Domingo XXVIII

 

DOMINGO XXVIII ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura   Sab 7, 7-11

En nada considerei as riquezas comparándoas coa sabedoría

 

LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA

 

            Roguei e foime dada a prudencia,

supliquei e veu a min o espírito da sabedoría.

            Preferina a cetros e tronos,

en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;

non se lle asemella a alfaia de máis prezo,

pois todo o ouro,ao seu lado, é unha manchea de area,

e xunto a ela a prata é coma a lama.

            Ameina por riba da saúde e da beleza,

escollín posuíla en troques da luz,

pois o seu raiolar non ten solpor.

            Con ela viñéronme xuntos todos os bens,

polas súas mans, riquezas incontables.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 89, 12-13. 14-15. 16-17

R.: (14)Énchenos da túa misericordia, Señor, e brincaremos de ledicia.

 

Ensínanos a contar os nosos días,

para que acheguemos o corazón á sabedoría.

Volve, Señor. Por canto aínda?

Apiádate dos teus servos.

 

Dános de mañá a fartura da túa misericordia,

para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.

Alégranos polos días en que nos aflixiches,

por tantos anos de coitas.

 

Que se vexa a túa obra nos teus servos,

e a túa gloria nos seus fillos.

Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco,

que el consolide as obras das nosas mans.

 

 

 

Segunda Lectura   Heb 4, 12-13

A palabra de Deus xulga pensamentos e intencións do corazón

 

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS

 

            A palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante ca unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula.

            Ela xulga os proxectos e os pensamentos.

            Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable aos seus ollos; é a ela a quen lle temos de dar contas.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Mt 5, 3

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Ditosos os pobres no espírito

porque deles é o Reino dos Ceos.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Mc 10, 17-30 (longa)

Vende todo o que tes e repárteo entre os pobres e, despois, ven e sígueme

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, estaba Xesús saíndo para se pór en camiño e chegou correndo un home, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

            — Mestre bo, que teño que facer para acadar avida eterna?

            Xesús respondeulle:

            — Por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: “Non mates, non cometas adulterio, non rou­bes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai”.

            El replicoulle:

            — Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

            Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:

            — Aínda che falta unha cousa: “Vai, vende todo o que tes, repárteo entre os pobrese terás un tesouro no ceo e, despois, ven e sígueme”.

Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

            Xesús, mirando arredor, díxolles aos discípulos:

            — Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!

            E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:

            — Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla do que para un rico entrar no Reino de Deus.

            Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:

            — E quen se vai poder salvar?

            Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:

            — É imposible para os homes, pero non para Deus, porque todo é posible para Deus.

            Entón comezou Pedro a dicirlle:

            — Mira que nós deixámolo todo e seguímoste.

            Dixo Xesús:

            — Dígovolo de verdade: “Non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai ou fillos ou leiras por cousa miña e por cousa do Evanxeo, que pase sen recibir agora, neste tempo, cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais, fillos e leiras, xunto con persecucións e, no mundo futuro, a vida eterna”.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

______________________________________________________________________

 

Ou:17-27 (máis breve)

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, estaba Xesús saíndo para se pór en camiño, e chegou correndo un home que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

            — Mestre bo, que teño que facer para acadar avida eterna?

            Xesús respondeulle:

            — Por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: “Non mates, non cometas adulterio, non rou­bes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai”.

            El replicoulle:

            — Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

            Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:

            — Aínda che falta unha cousa: “Vai, vende todo o que tes, repárteo entre os pobres e terás un tesouro no ceoe, despois, ven e sígueme.

            Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

            Xesús, mirando arredor, díxolles aos discípulos:

            — Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!

            E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:

            — Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla do que para un rico entrar no Reino de Deus.

            Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:

            — E quen se vai poder salvar?

            Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:

            - É imposible para os homes, pero non para Deus, porque todo é posible para Deus.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo