Domingo XVIII

 

18º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C 

 

 

Primeira Lectura     Ecl 1, 2; 2, 21-23

Que lle aproveita  ao home todo o seu labor?

 

LECTURA DO LIBRO DO ECLESIASTÉS

 

            Vaidade de vaidades ‑di Qohélet‑ un lene sopro, un breve aire é todo.

            Pon por caso un home que lle debe o que gañou  ao seu saber, prudencia e éxito, e que o teña que deixar en herdanza a un que non o traballou. Évos tamén un gran sen sentido e gran mal.

            Abofé, que tira un home tal de todo o seu esforzo e de darlle voltas  ao maxín, traballando baixo o sol?

            "Dores todos os días,

            molestias do seu trasfegar,

            noites en branco matinando",

            E isto sonvos tamén andrómenas!

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL    Sal 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17

 

R/.  (1):  O Señor é o noso agarimo  ao longo das xeracións.

 

Ti repós no po os mortais,

con dicirlles: "volvede, fillos de Adán".

Mil anos son ante ti

coma o día de onte que pasou,

coma unha vixilia da noite.

 

Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro;

son coma herba que agroma:

de mañá florece e verdea,

á tarde ségana e seca.

 

Ensínanos a contar os nosos días,

para que acheguemos o corazón á sabedoría.

Volve, Señor. Por canto aínda?

Apiádate dos teus servos.

 

Dános de mañá a fartura da túa misericordia,

para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.

Que a bondade do Señor, o noso Deus, sexa connosco,

que el consolide as obras das nosas mans.

 

 

Segunda Lectura     Col 3, 1-5. 9-11

Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES

 

            Irmáns:

            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.

            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.

            Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría.

            Non vos mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos e vos revestistes do home novo, que se vai anovando conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total.

            Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

 

ALELUIA     Mt 5, 3

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, Aleluia.

Ditosos os pobres no espírito

porque deles é o reino dos ceos.

Aleluia.

 

 

Evanxeo     Lc 12, 13-21

Para quen será todo o que fixeches?

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

            Naquel tempo, díxolle a Xesús un que estaba entre a xente:

            ‑ Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

            El contestoulle:

            ‑ Home, quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?

            E logo díxolle á xente:

            ‑ Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.

            E propúxolles unha parábola:

            ‑ As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: "Como vou facer, que non teño onde meter o froito?" E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e, a vivir!" Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: para quen será todo o que fixeches?"

            Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo