VIII Domingo
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura Is 49, 14-15
Non me esquecerei de ti
Sión dixo:
"O Señor non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".
"Esquécese unha muller do seu meniño?
Non se compadece do fillo das súas entrañas?
Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 61, 2-3. 6-7. 8-9ab
R/. (6a): Soamente en Deus acouga a alma miña.
Soamente en Deus acouga a miña alma,
del vén a miña salvación.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.
Soamente en Deus acouga a alma miña,
del vén a miña esperanza.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.
Está en Deus a miña salvación e a miña gloria;
a miña rocha, a miña fortaleza está en Deus.
Pobo seu, confía sempre nel,
desafoga diante del o corazón.
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura 1 Cor 4, 1-5
O Señor ha manifestar os motivos dos corazóns
Irmáns:
Que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus.
Ora, o que se lles pide aos administradores é que sexan de fiar.
A min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan sequera eu me xulgo a min mesmo.
Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor.
De modo que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón, quen o mereza, recibirá do Señor o seu eloxio.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Hebr 4, 12
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 6, 24-34
Non andedes desacougados polo de mañá
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ao outro.
Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
Por iso dígovos: non andedes desacougados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido?
Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas? E quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ao tempo da súa vida?
E polo vestido por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan, nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles.
Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ao forno, Deus así a viste, canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?
Non andedes desacougados dicindo: "Que imos comer?" ou "que imos beber?" ou "que imos vestir?" Son os pagáns os que andan á busca de todas estas cousas; pois ben sabe o Pai voso celestial que as precisades.
Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas estas cousas hánsevos dar de seu. Así que non andedes desacougados polo de mañá; o mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo