IV Domingo Pascual

 

 

 

DOMINGO IV DE PASCUA

 

 

Primeira Lectura   Feit 4, 8-12

En ningún outro hai salvación

 

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

            Naqueles días, Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles:

            — Xefes do pobo e anciáns, xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaré, a quen vós crucificastes, e Deus resucitou de entre os mortos. Por El está este home en pé e san diante de vós.

            El é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal. En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado aos homes, no que nos poidamos salvar.

 

                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 117, 1 e 8-9. 21-23. 26 e 28cd e 29

 

R.: (22)A pedra que os canteiros desbotaran,

                        esa mesma converteuse en esquinal.

Ou: Aleluia.

 

Loade o Señor porque é bo,

porque é para sempre a súa misericordia.

Máis vale abeirarse no Señor

que fiarse dos homes.

Máis vale abeirarse no Señor

que fiarse dos grandes.

 

Douchegrazas porque me escoitaches,

por teres sido a miña salvación.

A pedra que os canteiros desbotaron,

esa mesma, converteuse en esquinal.

Foi o Señor quen o fixo,

unha marabilla á nosa vista.

 

Bendito o que vén no nome do Señor:

desde a casa do Señor bendicímosvos.

Ti es o meu Deus, veño darchegrazas;

meu Deus, veño enxalzarte.

Loade o Señor, porque é bo,

porque é para sempre a súa misericordia.

 

 

 

Segunda Lectura   1 Xn 3, 1-2

Veremos a Deus tal como é

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN

 

            Meus amigos:

            Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamar fillos de Deus e selo de verdade.

            Por iso o mundo non nos recoñece, porque tampouco non o recoñeceu a El.

            Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que, cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.

 

                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Xn 10, 14

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Eu son o bo pastor, di o Señor;

coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Xn 10, 11-18

O bo pastor dá a súa vida polas ovellas

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:

            — Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas.

            O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.

            Eu son o Bo Pastor, coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro, tamén a esas as teño que guiar e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.

            Por iso me ama o Pai, porque eu dou a miña vida para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

 

                        Palabra do Señor                                         R.: Loámoste, Cristo