis pecharán a súa boca,

porque contemplarán o quenunca se lles contou,

e comprenderán o que nunca escoitaron.

            Quen creu o que lle dixemos?

A quen se lle revelou o brazo do Señor?

            El subiu coma tenro gromo na súa presenza,

coma raíz en terra reseca.

            Non tiña beleza nin esplendor;

vímolo, e o seu aspecto non era atraente.

            Desprezado, o máis rexeitado dos homes,

varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.

            Coma alguén de quen se esconde a cara,

desprezado, non lle tivemos aprecio.

            El cargou coas nosas dores,

el soportou os nosos sufrimentos.

            Nós considerámolo ferido,

castigado por Deus e aflixido.

            Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,

foi esmagado polas nosas iniquidades.

            O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,

a súa ferida foi a nosa curación.

            Todos nós, coma rabaño, andabamos perdidos,

cada un polo seu camiño.

            Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós.

Foi oprimido, foi aflixido;

pero el non abriu a súa boca.

            Foi levado coma unha res á matanza

e, coma ovella muda ante o tosquiador,

non abriu a súa boca.

            Foi levado cun xuízo perverso,

ninguén se preocupou da súa vida.

            El foi arrincado do mundo dos vivos,

para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.

            Puxeron a súa sepultura entre os malvados,

e a súa tumba entre os ricos,

aínda que non cometeu violencia,

nin houbo fraude na súa boca.

            O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento.

Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.

            Pero el verá descendencia, alongará os seus días

e por medio del cumprirase a salvación do Señor.

            Polos traballos da súa vida verá a luz,

alcanzará a sabedoría.

            O Xusto volverá xusto o seu Servo

para o ben de moitos

e as iniquidades destes el soportará.

            Por isto repartirei con el xunto cos grandes,

e cos poderosos terá parte no botín,

porque entregou a súa vida á morte

e foi contado cos malvados.

            Si, el foi o que cargou co pecado de moitos

e fai a intercesión polos malvados.

 

    Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 30, 2 e 6. 12-13. 15-16. 17 e 25

 

R.: (Lc 23, 46)Meu Pai, nas túas mans entrego o meu espírito.

 

Abrígome en ti, Señor,

que endexamais me vexa defraudado;

Nas túas mans entrego o meu espírito,

ti, Señor, o Deus fiel, hasme librar.

 

Son o riso dos inimigos,

a burla dos meus veciños.

Para os meus coñecidos son espanto,

foxen ao verme na rúa.

Esquécense de min, coma dun morto;

eu son coma un cacharro que non serve.

 

Mais eu teño confianza en ti, Señor,

e digo: “Ti es o meu Deus”.

Nas túas mans está o meu porvir,

líbrame do poder dos inimigos

e dos meus perseguidores.

 

Fai brillar o teu rostro para o teu servo,

sálvame, pola túa misericordia.

Sede fortes e valentes

os que esperades no Señor.

 

 

 

Segunda Lectura   Heb4, 14-16; 5, 7-9

Aprendeu a obediencia e fíxose autor da salvación para todos os que o obedecen

 

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS

 

            Irmáns:

            Xa que temos un gran Sumo Sacerdote quepenetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.

            Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado. Acheguémonos, pois, con liberdade ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e acadar a graza para unha axuda no tempo debido.

            Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade.     

Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecere, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.

 

    Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 

 

 

VERSÍCULO   Flp 2, 8-9

 

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata a morte,

e á morte na cruz.

Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo

e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.

 

 

 

EvanxeoXn 18, 1-19, 42

 

PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN

 

Prenderon a Xesús e atárono

 

            C.: Naquel tempo, saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mais os seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:

            — A quen buscades?

            C.: Respondéronlle:

            S.: A Xesús de Nazaré.

            C.: Díxolles El:

            — Eu son.

            C.: Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. Cando lles dixo: “Eu son”, botáronse para atrás e caeron ao chan. Entón, preguntoulles outra vez:

            — A quen buscades?

            C.: Eles contestaron:

            S.: A Xesús de Nazaré.

            C.: Xesús respondeulles:

            — Díxenvos que son eu, así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.

            C.: Así cumpriuse a palabra que dixera: “Non perdín ningún dos que me deches”.

            Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu o garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. Pero Xesús díxolle a Pedro:

            — Mete a espada na vaíña e, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?

 

Levaron primeiro a Xesús onda Anás

 

            C.: Entón a patrulla, o tribuno e mais os gardas dos xudeus agarraron a Xesús e prendérono.

            Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. Era Caifás aquel que lles dera aos xudeus o consello: “Convén que un home morra polo pobo”.

            Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote.

            Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo—o coñecido do Sumo Sacerdote—, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:

            S.: Non es tamén ti dos discípulos dese home?

            C.: El contestou:

            S.: Non son.

            C.: Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque ía frío, e quecían. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, quecendo.

            Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina.

