Viacrucis da Esperanza

Para xoves

 TEMA: UN MUNDO CHEO DE CRUCES

 

 

ESQUEMA

 

o     Enunciado da estación

o     Resposta: “Adorámoste Cristo, e bendicímoste que pola túa Santa Cruz redimiches ao mundo”

o     Proclamación do texto bíblico

o     Reflexión

o     Silencio

o     Canto

-----------------------------------------------------

 

1ª ESTACIÓN: A CRUZ DO PARO

 

“O Reino dos ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:

-         Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto

Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:

-         Pero, que facedes aquí, todo o día sen traballar?.

Eles responderon:

-         É que ninguén nos contratou

El díxolles entón:

-         Ide vós tamén á miña viña”.

 

(Mt 20, 1-7)

 

A primeira cruz desta noite achéganos ao complexo mundo laboral. No noso primeiro mundo, por mor da crise económica, o paro estase a converter nunha cruz difícil de soportar para moitas familias que hoxe poñemos nas túas mans. O neoliberalismo, o egoísmo económico e persoal, o desexo de enriquecerse a calquera prezo foron facendo que o traballo deixase de ser camiño de realización persoal e de achegamento á sociedade para converterse simplemente nun medio de obtención de cartos. A despersonalización do mundo laboral fai que o traballador sexa unha persoa sen rostro, sen vida, sen sentimentos… un anónimo.

Señor, nesta noite queremos poñer diante túa a cruz do paro, mellor dito, as moitas cruces que encerra o mundo laboral: persoas sen contratos, con contratos-lixo, sen seguridade laboral, rexeitadas por motivos de xénero ou por falta de experiencia… Que nós, que nos dicimos seguidores teus, nos abramos ao compromiso e á solidariedade, tamén no eido laboral; pois non podemos esquecer que a través do noso traballo colaboramos contigo na recreación do mundo.

 

 

2ª ESTACIÓN: A CRUZ DA VELLEZ

 

“Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais co neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colléndoo nos brazos, loou a Deus…

Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana…Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xaxún e oracións. Presentándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén”.

(Lc 2, 25-28. 36-38)

 

Señor, queremos lembrarnos nesta estación de todos os maiores; daquelas persoas que nos legaron todo o que somos e temos, que nos abriron os ollos a fe, que nos ensinaron a vivir, a camiñar, a ser felices, que nos deron exemplo de loita e de constancia, exemplo de vivir no medio de dificultades, de enfermidades e tamén das alegrías. Hoxe lembrámonos deles porque a súa vida moitas veces tornase nunha cruz. Os anos pasan, as forzas fraquean e xa non son os que eran, pero non por iso son inútiles e hai que apartalos, abandonalos ou esquinalos ata que lles chegue o momento da morte.

Fai Señor, que acollamos esta etapa da súa vida con alegría e con agradecemento, con gañas de descubrir neles outro xeito de entender o mundo, outra maneira de ver as persoas, de vivir a vida con intensidade. Eles tamén teñen unha misión, ao igual que Zacarías e Ana mostraron ao Salvador. Que renunciemos a parte da nosa comodidade e do noso tempo a favor deles, que tanto nos deron e nos dan. Que o amor, a comprensión, a paciencia e a xenerosidade sexan actitudes profundamente arraigadas na nosa existencia

 

 

3ª ESTACIÓN: A CRUZ DOS ACCIDENTES DE TRÁFICO

 

“Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga liviá”.

 

(Mt 11, 28-30)

 

Unha das cruces do noso tempo que máis afecta á xente nova é a dos accidentes de tráfico. Si, Señor, son moitos os mozos e mozas que cada fin de semana perden a súa vida nas estradas dos nosos países occidentais. Unhas veces as presas, outras o cansazo, noutras ocasións o alcohol ou as drogas, fan que diminúa a atención e que tantas vidas, chamadas a dar froito, a achegar ilusión e enerxía nova á sociedade, queden truncadas nunha recta moi longa ou se vaian por un barranco abaixo. Nesta noite, na que nos invitas á reflexión sobre esta cruz, queremos tomar conciencia da importancia de que cando nos poñamos ao volante ou ao guiador, ou fagamos con sentidiño, sen presas, sabendo que levamos nas mans unha máquina que en si mesma nin é mala nin boa, pero que o seu mal uso pode acabar truncando proxectos, ilusións e familias; nunha palabra: moita dor. Que saibamos ser responsables para construír vida e non morte. E que non esquezamos nunca que velocidade adecuada, atención, cinto, casco e responsabilidade son semente de vida.

 

4ª ESTACIÓN: A CRUZ DA EXPLOTACIÓN INFANTIL

 

“E leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:

-         Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.

E abrazounos e bendiciunos e impúxolles as mans”.

(Mc 10, 13-16)

 

A infancia é un tempo de espertar e abrir os ollos ao mundo, pero é tamén o tempo da inxenuidade, da confianza, de quedar abraiados polo que fan os maiores. Non é entón de estrañar que nenos e nenas teñan neles uns heroes aos que querer parecerse. Os cativos son crédulos e confiados, e é esa mesma confianza a que os leva a non ser capaces de entender que poida haber alguén que busque enganalos, que queira utilizalos, que pense en explotalos ou en abusar deles.

Os pequenos e as pequenas son así; pero por desgraza os maiores non, por iso usan o engano, a mentira ou a súa experiencia para utilizalos e facerlles dano. Son moitos, Señor, os nenos e nenas vítimas dos máis baixos instintos dos adultos. Por iso nesta noite queremos tamén poñer esta cruz diante túa, para que nos axudes a tomar conciencia do importante que é que os nosos nenos crezan felices, sen medos e sabendo que ninguén vai explotalos, utilizar a violencia con eles ou sometelos a abusos. Que nunca calemos cando vexamos ou saibamos destas situacións ao noso redor. E que nunca esquezamos que para Ti, e tamén deberan selo para nós, os teus seguidores, os pequenos son os primeiros e que só recibindo con ollos limpos aos nenos, poderemos entrar no teu Reino.

 

5ª ESTACIÓN: A CRUZ DA VIOLENCIA DOMÉSTICA

 

“Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo á súa nai e, onda ela, ao discípulo a quen amaba, díxolle á nai:

- Muller, velaí o teu fillo

Despois díxolle ao discípulo:

- Velaí a túa nai

Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.

(Xn 19, 25-27)

 

Para moitas mulleres do noso mundo, a cruz está precisamente aí: en ser mulleres. Con frecuencia esquecemos que todas as persoas posuímos a mesma dignidade. Moitos homes, e o que é peor, moitas mulleres, pensan que elas son inferiores, que son simples obxectos de pracer, que non poden ter os mesmos dereitos, a mesma liberdade, un traballo fóra da casa…

É pesada a cruz que levan sobre os seus ombreiros moitas mulleres: desposuídas da súa dignidade, obrigadas a prostituírse, maltratadas física e psicoloxicamente, obrigadas a casar por interese, ninguneadas por non ter independencia económica, excluídas do mundo laboral… e todo por cuestión de xénero.

Fronte disto, Señor, Ti fálasnos de igualdade, de complementariedade, dunha mesma dignidade; que, máis alá de palabras fermosas, son valores que estamos chamados a vivir.

Nesta noite, a quinta cruz leva impreso o rostro de tantas e tantas mulleres, demasiadas, que en calquera parte do mundo sofren polo simple feito de ter nado mulleres. E con esta cruz ofrecemos o noso compromiso para que na construción do Reino camiñemos e traballemos para facer da igualdade e da complementariedade algo real na nosa sociedade.

 

6ª ESTACIÓN: A CRUZ DA INMIGRACIÓN

 

“E foi cara á terra de Tiro. Alí meteuse nunha casa, porque non quería que ninguén o recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido, pois de seguida chegou unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo, e botóuselle aos pés. Esta muller era pagá, unha sirio - fenicia, e rogáballe que lle librase a filla do espírito malo. Pero el díxolle:

-         Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non é ben quitarlles o pan aos fillos, para botárllelo aos cans.

Ela contestoulle:

-         Non é, Señor; non é; pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que deixan caer os fillos.

El díxolle entón:

-         Vaite, que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla

E así foi: ao que chegou á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.

(Mc 7, 24-30)

 

Cada vez máis, e para riqueza da nosa sociedade, persoas doutros países veñen vivir e traballar á nosa terra. Son persoas que buscan un futuro mellor, novas oportunidades que alí non teñen, pois non esquezamos que ninguén quere saír da súa terra se está ben e pode desenvolverse coma persoa alí. A nosa terra, que debera ser un fogar de acollida e de comprensión, tórnase unha cruz de marxinación, de desprezo, de mentira. Que fácil nos esquecemos de que fomos e somos terra de emigrantes, emigrantes que foron acollidos e valorados!. Que fácil é botarlle a culpa dos nosos males a estas persoas e facelas responsables da delincuencia, das enfermidades, do paro,…

Señor, Ti acolles á muller sirio - fenicia porque ten fe e porque o Reino que Ti nos traes non ten fronteiras, nin razas, senón que é para todos. Que acollamos ás persoas que veñen, que lles mostremos que entre todos podemos construír un futuro común, sen exclusións, sen discriminación. Que a cruz da inmigración se lles faga máis levadeira coa axuda das nosas mans.

 

 

7ª ESTACIÓN: A CRUZ DO DETERIORO DO MEDIO AMBIENTE

 

“Un día embarcou nun bote xunto cos seus discípulos e díxolles:

-         ¡Veña!. Imos para a banda de alá do lago.

Desatracaron e mentres navegaban botouse a durmir. Nisto caeu sobre o lago un gran turbillón de vento, e a lancha anegábase poñéndoos en perigo. Achegáronse a espertalo, dicíndolle:

-         ¡Mestre, que afogamos!.

El espertou, e berroulles ao vento e ás ondas. Amainaron e veu unha gran calma. Díxolles despois:

-         ¿Onde está a vosa fe?

Eles, sorprendidos e admirados, dicían entre eles:

-         Pero, ¿quen é este, que manda nos ventos e na auga?.

(Lc 8, 22-25)

 

Que fermoso é o mundo, cheo de contrastes, de cores, de luz, de vida. Un mundo que todos estamos chamados a colaborar para manter, para que chegue ás xeracións futuras o mellor posible, para que os nosos intereses políticos, económicos e vitais, estean en harmonía con el. Que contraste cando comprobamos o lonxe que estamos diso: incendios que, intencionados ou por neglixencia, teñen resultados fatais para o noso monte; vertidos tóxicos nos mares e nos ríos, que volven o ben máis prezado, a auga, nun ben escaso; o cambio climático que quenta cada vez mais o planeta, pola emisión de CO2 sen control;… É este o mundo que nos deixaches?. Máis que un paraíso estámolo a converte nun inferno!.

Fai, Señor, que sexamos responsables, porque unha area non fai unha praia pero millóns si a fan. Que sexamos sensibles e que entre todos nos poñamos á obra, xa que non é un ben para sempre se non somos quen de coidalo, de mimalo como continuadores da creación e como legado seguro para as vindeiras xeracións.

 

8ª ESTACIÓN: A CRUZ DA FAME

 

“Como se facía tarde, acercáronselle os discípulos e dixéronlle:

-         Por aquí non hai casas e xa pasa moito da hora: vai ser mellor que os despidas, para que vaian ás aldeas e vilas veciñas, e merquen algo de comer.

Pero el respondeulles:

-         Dádelles vós de comer

(Mc 6, 35-37a)

 

O noso é un mundo disonante, no que un oitenta por cento da riqueza está nas mans dun vinte por cento da poboación mentres que ao oitenta por cento da poboación só lle deixamos o vinte por cento da riqueza. O problema, entón, non está na falta de bens, senón no desigual reparto dos mesmos, que fai que en pleno século XXI haxa xente que morra de fame…

E nós, que temos a sorte de ter nado no primeiro mundo, pechamos os nosos ollos e o noso corazón, porque estamos tan ben aquí, no Tabor da opulencia, que facemos oídos xordos ao que Ti nos dis: “Dádelles vós de comer”.

