IV Domingo de Advento

 

DOMINGO IV DE ADVENTO

 
 

Primeira Lectura         2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16

O reino de David permanecerá para sempre diante do Señor

 

LECTURA DO SEGUNDO LIBRO DE SAMUEL

 

Despois que o rei David se instalara na súa casa e que o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, díxolle o rei ao profeta Natán:

— Repara que eu estou habitando nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda.

Natán respondeulle ao rei:

— Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo.

Pero, aquela mesma noite, veulle a Natán esta palabra do Señor:

— Vai e dille ao meu servo David: Isto di o Señor: Vasme edificar ti unha casa para que eu habite nela?

Eu saqueite dos pasteiros, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu pobo Israel. Estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. Eu dareiche un nome tan sonado coma o nome dos grandes da terra.

Eu vou destinar un lugar para o meu pobo Israel e vou plantalo alí, para que viva nel sen sobresaltos, sen que os fillos da iniquidade volvan asoballalo, como noutrora, no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Eu dareiche a paz cos teus inimigos todos e, ademais, o Señor anúnciache que el che dará unha dinastía.

Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. Eu serei para el un pai e el será para min un fillo.

A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presenza para sempre, o teu trono manterase firme eternamente.

                   

      Palabra do Señor                             R.:Grazas a Deus

           

 

 

SALMO RESPONSORIAL           Sal88, 2-3. 4-5. 27 e 29

 

R.: (Cf. 2a)Cantarei eternamente a misericordia do Señor.

 

Quero cantar por sempre o amor do Señor,

pregoar polas xeracións a súa fidelidade:

“Penso que o teu amor está fundado co mundo,

a túa fidelidade asentada cos ceos”.

 

Co meu elixido asino unha alianza,

ao meu servo David fágolle un xuramento:

“Afincarei a túa liñaxe para sempre,

construireiche un trono duradeiro”.

 

El dirame: “Ti es meu pai,

meu Deus, rocha da miña salvación.

Gardareille o meu amor eternamente

e a miña alianza con el será leal.

 

 

 

Segunda Lectura        Rm 16, 25-27

O misterio escondido desde sempre, agora manifestouse

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOSROMANOS

 

Irmáns:

A aquel que é potente para vos afiuzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús Cristo, conforme á revelación do misterio escondido durante tempos eternos, pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus eterno dado a coñecer a todas as nacións para as levar á obediencia da fe, a Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre. Amén.

 

      Palabra do Señor                             R.:Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA     Lc 1, 38

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Velaquí a escrava do Señor,

cúmprase en min o que dixeches.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo          Lc 1, 26-38

Velaí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaré, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.

O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:

— Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:

— Non teñas medo, María, porque acadaches grazaante Deus. Velaí que vas concibir no teu ventre e dar á luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

Díxolle María ao anxo:

— Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?

O anxo respondeulle:

— O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

Entón María dixo:

— Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.

E o anxo marchou de onda ela.

           

            Palabra do Señor    R.: Loámoste, Cristo