31/05 A Visitación

 

 

PRIMEIRA Sof 3, 14-18

O Señor, rey de Israel, está no medio de ti

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE SOFONÍAS

14Exulta, filla de Sión;

berra lediciosa, Israel,

alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.

15O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás ós teus inimigos.

O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás a ter medo da desgracia.

16No día aquel diráselle a Xerusalén:

Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.

17O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, un heroe que salva.

El salta de alegría por ti,

embrúxate co seu amor,

dá brincos de alegría por ti.

18Eu aparteite da asemblea festiva;

retirei de ti o seu ¡Ai!;

o oprobio que pesa sobre esas asembleas.

 

Ou: Rm 12, 9-16b

 

Atendede ás necesidades dos santos,

practicade a hospitalidade

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:

9Que o amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ó ben: 10sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua; 11no traballo non teñades preguiza; no espírito afervoados; para o Señor, como escravos. 12Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración; 13solidarios nas necesidades dos santos e practicando a hospitalidade.

14Bendicide ós que vos perseguen, bendicide e non maldigades. 15Alegrádevos cos que están alegres, chorade cos que choran. 16Tédevos na mesma estima uns a outros: non vos deades aires de grandeza, senón acomodádevos ós humildes.

 

 

SAL. RESP. Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

R/ (6b) Grande é no medio de ti o Santo de Israel

 

2Velaí, Deus é a miña salvación, terei confianza, e non medo.

El é a miña forza, por isto louvareino.

Si, o Señor é a miña salvación.

3Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

4Dádelle gracias ó Señor, invocade o seu nome.

Dade a coñecer entre os pobos os seus feitos,

facédelle a lembranza de que é grande o seu Nome.

5Cantádelle ó Señor. De verdade fixo cousas magníficas, que serán coñecidas en toda a terra.

6Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:

Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.

 

 

ALELUIA Cf Lc 1,45

Ditosa ti, Virxe María, que criches,

porque se cumprirá todo canto che anunciaron de parte do Señor

 

 

EVANXEO Lc 1, 39-56

¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

María saíu con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. 40Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. 41E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, 42exclamou Isabel, a grandes voces:

-Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. 43¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? 44Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. 45¡Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

46Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor,

47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,

48porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí: desde agora

tódalas xeracións me van felicitar.

49¡Marabillas o Poderoso fixo en min!

O seu nome é Santo;

50a súa misericordia chega xeración tras xeración a tódolos que o temen.

51Manifesta o poder do seu brazo,

desbaratando os plans dos soberbios.

52Derruba do seu trono ós poderosos,

e fai subir ós humildes;

53ós famentos éncheos de bens,

e ós ricos despídeos baleiros.

54Ampara a Israel, o seu Servidor,

 

lembrándose da súa misericordia,

55conforme prometera a nosos pais,

en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

56María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa.