Xoves Santo
XOVES SANTO
MISA DA DERRADEIRA CEA DO SEÑOR
Primeira Lectura Ex 12, 1-8. 11-14
Mandatos acerca da cea pascual
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, o Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
-Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: “Que no día dez deste mes cadaquén se procure un año por familia, un por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co seu veciño, co máis próximo á súa casa, de xeito que, tendo en conta o número de comensais, o año se axuste ao que entre todos poidan comer.
O animal, que será sen defecto, macho e dun ano, procurarédelo entre os años ou entre os cabritos.
Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer.
Comeredes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
Comerédelo deste xeito: A cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua, o Paso do Señor.
Esa noite pasarei eu por todo Exipto e ferirei de morte a todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza contra todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor.
O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
Este día quedaravos como lembranza perpetua e faredes nel festa ao Señor. Será festa de precepto por todas as xeracións”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
R.: (Cf. 1 Cor 10, 16) O cáliz de bendición é a comuñón do Sangue de Cristo.
Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.
É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!
Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o teu nome, Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.
Segunda Lectura 1 Cor 11, 23-26
Cantas veces comades deste pan e bebades deste viño, anunciades a morte do Señor
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: “Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña”.
Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: “Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña”.
Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
VERSÍCULO Xn 13, 34
Douvos un mandamento novo, di o Señor,
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.
Evanxeo Xn 13, 1-15
Amounos ata a fin
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Paie, xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E mentres ceaban—xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase—, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica e, collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.
Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
— Señor, vasme ti lavar os pés a min?
Xesús respondeulle:
— O que eu fago ti non o entendes agora, halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
— Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
— Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
— Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.
Dille Xesús:
— Quen se bañou non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
Sabía quen o había de entregar, por iso dixo: “Non todos estades limpos”.
Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
— Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme “Mestre”e “Señor” e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.
Deivos así un exemplopara que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo