Domingo XVIII

 

DOMINGO XVIII ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura   Ex 16, 2-4. 12-15

Vou facer chover do ceo pan para vós

 

LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO

 

Naqueles días, toda a comunidade dos israelitas murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón dicindo:

- Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentadosao redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxés­tesnos a este deserto para matar de fame a toda esta comunidade.

O Señor díxolle a Moisés:

- Vou facer chover do ceo pan para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo a proba, para ver se anda ou non coa miña Lei. Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: “Ao anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar; e saberedes que eu son o Señor, o voso Deus”.

Ao serán, viñeron tantos paspallás que cubriron o campamento. Pola mañá, nos arredores del, había unha capa de orballo. Cando esvaeceu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma de escamas, que semellaba xeada sobre o chan.

Os israelitas, ao que o viron, preguntábanse uns aos outros:

- Que é isto?

Pois non sabían o que era aquilo. Respondeulles Moisés:

- Este é o pan que o Señor vos dá para comer.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54

 

R.: (24b)O Señor deulles pan do ceo

 

O que oímos e sabemos,

o que os pais nos contaron,

non llelo podemos calar a seus fillos.

Estes porán en Deus a súa esperanza,

non se esquecerán das súas obras.

 

Ordenou logoas nubes desde arriba,

abriu as portas do ceo,

e fixo chover maná para comeren;

deulles trigo do ceo.

 

Comeu o home pan dos fortes,

deulles sustento a fartar.

Levounos á súa terra santa,

ao monte que adquirira coa súa dereita.

 

 

 

Segunda Lectura   Ef 4, 17. 20-24

Vestide o home novo creado a imaxe de Deus

 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

 

            Irmáns:

            Dígovos e recoméndovos no nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa mente baleira.

            Non foi así como coñecestes a Cristo, se vos falaron del e vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; isto é, que vos ispades do home vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus anhelos; que renovedes o espírito da vosa mente e vistades o home novo, creado a imaxe de Deus, na verdadeira xustiza e santidade.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Mt 4, 4b

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, Aleluia.

O home non vive só de pan,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Xn 6, 24-35

Quen veña comigo non terá fame e quen crea en min non terá sede

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

            Naquel tempo, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaún buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:

            — Rabbí, cando chegaches aquí?

            Xesús contestoulles:

            — Con toda verdade volo aseguro, buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home, poisDeus Pai marcouno co seu selo.

            Eles preguntáronlle:

            — Que temos que facer para realizar as obras de Deus?

            Respondeu Xesús:

            — Esta é a obra de Deus, que creades naquel que El mandou.

            Replicáronlle: 

            — Que sinal fas para que, véndoo, creamos en ti? Que podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.

            Entón díxolles Xesús:

            — Con toda verdade volo aseguro, non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo, pois o pan de Deus é o que baixa do ceo edá vidaao mundo.

            Dixéronlle entón:

            — Señor, dános sempre dese pan.

            Xesús respondeulles:

            - Eu son o pan da vida, quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais terá sede.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo