Domingo II

 

DOMINGO II ORDINARIO

 

Primeira Lectura   1 Sam 3, 3b-10. 19

Fala, Señor, que o teu servo escoita

 

LECTURA DO PRIMEIRO LIBRO DE SAMUEL

 

            Naqueles días, Samuel estaba deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.

            O Señor chamou por Samuel e este respondeulle:

  • Aquí estou.

E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle:

  • Aquí estou, pois chamaches por min.

Elí díxolle:

  • Eu non te chamei, vai e déitate.

E Samuel volveu deitarse.

O Señor chamou de segundas por Samuel.

Samuel ergueuse e foi onda Elí, e díxolle:

  • Aquí estou, pois chamaches por min.

Elí respondeulle:

  • Eu non te chamei, meu fillo, vai e déitate.

Daquela Samuel non coñecía o Señor, pois a palabra do Señor aínda non se lle revelara.

O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi onda Elí, e díxolle:

  • Aquí estou, pois chamaches por min.

Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba o rapaz, e díxolle a Samuel:

  • Vai e déitate e, se te chama outra vez, dirás: “Fala, Señor, que o teu servo escoita”.

Samuel marchou e deitouse no seu sitio.

O Señor presentouse e chamou coma as outras veces:

  • Samuel, Samuel!

E Samuel dixo:

  • Fala, Señor, que o teu servo escoita.

            Samuel ía crecendo, o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ningunha palabra súa.

 

         Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10

 

R.: (8a e 9a)Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.

 

Esperei arelante no Señor;

el volveu cara a min os seus ollos

e escoitou o meu lamento.

Púxome na boca un cantar novo,

un himno de loanza ao noso Deus.

 

Sacrificios e ofrendas non os queres,

pero formáchesme uns oídos.

Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;

entón eu digo: “Aquí veño”.

 

No texto do libro está escrito de min

que debo facer a túa vontade.

Meu Deus, iso é o que eu quero,

e o teu mandato está no meu corazón.

 

Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,

non pechei os meus labios; ben o sabes, Señor.

 

 

 

Segunda Lectura   1 Cor 6, I3c-I5a. I7-20

Os vosos corpos son membros de Cristo

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            O corpo non é para a fornicación, senón para o Señor, e o Señor é para o corpo. E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.

            Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E quen se xunta ao Señor é un mesmo espírito con El. Fuxide da impureza.

            Calquera pecado que o home poida cometer cae fóra do corpo, pero quen comete impureza peca contra o seu propio corpo.

            Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, que o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós?

            Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, polo tanto, a Deus co voso corpo.

 

            Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Xn 1, 41. 17b

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Encontramos o Mesías, que é Cristo,

por medio del déusenos a graza e a verdade.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Xn 1, 35-42

Viron onde paraba e quedaron con el

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

            Naquel tempo, estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:

            — Velaquí o Año de Deus.

            Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:

            — Que buscades?

            Eles respondéronlle:

            — Rabbí(que quere dicir mestre), onde paras?

            El díxolles:

            — Vide e veredes.

            E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.

            Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:

            — Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).

            E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:

            — Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Cefas (que quere dicir Pedro).

 

         Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo