Domingo II despois de Nadal

 

 

DOMINGO II DESPOIS DE NADAL

Cando a solemnidade da Epifanía se celebra o día 6 de xaneiro

 

 

Primeira Lectura   Sir 24, 1-4. 12-16(gr 1-2. 8-12)

A sabedoría de Deus habitará no pobo elixido

 

LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

                A Sabedoría fai a propia loanza

e gábase no medio do seu pobo.

                Abre a boca na asemblea do Altísimo,

proclama a súa gloria diante do seu exército.

                No medio do seu pobo será exaltada

e admirada na asemblea dos santos;

recibirá loanzas das multitudes dos elixidos

e será bendicida entre os benditos.

                Foi entón cando o creador universal me ordenou

e o que me formou fíxome plantar a tenda

dicíndome: Afinca en Xacob, colle por herdanza a Israel.

                Antes dos séculos, desde o comezo, creoume

e endexamais deixarei de existir;

oficiei na súa tenda santa, diante del,

e deste modo estableceume en Sión;

do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,

Xerusalén, onde goberno.

                Botei raiceiras nun pobo de moita sona

e teño a miña herdanza na parcela do Señor.

 

         Palabra do Señor                                                  R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20

 

R.: (Xn 1, 14)O Verbo fíxose carne, e habitou entre nós.

Ou: Aleluia.

 

Glorifica o Señor, Xerusalén,

loa, Sión, o teu Deus,

que reforza os ferrollos das túas portas,

e bendí os teus fillos no teu seo.

 

El establece paz nos teus confíns,

é el quen te farta con flor de trigo.

El mándalle á terra a súa mensaxe,

e a súa palabra corre lixeira.

 

Anuncia a súa palabra a Xacob,

os seus estatutos e mandatos a Israel.

Non fixo así cos outros pobos,

non lles manifestou os seus mandatos.

 

 

 

Segunda Lectura   Ef 1, 3-6. 15-18

Predestinounos a sermos fillos de adopción por medio de Xesús

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

 

                Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.

                Nel escolleunos, antes creación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.

                El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme ao designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.

                Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos oscrentes, non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecer ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada e cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes.

 

           Palabra do Señor                                                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Cf. 1 Tim 3, 16

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Gloria a ti, Cristo, predicado a todos ospobos;

gloria a ti, Cristo, a quen se cre no mundo enteiro.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Xn 1, 1-18(longo)

O Verbo fíxose carne e habitou entre nós

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

                No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.

                Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo

nada do que foi feito.

                Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes;

a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.

                Houbo un home

mandado por Deus,

o seu nome era Xoán.

Este veu de testemuña

para dar testemuño da luz,

para que todos cresen por el.

                Non era el a luz,

senón que veu para dar testemuño da luz.

                A Palabra era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.

                Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

                Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron

—aos que cren no seu nome—

deulles o poder

de seren fillos de Deus.

                Estes non naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

nin da vontade do home,

senón de Deus.

                E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vimos a súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de graza e de verdade.

                Xoán dá testemuño del,

exclamando: Este évos de quen eu dixen:

“O que vén detrás miña, pasa diante miña,

pois existía primeiro ca min”.

                E da súa abundancia

recibimos todos nós

graza e máis graza.

                Pois a Lei deuse

por medio de Moisés;

a graza e a verdade

realizáronse por Xesús Cristo.

                A Deus ninguén o viu;

o Unixénito, que está no seo do Pai,

foi quen nolo revelou.

 

       Palabra do Señor                                                             R.: Loámoste, Cristo

______________________________________________________________________

 

Ou máis breve: 1-5. 9-14

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

                No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.

                Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo

nada do que foi feito.

                Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes;

a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.

A Palabra era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.

                Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron

—aos que cren no seu nome—

deulles o poder

de seren fillos de Deus.

                Estesnon naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

nin da vontade do home,

senón de Deus.

                E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vimos a súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de graza e de verdade.

 

         Palabra do Señor                                                             R.: Loámoste, Cristo