Domingo X

 
 

DOMINGO X ORDINARIO

 

Primeira Lectura   Xén 3, 9-15

Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller

 

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE

 

Despois de que o home comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:

- Onde estás?

Respondeu o home:

- Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.

Preguntoulle o Señor Deus:

- Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?

Respondeulle o home:

- A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.

O Señor díxolle á muller:

- Que é o que fixeches?

E a muller respondeu:

- A serpe enganoume, e comín.

Entón o Señor Deus díxolle á serpe:

- Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8

 

R.: (7)Do Señor vén a misericordia e nel a redención é cumprida.

 

Desde os abismos clamo a ti, Señor;

Señor, escoita a miña voz.

Ten atentos os oídos

á voz da miña súplica.

 

Se levas conta dos pecados, Señor,

Señor, quen poderá terse en pé?

Mais en ti está o perdón

para te faceres respectar.

 

Eu espero no Señor,

a miña alma espera na súa palabra;

a miña alma agarda o Señor,

máis do que os vixías a aurora.

 

Agarde Israel ao Señor,

máis do que os vixías a aurora,

pois do Señor vén a misericordia

e nel a redención é cumprida.

El é quen redime a Israel

de todos os pecados.

 

 

 

Segunda Lectura   2 Cor 4, 13-5, 1

Cremos, por iso falamos

 

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            Irmáns:

            Mantendo o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito “creo e por iso falo”,tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que resucitou a Xesúsnos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda el.

            Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multipli­que o número dos agradecidos, para gloria de Deus.

            Por iso non nos apoucamos. Aínda que o noso exterior vai esmorecendo, o interior, todo o contrario, renóvase de días a días. Os sufrimentos transitorios e leves prepárannos a unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida.

            Non poñemos as nosas olladas nas cousas que se ven, senón nas que non se ven; porque as que se ven son efémeras, mentres que as que non se ven son eternas.

            E sabemos que, se a cabana da nosa morada terrestre se derru­base, contamos cunha edificación de Deus no ceo, unha casa eterna, non feita por mans de homes.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Xn 12, 31b-32

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Agora vai ser expulsado o príncipe deste mundo, di o Señor;

e eu, cando sexa levantado da terra,

atraerei a todos a min.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Mc 3, 20-35

Satán está perdido

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Naquel tempo, foi Xesús cos seus discípulos para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente que nin podían comer. E cando o souberon os seus parentes foron buscalo á forza porque a xente dicía que perdera o sentido.

            Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: “Ten dentro a Belcebú, bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños”. El chamou por eles e púxolles estas comparanzas:

            — Como pode Satanás botar a Satanás? Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mes­ma, non pode subsistir. Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.

            Ninguén pode entrar na casa dun home fortee roubarlle canto ten se primeiro non o amarra, só entón poderá arramplar con canto hai na casa.

            Tede por seguro que todo se lles perdoará aos homes, os pecados e cantas blasfemias digan, pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo nunca se lle perdoará e cargará eternamente co seu pecado.

            Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

Nisto chegan súa nai e mais os seus irmáns e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del, e fóronlle dicir:

            — Aí fóra están túa nai e mais teus irmáns, que te veñen buscar.

            El respondeu:

            — Quen é miña naie quen son meus irmáns?

            E mirando os que estaban sentados arredor del, dixo:

            — Velaí a miña nai e mais os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo