Domingo XV

 

DOMINGO XV ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura     Sab 2, 12. 17-20
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Condenémolo a unha morte ignominiosa
 
            Dixeron os malvados:
            Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo
e se opón aos nosos feitos,
botándonos na cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
            Examinemos se son veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
            Se o xusto é fillo de Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
            Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia  ao mal!
            Condenémolo a unha morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
 
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus
 
 
SALMO RESPONSORIAL     Sal 53, 3-4. 5. 6 e 8
R/.  (6b):  O Señor é quen sostén a miña vida.
 
Oh Deus, polo teu nome sálvame,
co teu poder faime xustiza.
Oh Deus, escoita a miña súplica,
atende as miñas palabras.
 
Érguense contra min homes soberbios,
homes violentos buscan a miña vida,
sen teren a Deus en conta.
 
Mais Deus é a miña axuda,
o Señor é quen sostén a miña vida.
Ofrecereiche un sacrificios voluntario,
enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.
 
 
Segunda Lectura     Sant 3, 16 -- 4, 3
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que cultivan a paz
 
            Irmáns benqueridos:
            Onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
            De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior?
            Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.
 
 
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus
 
 
ALELUIA     Cf. 2 Tes 2, 14
Se non se canta, pódese omitir
 
Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo,
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.
 
 
Evanxeo          Mc 9, 30-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home é entregado... Quen queira ser o primeiro, ha ser o servidor de todos
 
            Naquel tempo, Xesús e mais os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os discípulos, dicíndolles:
            ‑ Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
            Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
            Chegaron a Cafarnaúm, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
            ‑ De que viñades discutindo polo camiño?
            Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou,  chamou polos Doce e díxolles:
            ‑ O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.
            Despois colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno, e díxolles:
            ‑ Quen acolla no meu nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolla a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
 
                        Palabra do Señor                      R/. Loámoste, Cristo