Domingo III

 

DOMINGO III ORDINARIO

 

 

Primeira Lectura   Xon 3, 1-5. 10

Convertéronse os ninivitas da súa mala vida

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XONÁS

 

            Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:

            — Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclama a mensaxe que eu che dei.

            Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.

            Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:

            — Dentro de corenta días, Nínive será destruída.

            Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeno.

            Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.

 

     Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

 

R.: (4a)Amósame, Señor, os teus camiños.

 

Amósame, Señor, os teus camiños,

ensíname os teus sendeiros,

diríxeme na túa verdade, apréndeme,

que ti es o meu Deus salvador;

todo o día te estou a esperar.

 

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,

pois existen desde sempre.

Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres;

acórdate de min segundo a túa misericordia,

pola túa bondade, Señor.

 

O Señor é bo e recto,

por iso lles ensina o camiño aos pecadores;

El dirixe na xustiza os humildes,

e amósalles o seu camiño aos pobres.

 

 

 

Segunda Lectura   1 Cor 7, 29-31

Pasou a configuración deste mundo

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

 

            O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres, coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen.

            Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.

 

         Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Mc 1, 15

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Chega o Reino de Deus,

convertédevos e crede no Evanxeo.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Mc 1, 14-20

Facede penitencia e crede no Evanxeo

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:

            — O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus, convertéde­vos e crede no Evanxeo.

            Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:

            — Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.

            Eles deixaron decontado as redes e seguírono.

            Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E deseguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.

 

          Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo