Venres Santo

 

 

CELEBRACIÓN DA PAIXÓN DO SEÑOR

 

PRIMEIRA Is 52, 13 - 53, 12

Foi ferido por culpa das nosas iniquidades (4º Canto do Servo)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

13Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo.

 

14A grande multitude quedará abraiada ante el,

pois o seu aspecto non parecía o dun home,

a súa figura non parecía a dun fillo de Adam.

 

15Pero agora fará conmover a pobos numerosos:

por causa del os reis pecharán a súa boca,

porque contemplarán o que nunca se lles contou, e comprenderán o que nunca escoitaron.

 

53 1¿Quen creu o que lle dixemos?

¿A quen se lle revelou o brazo do Señor?

 

2El subiu coma tenro gromo na súa presencia,

coma raíz en terra reseca.

Non tiña beleza nin esplendor;

vímolo, e o seu aspecto non era atraente.

 

3Desprezado, o máis rexeitado dos homes,

varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.

Coma alguén de quen se esconde a cara,

desprezado, non lle tivemos aprezo.

 

4El cargou coas nosas dores,

el soportou os nosos sufrimentos.

Nós considerámolo ferido,

castigado por Deus e aflixido.

 

5Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,

foi esmagado polas nosas iniquidades.

O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,

a súa ferida foi a nosa curación.

 

6Todos nós coma rabaño andabamos perdidos,

cada un polo seu camiño.

Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós.

 

7Foi oprimido, foi aflixido;

pero el non abriu a súa boca.

Foi levado coma unha res á matanza,

e, coma ovella muda ante o tosquiador,

non abriu a súa boca.

 

8Foi levado cun xuízo perverso,

ninguén se preocupou da súa vida.

El foi arrincado do mundo dos vivos,

para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.

 

9Puxeron a súa sepultura entre os malvados,

e a súa tumba entre os ricos,

aínda que non cometeu violencia,

nin houbo fraude na súa boca.

 

10O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:

Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.

Pero el verá descendencia, alongará os seus días

e por medio del cumprirase a salvación do Señor.

11Polos traballos da súa vida verá a luz,

alcanzará a sabedoría.

O Xusto volverá xusto o seu Servo

para o ben de moitos

e as iniquidades destes el soportará.

 

12Por isto repartirei con el xunto cos grandes,

e cos poderosos terá parte no botín,

porque entregou a súa vida á morte

e foi contado cos malvados.

Si, el foi o que cargou co pecado de moitos

e fai a intercesión polos malvados.

 

 

 

SALMO RESP. Sal 30, 2 e 6.I2-I3.I5-I6.I7 e 25

R/ (Lc 23, 46): Ás túas mans, Pai, encomendo o meu espírito

 

2A ti, Señor, eu acóllome:

que endexamais non me vexa defraudado.

6Nas túas mans encomendo a miña vida,

e ti librarasme, Señor, Deus fiel.

 

12Son o riso dos inimigos,

a burla dos meus veciños.

 

Para os meus coñecidos son espanto:

foxen ó verme na rúa.

13Esquécense de min, coma dun morto;

eu son coma un cacharro que non serve.

 

15Mais eu teño confianza en ti, Señor,

e digo: -"Ti e-lo meu Deus.

16Nas túas mans está o meu porvir:

líbrame do poder dos inimigos e dos meus perseguidores.

 

17Fai brilla-lo teu rostro para o teu servo,

sálvame, pola túa misericordia.

25Sede fortes e valentes

os que esperades no Señor.

 

 

 

SEGUNDA Hebr 4, I4-I6; 5, 7-9

Aprendeu a obediencia e fíxose autor da salvación para tódolos que o obedecen

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

14Xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámo-la esperanza que profesamos.

 

15Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, 

senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.

16Acheguémonos, con liberdade ó trono da gracia, para conseguirmos misericordia e

atoparmos gracia para unha axuda no seu debido tempo.

 

7Cristo, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e

súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión.

8Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; 9e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, 

converteuse en causa de salvación eterna, para tódolos que lle obedecen,

 

 

 

VERSIÑO Flp 2, 8-9:

 

Cristo fíxose obediente por nós

ata a morte, e unha morte de cruz.

 

Por iso Deus exaltouno:

e deulle un título que está sobre todo título

 

 

 

EVANXEO Xn 18, 1 - 19, 42

PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN

 

 

18 1Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. 2Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. 3Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. 4Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:

-¿A quen buscades?