Nesta noite poñemos diante túa a cruz da fame, mellor dito, de todas as fames, Señor, porque no noso mundo rico pode que non teñamos fame de alimentos, pero si temos fame de humanidade, de tenrura, de compaña, de escoita, de acollida… Asemade, son moitos os irmáns nosos que teñen fame de pan, de cultura, de educación, de vivenda, de traballo….

Diante de todas estas fames, que non fagamos coma os discípulos, que miraron cara outro lado tentando escorrer o vulto; senón que, facendo nosas as túas palabras, saibamos alimentar a tantos famentos do noso mundo, sabedores de que o milagre sempre está no reparto.

 

9ª ESTACIÓN: A CRUZ DA ENFERMIDADE

 

“E baixando con eles, detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados; e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todos”.

(Lc 6, 17-19)

 

A enfermidade está dentro da nosa natureza humana. Co paso do tempo ou por razóns que no podemos explicar, o noso organismo desgástase ou comeza a funcionar mal. A enfermidade colócanos cos pés na terra e fai de nós persoas que coñecen e recoñecen a finitude da vida. É a cruz do sufrimento, que nos desestabiliza, que nos fai rebelarnos contra a nosa natureza. A ciencia vai dando solucións á enfermidade; pero sempre é limitada e polo tanto no pode parar o paso do tempo nos nosos corpos.

Señor, danos forzas para acoller a enfermidade, para que loitemos por dignificar a nosa vida e a de tantas persoas marcadas pola enfermidade: enfermos crónicos, considerados moitas veces coma unha carga tanto para familiares coma para o sistema de saúde; enfermos da SIDA ou doutras enfermidades contaxiosas; persoas derrotadas que xa non encontran sentido á existencia por ser unha carga ou por non poder contribuír a ela como quixeran.

Para todas elas, que sexamos palabra de alento, compaña desinteresada, forza na dificultade, mans que acollen a tantas persoas para as que a enfermidade é unha cruz que non poden cargar. Sexamos curación, ao igual que Xesús, en tantas situacións de dor e comprendamos que todos, aínda que nos poida parecer que non, podemos contribuír a que a sociedade sexa cada vez máis humana e comprensiva.

 

10ª ESTACIÓN: A CRUZ DA POBREZA

 

“Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, Xesús ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou aos seus discípulos, e díxolles:

-         Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron dos que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir”.

(Mc 12, 41-44)

 

A sinxeleza de corazón fainos grandes, Señor; esa sinxeleza que  aparece no texto do Evanxeo que acabamos de ler. Aquela muller, sinxela e pobre, e case con vergoña, dá o que pode e ten, sendo capaz de renunciar a outras cousas, importantes e fundamentais para ela, que non tiña nada, para poder dárllelo aos pobres.

Neste momento na nosa sociedade son moitas as persoas pobres e necesitadas, son moitas as mans que se abren nas nosas parroquias para que se lles axude, para que se lles escoite, para que non se lle peche a porta. Para moitas delas é xa o último que lles queda, pois se lle foron pechando tódalas portas e apagando tódalas luces.

Que coma a muller que do evanxeo, que foi capaz de dar o que tiña, tamén nós nas nosas comunidades nos abramos ao compartir, ao dar do que temos, do noso, porque como moitas veces dicimos: ”o pouco con Deus é moito, namentres que o moito sen Deus é nada”. Porque queremos que ese pouco chegue a moitos, pedimos que este camiño cara á túa cruz esperte en cada un de nós a apertura de corazón a compartir con aqueles que cada día viven na angustia de perder o seu traballo, de non poder pagar o seu piso ou non ter os mínimos para poder comer. Que a solidariedade da que tantas veces falamos, sexa un xeito real de comportarnos e de estar ao lado dos que están a pasar dificultade.

