Domingo XXIII

 

DOMINGO XXIII ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura    Is 35, 4-7a

Abriranse os oídos dos xordos, cantará xubilosa a lingua dos mudos

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

 

            Dicídelles aos de corazón tímido:

“Collede ánimo, non temades.

Velaí o voso Deus.

            Chega a vinganza, a recompensa de Deus.

Chega El mesmo, e salvaravos”.

            Entón abriranse os ollos dos cegos

e os oídos dos xordos destaparanse.

            Entón o coxo saltará coma un corzo

e a lingua domudo cantará xubilosa.

            Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa;

a terra reseca convértese nunha lagoa,

e a terra sedenta en mananciais de auga.

 

                                    Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

 

R.: (1)Loa, miña alma, o Señor.

Ou:Aleluia.

 

El garda por sempre a súa fidelidade,

failles xustiza aos oprimidos

e dálles pan aos famentos.

 

O Señor libra os cativos,

o Señor abre os ollos dos cegos,

o Señor endereita os dobrados,

o Señor ama os xustos.

O Señor protexe os forasteiros.

 

O Señor sostén os orfos e as viúvas,

extravía os camiños dos malvados.

O Señor reina eternamente,

o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.

Aleluia.

 

 

 

Segunda Lectura   Sant 2, 1-5

Non é que Deus elixiu os pobres como herdeiros do reino?

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO

 

            Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certas distincións entre persoas. Entra na vosa asemblea—é un supoñer— un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos. Se vos fixades no que vai ben vestido e lle dicides “ti acomódate ben aquí”e ao pobre “ti queda de pé aí” ou “senta no chan aos meus pés”, non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?

            Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños, seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu aos que o aman?

 

                                    Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Cf. Mt 4, 23

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,

e curaba todas as enfermidades do pobo.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Mc 7, 31-37

Fixo oír aos xordos e falar aos mudos

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápole. Presentáronlle un xordomudo e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:

            — Effatá (ou sexa, “ábrete”).

            E no instante abríronselle os oídos e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén, pero canto máis llelo prohibía máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:

            — Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

 

                                    Palabra do Señor                                         R.: Loámoste, Cristo