 

5Respondéronlle:

-A Xesús de Nazaret.

 

Díxolles El:

-Eu son.

 

Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. 6Cando lles dixo Eu son, botáronse para trás e caeron ó chan. 7Entón, preguntoulles outra vez:

-¿A quen buscades?

 

Eles contestaron:

-A Xesús de Nazaret.

 

8Xesús respondeulles:

-Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.

 

9Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".

 

10Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. 11Pero Xesús díxolle a Pedro:

-Mete a espada na vaíña; ¿e, logo, non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?

 

12Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.

 

13Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. 14(Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").

 

15Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. 16Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo -o coñecido do Sumo Sacerdote-, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. 17A porteira preguntoulle a Pedro:

-¿Non es tamén ti dos discípulos dese home?

 

El contestou:

-Non son.

 

18Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse.

Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.

 

19Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. 20Xesús respondeulle:

-Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. 21¿Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.

 

22O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:

-¿Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?

 

23Xesús replicoulle:

-Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, ¿por que me pegas?

 

24Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.

 

25Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:

-¿Non es tamén ti dos seus discípulos?

 

El negouno, dicindo:

-Non son.

 

26Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:

-¿E logo non te vin eu na horta con el?

 

27Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.

 

28Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen come-la Pascua. 29Saíu entón fóra Pilatos, onda eles, e preguntou:

-¿Que acusación traedes contra este home?

 

30Eles responderon:

-Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.

 

31Díxolles entón Pilatos:

-Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.

 

Os xudeus contestáronlle:

-Non nos é lícito matar a ninguén.

 

32Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.

 

33Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:

-¿Es ti o Rei dos Xudeus?

 

34Xesús respondeu:

-¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

 

35Pilato replicou:

-¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿que fixeches?

 

36Xesús contestoulle:

-O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían 

para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.

 

37Díxolle entón Pilato:

-¿Logo ti es Rei?

 

Xesús respondeu:

-Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar

testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

 

38Pilato preguntoulle:

-¿Que é a verdade?

 

E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:

-Eu non atopo nel culpa ningunha. 39Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. 

¿Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?

 

40Berraron entón outra vez, dicindo:

-Non. A ese non; a Barrabás.

 

(O tal Barrabás era un bandido).

 

19 1Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. 2Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, 3e, inclinándose diante del, dicíanlle: "¡Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.

 

4Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:

-Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.

 

5Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:

-Ei-lo home.

 

6Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:

-¡Crucifícao, crucifícao!

 

Pilato respondeulles:

-Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.

 

7Os xudeus replicaron:

-Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.

 

8Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, 9entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:

-¿De onde es ti?

 

Pero Xesús non lle deu unha fala. 10Entón Pilato insistiu:

-¿Comigo non falas? ¿Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?

 

11Xesús respondeulle:

-Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me

entregou a ti ten maior pecado.

 

12Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:

-Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.

 

13Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio

nomeado "O enlousado", en hebreo "gábaza". 14(Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día).

 

Díxolles ós xudeus:

-Velaquí o voso rei.

 

15Pero eles berraban:

-¡Fóra, fóra! ¡Crucifícao!

 

Pilato preguntoulles:

-Pero ¿como vou crucifica-lo voso rei?

 

Os sumos sacerdotes insistiron:

-Non temos máis rei có César.

 

16Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.

 

Entón colleron a Xesús. 17Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. 18Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.

 

19Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. 20Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. 21Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:

-Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".

 

22Pilato respondeu:

-O escrito, escrito está.

 

23Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del -e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado-, e maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. 24E falaron entre eles:

-Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.

 

Así cumpriuse a Escritura, que di:

Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.

 

Tal fixeron os soldados.

 

25O pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. 26Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:

-Muller, velaí o teu fillo.

 

27Despois díxolle ó discípulo:

-Velaí a túa nai.

 

Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.

 

28Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". 29Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. 30Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

 

31Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado -pois era grande aquel día de sábado-, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.

 

32Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlle-las pernas ó primeiro e mais ó outro que crucificaran con el. 33Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, 34senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.

 

35Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. 36Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". 37E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.

 

38Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús -anque ás agachadas, por medo ós xudeus-, rogoulle a Pilato que lle deixase retira-lo corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. 39Foi tamén Nicodemo -aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite-, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.

 

40Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. 41No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. 42Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.