            Xesús respondeulle:

            — Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e non falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles aos que me oíron de que lles falei, eles saben ben o que dixen.

            C.: Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes deulle unha labazada a Xesús, dicindo:

            S.: Así lle respondes ao Sumo Sacerdote?

            C.: Xesús replicoulle:

            — Se falei mal, demóstrame en que e, se falei ben, por que me pegas?

            C.: Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.

Non es tamén ti dos seus discípulos?

 

            C.: Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:

            S.: Non es tamén ti dos seus discípulos?

            C.: El negouno, dicindo:

            S.: Non son.

            C.: Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:

            S.: E logo non te vin eu na horta con el?

            C.: Pedro negou outra vez e, naquel intre, empezou a cantar un galo.

 

O meu reino non é deste mundo

 

            C.: Levaron entón a Xesús de onda Caifás ao Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua. Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:

            S.: Que acusación traedes contra este home?

            C.: Eles responderon:

            S.: Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.

            C.: Díxolles entón Pilato:

            S.: Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa lei.

            C.: Os xudeus contestáronlle:

            S.: Non nos é lícito matar a ninguén.

            C.: Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.

            Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:

            S.: Es ti o Rei dos Xudeus?

            C.: Xesús respondeu:

            — Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

            C.: Pilato replicou:

            S.: E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min, que fixeches?

            C.: Xesús contestoulle:         

            — O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus, pero o meu reino non é de aquí.

            C.: Díxolle entón Pilato:

            — Logo ti es Rei?

            C.: Xesús respondeu:

            — Tal como o estás dicindo, eu son Rei; para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade. Todo o que está aberto á verdade escoita a miña voz.

            C.: Pilato preguntoulle:

            — Que é a verdade?

            C.: E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:

            S.: Eu non atopo nel culpa ningunha. Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte o Rei dos Xudeus?

            C.: Berraron entón outra vez, dicindo:

            S.: Non,a ese non, a Barrabás. (O tal Barrabás era un bandido).

 

Salve, Rei dos Xudeus!

 

            C.: Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura e, inclinándose diante del, dicíanlle:

            S.:Salve, Rei dos Xudeus!

            C.: E dábanlle labazadas.

            Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:

            S.: Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.

            C.: Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:

            S.: Velaquí o home.

            C.: Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:

            S.: Crucifícao, crucifícao!

            C.: Pilato respondeulles:

            S.: Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.

            C.: Os xudeus replicaron:

            S.: Nós temos unha leie, conforme álei, debe morrer, por se facer Fillo de Deus.

            C.: Cando Pilato oíu estas palabras colleu moito medo, entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:

            S.: De onde es ti?

            C.: Pero Xesús non lle deu unha fala. Entón Pilato insistiu:

            S.:Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para te crucificar?

            C.: Xesús respondeulle:

            — Non terías ningún poder sobre min se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.

 

Fóra, fóra! Crucifícao!

 

            C.: Despois disto, Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:

            S.: Se soltas a ese, non es amigo do César; todo o que se fai rei oponse ao César.

            C.: Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeadoO lousado, en hebreogábaza. Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce da mañá.

            Díxolles aos xudeus:

            S.: Velaquí o voso rei.

            C.: Pero eles berraban:

            S.: Fóra, fóra! Crucifícao!

            C.: Pilato preguntoulles:

            S.: Pero como vou crucificar o voso rei?

            C.: Os sumos sacerdotes insistiron:

            S.: Non temos máis rei ca o César.

            C.: Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.

 

Crucificaron a Xesús, xunto con outros dous

 

            C.: Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.

            Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: “Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus”. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:

            S.: Non escribas “O Rei dos Xudeus”, xa que el dixo “Son Rei dos Xudeus”.

            C.: Pilato respondeu:

            S.: O escrito, escrito está.

 

Repartiron as miñas roupas

 

            C.: Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del—e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado— e mais a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:

            S.: Non a rachemos, sorteémola a ver a quen lle toca.

            C.·Así cumpriuse a Escritura, que di: “Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica”.

            Tal fixeron os soldados.

 

Velaí o teu fillo. Velaí a túa nai.

 

            C.: Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Madalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:

            — Muller, velaí o teu fillo.

            C.: Despois díxolle ao discípulo:

            — Velaí a túa nai.

            C.: Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.

 

Está cumprido

 

            C.: Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:

            — Teño sede.

            C.: Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo:

            — Está cumprido.

            C.: E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

 

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

 

No instante saíu sangue e auga

 

            C.: Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado—pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.

            Viñeron, logo, os soldados e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados lle traspasou o costado cunha lanza e, no instante, saíu sangue e auga.

            Quen o viu dá testemuño, e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún”. E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron”.

 

Envolveron o corpo de Xesús con panos, con aromas

 

            C.:Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús —aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus—, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo.

            Foi tamén Nicodemo—aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite—, que levaba unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.

            Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, envolvérono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo que aínda non usara ninguén.

            Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.

 

       Palabra do Señor                                         R.: Loámoste, Cristo