Semana da cinza

220.- Xoves despois da cinsa

 

PRIMEIRA Dt 30, 15-20:

Velaí vos propoño bendición e maldición

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:

15Mira que eu poño hoxe diante de ti a vida e a felicidade, a morte e a desgracia,

16porque che mando hoxe ama-lo Señor, o teu Deus, camiñar polos seus vieiros e

cumpri-los seus mandamentos, preceptos e decretos, para que vivas feliz e te

multipliques, e para que o Señor, o teu Deus, te bendiga no país onde vas entrar a

tomalo en posesión. 17Pero se o teu corazón se aparta e se ti non lle fas caso e te

extravías e te postras ante deuses alleos e lles dás culto, 18eu declárovos hoxe que

pereceredes sen remedio e que non aumentaréde-los vosos días sobre a terra, na que vós,

que estades cruzando o Xordán, ides entrar para tomala en posesión.

 

19Poño hoxe por testemuñas contra vós o ceo e maila terra: poño diante de ti a vida e a

morte, a bendición e a maldición; escolle a vida, para que poidas vivir feliz, ti e a túa

descendencia, 20amando ó Señor, o teu Deus, facéndolle caso á súa voz e apegándote a

El. Isto é a túa vida e o alongamento dos teus días, habitando na terra que o Señor lles

xurou a teus pais, a Abraham, a Isaac e a Xacob, que llela daría".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6

R/ (Sal 39, 5a): Feliz o que pon no Señor a esperanza

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

 

VERSIÑO Mt 4, 17:

Facede penitencia, di o Señor;

acércase o reino dos ceos

 

 

 

EVANXEO Lc 9,22-25

Quen perda a súa vida pola miña causa, salvarase

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

-Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos

sacerdotes e mailos letrados, e que o executen, e que ó terceiro día resucite.

 

23Despois dirixiuse a todos:

-Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e

que me siga. 24Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a

súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. 25Pois ¿de que lle serve ó home gaña-lo

mundo enteiro, se el se perde ou arruína?

 

 

 

221.- VENRES DESPOIS DE CINSA

 

PRIMEIRA Is 58-1-9a

¿Non é este o xexún que elixín?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Di o Señor:

58 1Clama coa túa gorxa, non pares,

levanta a túa voz coma unha trompeta.

Denúncialle ó meu pobo a súa rebeldía,

e á casa de Xacob os seus pecados.

 

2Día tras día búscanme a min

e comprácense no coñecemento dos meus vieiros,

coma se fosen un pobo que practicase a xustiza

e non abandonase a lei do seu Deus.

 

Pregúntanme polos preceptos da xustiza

e comprácense coa proximidade de Deus.

3¿Por que xexuamos, se ti non o ves?

¿Por que aflixímo-la nosa gorxa, se ti non te decatas?

 

Velaí: no día do voso xexún atopáde-lo voso negocio,

e oprimíde-los vosos traballadores.

4Velaí: xexuades para a querela e para a disputa,

si, para darlle pancadas ó malvado.

 

Non xexuedes coma hoxe, para facer oír no ceo a vosa voz.

5¿É acaso coma este o xexún que eu quero

no día en que o home aflixe a súa gorxa,

dobra a súa cabeza coma un xunco

e estende saco e cinsa para se deitar?

 

¿A isto chamas xexún e día agradable para o Señor?

6¿Non é estoutro o xexún que eu quero?

Rompe-las cadeas inxustas, deslea-las sogas do xugo,

mandar libres os oprimidos e romper todo xugo.

 

7¿Non é acaso reparti-lo teu pan co famento

e acoller na túa casa os pobres sen pobo?

Cando véxa-lo espido, vísteo

e non te escondas da túa propia carne.

 

8Entón resplandecerá a túa luz coma a alba

e a carne nova da túa ferida brotará logo.

Si, a túa xustiza camiñará diante de ti

e a gloria do Señor pechará a marcha.

 

9Entón clamarás ó Señor e responderache,

pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 5-6a. 18-19

R/ (19b): Un corazón contrito e humilde

ti, Deus, non o desprezas.

 

3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,

pola túa misericordia, borra o meu pecado;

4lávame ben da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.

 

5Eu recoñezo o meu pecado

e teño sempre presente a miña culpa.

6Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei

e fixen o que é malo ós teus ollos:

 

18Con sacrificios ti non te compraces,

se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:

o corazón contrito e humilde

ti, Deus, non o desprezas.

 

 

 

VERSIÑO Cf Am 5, 14:

Buscade o ben e non o mal, para que vivades;

e o Señor estará convosco

 

 

EVANXEO Mt 9, 14-15

Cando se queden sen o esposo, entón xexuarán

 

14Achegáronselle a Xesús os discípulos de Xoán preguntando:

-Nós e mailos fariseos gardamos moito o xexún. ¿Por que non o gardan os teus

discípulos?

 

15Respondeulles Xesús:

-¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres dura a voda? Xa chegará o día

no que lles leven o esposo; entón si que xexuarán.

 

 

 

 

222.- Sábado despois da Cinsa

 

PRIMEIRA Is 58, 9b-I4:

Se lle quitas ó famento a gana que ti sentes,

a túa luz brillará na escuridade

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

 Di o Señor:

Se apartas do medio de ti o xugo,

o sinalar co dedo e a palabra mala,

10se lle quitas ó famento a gana que ti sentes,

e fárta-la gorxa aflixida,

entón a túa luz brillará na escuridade

e a túa tebra será coma o mediodía.

 

11E o Señor conducirache constantemente

e fartará a túa gorxa nas sequidades,

fortalecerá os teus ósos

e serás coma un horto ben regado.

 

Si, como un manantial de augas

que non deixan de manar.

12Reconstruiranse contigo as ruínas eternas,

e ti erguera-los cimentos de xeracións e xeracións,

a ti chamaráseche "Albanel de gretas",

"Restaurador das vereas da antigüidade".

 

13Se apárta-lo teu pé do sábado,

de facére-lo que ti queres no meu día santo,

se lle chamas ó sábado: "Delicia";

ó día santo do Señor: "Venerable",

e se o veneras, deixando de face-las túas viaxes,

de atopa-los teus negocios e de trata-los teus asuntos,

14entón atopara-lo teu pracer no Señor

e eu fareite montar a cabalo das alturas da terra,

e dareiche a come-la herdanza de Xacob, teu pai.

 

¡Si, falou a boca do Señor!

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 85, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (11a): Ensíname, Señor, os teus camiños,

e andarei coa túa verdade

 

Señor, abaixa o oído e aténdeme,

que son pobre e coitado;

2gárdame, que son amigo teu,

salva, meu Deus, a este servo

que confía en ti.

 

3Apiádate, Señor,

que te estou a chamar o día enteiro;

4alegra o meu espírito

que se dirixe a ti.

 

 5Ti, Señor, es bo e indulxente,

cheo de amor para aqueles que te invocan.

6Escoita, Señor, a miña súplica,

atende a miña pregaria.

 

 

VERSIÑO Ez 33, 11:

Non quero a morte do malvado, di o Señor,

senón que retorne do seu camiño e viva

 

 

EVANXEO Lc 5, 27-32

Non vin chama-los xustos, senón ós pecadores para que fagan penitencia

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Xesús viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado ó mostrador da

contribución, e díxolle:

-Sígueme.

 

28El, deixando todo, levantouse e seguiuno.

 

29Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete, e había moitos recadadores e outra

xente sentados á mesa con eles. 30E os fariseos e os seus letrados refungaban,

dicíndolles ós discípulos:

-¿Por que comedes e bebedes cos recadadores e pecadores?

 

31Xesús respondeulles:

-Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. 32Eu non vin chamar

polos xustos, senón polos pecadores, para que se convertan.