 

 

11ª ESTACIÓN: A CRUZ DA MANIPULACIÓN E DO ENGANO

 

 “Respondeulles Xesús:

-         Estade atentos para que ninguén vos desoriente. Moitos virán dicindo: “Eu son o Mesías”. E desnortarán a moita xente”.

 

(Mt 24, 4-5)

 

Estade atentos, dinos o Evanxeo que acabamos de ler. Si, esteamos atentos a canto pasa ao noso redor, esteamos atentos para evitar que ninguén pretenda xogar con nós en beneficio propio, esteamos atentos para que os que se presentan coma redentores e se mostran con pel de año, non nos enganen nin nos manipulen facéndonos perder o rumbo. Porque sabemos que neste momento de confusión hai persoas que usan o teu nome en van, e buscan presentarse coma os novos mesías redentores, pedímosche, Señor, que nos deas intelixencia para discernir e claridade á hora de elixir o que mellor responde as túas palabras; o que mellor nos mostra o teu rostro; o que mellor expresa a túa chamada: non deixedes que ninguén vos faga perder o norte. Dános, entón, capacidade de entrega, forza para vivir o servizo e a ,fidelidade; claridade para non esquecer que a nosa fe brota do evanxeo, do que Ti dixeches e fixeches, e non dos falsos profetas. E grazas, Señor, por termar de nós e invitarnos a estar atentos a túa presenza no medio do noso mundo nos rostros de tantas persoas entristecidas, enganadas e necesitadas de liberación.

 

 

12ª ESTACIÓN: A CRUZ DA INDIFERENZA

 “Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. Díxolles:

¿Como é que estades a durmir?. Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación”.

(Lc 22, 45-46)

 

Cómo nos gusta mirar para o outro lado cando nos interesa!. Si, como fixeron os teus “amigos”, aqueles nos que Ti confiaches, aqueles que pensabas que ían estar sempre ao teu lado, e aos que elixiches para que velaran contigo; tamén nós moitas veces facémonos os durmidos e pechamos os ollos para non querer darnos conta do que pasa ao noso lado. A nosa indiferenza, o non querer importarnos do que lle está a pasar aos que viven a nosa beira, acaba levando a moitas persoas a vivir na cruz da dor, do sufrimento, da soidade e da máis absoluta das tristezas, mentres nós tentamos disimular, facernos os desentendidos, como se nada fora connosco.

Nesta noite na que nos invitas a velar contigo, a non perder detalle do que pasa no mundo, a estar vixiantes, pedímosche, Señor, axuda e forza. Axuda para espertar deste noso falso sono, e forza para non caer na tentación de non prestar atención ao que lle pasa a tantas persoas que ao noso redor viven nas moitas cruces que a vida lles vai pondo diante, sen acabar de descubrir camiño algún de salvación e vida.

 

13ª ESTACIÓN: A CRUZ DO MATERIALISMO

“No preciso momento en que se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

-         Mestre bo, ¿que teño que facer para acadar a vida eterna?

Xesús contestoulle:

-         ¿E por que me chamas bo?. Ninguén é bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e maila túa nai.

El respondeu:

-         Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:

-         Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

Xesús mirando todo arredor, díxolles aos discípulos:

-         ¡Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no reino de Deus!.

 

(Mc 10, 17-23)

 

Podemos facer tantas cousas para herdar a vida eterna!; pero poucas veces estamos dispostos a dar o si de esforzarnos por poñernos en camiño. A nós, Señor, pásanos coma ao rapaz do evanxeo: somos estritos cumpridores dos mandatos, ninguén nos pode dicir que non fagamos o que está mandado: abstinencia de carne os venres, misa dominical, participantes en procesións…; pero, ao mellor, tamén nos ocorre o mesmo que ao mozo rico. Temos o corazón tan apegado a cousas externas, ritualistas e materiais, que desconectamos o que rezamos e celebramos do que vivimos e cremos, dándose unha separación tan grande que dificilmente somos capaces de distinguir que é o que nos identifica contigo e nos fai distintos (que non raros) no noso actuar respecto dos demais. Si, o noso apego as cousas convértenos en materialistas, o que no mellor dos casos, fainos habituais consumidores do relixioso; pero incapaces de poñerlle corazón ás cousas que facemos, vida á oración que alimenta o noso espírito e esperanza ás celebracións que compartimos. Que non nos apesaremos por poñer o que somos e temos a favor da túa causa, a causa da salvación e liberación humanas.

 

14ª ESTACIÓN: A CRUZ DA TENSIÓN

 

“Cando ían de camiño, entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:

-         Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo?. Dille que me bote unha man.

Pero o Señor respondeulle:

-         Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas; pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar”.

 

(Lc 10, 38-42)

 

Son tantos os nosos afáns, o querer chegar a todo, o crermos e sentírmonos imprescindibles, que acabamos cheos de ansiedade, angustia e frustración por non distinguir tempos e establecer momentos na vida para cada cousa. Marta e María, as dúas xuntas e non cada unha polo seu lado, son a referencia desde a que se nos invita a vivir o noso cristianismo no aquí e agora da presenza de cada un/ha de nós na sociedade de hoxe. O que ocorre é que nós, como lles pasaba a elas, tamén facemos separación entre a nosa vida de fe e as demais cousas que realizamos ao longo dos días, e isto lévanos a desesperarnos, e produce unha fenda grande, cada vez más grande, en nós, o que fai que moitos acaben pensando que a fe non vale para nada, pois nin anima nin alenta a vida; ao contrario, parece que só pon atrancos e dificultades. Pero, se a diferenza de Marta e María, somos capaces de unir o que facemos co que rezamos, e sabemos poñer o que rezamos en relación co que vivimos, coma nunha recíproca alimentación, seguro que acabaremos deixando atrás tanto o noso activismo baleiro como a oración sen compromiso. Señor, aléntanos nesta tarefa e segue dándonos a man para que non perdamos nunca o teu rumbo.

 

 

15ª ESTACIÓN: A ESPERANZA

“Pasado o sábado, María Magdalena, María de Santiago e máis Salomé mercaron perfumes para iren embalsamalo. E moi cedo, no primeiro día da semana, despois da alborada, foron ao sepulcro. Ían comentando entre elas:

-         ¿Quen nos vai arredar a lousa da entrada do sepulcro?

Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada; iso que era moi grande.

Entrando no sepulcro, viron un mozo vestido de branco, sentado no lado dereito, e quedaron espantadas. Pero el díxolles:

-         Non vos espantedes. ¿Buscades a Xesús, Nazareno, o crucificado?. Mirade o lugar onde o puxeron. Agora ídelles dicir aos discípulos e máis a Pedro que el vai diante de vós a Galilea; alí o veredes, como vos ten dito”.

 

(Mc 16, 1-7)

 

Chegamos ao final do camiño. Non foi doado descubrir que hai moito que facer para que as cousas muden, para que a esperanza xermole e se faga visible, para que a morte dea paso á vida. Pero tamén sabemos que non estamos solos, que Ti, como fixeches primeiro coas mulleres que descubriron que o sepulcro estaba baleiro, e logo cos homes, tamén a nós queres urxirnos a espreguizarnos, queres poñernos a andar, para ir facendo pasiño a pasiño o camiño que Ti nos abriches; sen medos e con moita esperanza. Porque vives, porque non morriches, porque o teu non foi un fracaso, senón un triunfo: o triunfo do aparentemente sinxelo e pequeno, o triunfo de comunitario sobre o individualismo, o triunfo de fraternidade esperanzada sobre a envexa pesimista.

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos, por chamarnos á vida, por invitarnos a crer na esperanza.Que tamén saibamos ir ás Galileas do noso tempo para anunciar con convicción e alegría, pero conscientes das dificultades, que Ti vives, que é posible recuperar a ilusión, que os fracasos e a dor non poden afogar nunca a salvación chea de amor que Ti nos viñeches traer. Grazas, Señor.