Domingo 3

 

3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO C

 

Primeira Lectura     Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10

Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían

 

LECTURA DO LIBRO  DE NEHEMÍAS

 

     Naqueles días, o sacerdote Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e de todos os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.

     Na praza que está diante da porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o mediodía, en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran capaces de pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.

     O escriba Esdras púxose en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e cando o abriu, o pobo púxose en pé.

     Entón Esdras bendiciu o Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu: "Amén, amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao Señor.

     Os levitas lían no libro da Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido, explicando o que lían.

     Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban a Lei ao pobo, dixeron a toda a asem­blea:

     ‑ Este día está consagrado ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto, non choredes máis (pois todo o pobo choraba ao oír as palabras da Lei).

     E engadiron:

     ‑ Ídevos, comede boas talladas, bebede viños doces e leváde­lles tamén aos que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ao noso Señor; non andedes aflixidos, porque o gozo do Señor é a vosa forza.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL      Sal 18, 8. 9. 10. 15

R/.  (Xn 6, 63c):  As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.

 

A lei do Señor é perfecta:

reconforta a alma;

a declaración do Señor é firme:

fai sabio ao inxenuo.

 

Os mandatos do Señor son rectos:

aledan o corazón;

o precepto do Señor é limpo:

ilumina os ollos.

 

A vontade do Señor é pura:

permanece por sempre;

as decisións do Señor son verdadeiras:

enteiramente xustas.

 

Dígnate aceptar a palabra da miña boca

e o sentir do meu corazón:

Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!

 

 

Segunda Lectura    1 Cor 12, 12-30 (máis longa)

Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo, onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?

            Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se todo fose un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós".         Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; cousa que non precisan os honestos.

            Deus dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa discordia no corpo; senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.

            Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.

            Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

______________________________________________________________________

 

Ou máis breve: 12-14. 27

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.

            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

ALELUIA    Lc 4, 18

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;

a predicarlles a liberación aos cativos.

Aleluia.

 

 

Evanxeo     Lc 1, 1-4; 4, 14-21

Hoxe cumpriuse esta Escritura

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

            Ilustre Teófilo:

            Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.

            Naquel tempo, coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.

            Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.

            Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:

            O Espírito do Señor está sobre min

porque El foi quen me unxiu

para proclamarlles a Boa Nova aos pobres.

            Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados

e a vista aos cegos,

para lles dar liberdade aos asoballados,

e proclamar o ano de graza do Señor.

            Pechando o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:

-          Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo