VI Domingo Pascual
DOMINGO VI DE PASCUA
Onde a Ascensión do Señor se celebra o domingo seguinte, no Domingo VI da Pascua
pódense ler a segunda lectura e o Evanxeo do domingo VII (núm. 59-61).
Primeira Lectura Feit 10, 25-26. 34-35. 44-48
Tamén entre os xentís foi derramada a graza do Espírito Santo
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e, botándoselle aos pés, prostrouse. Pero Pedro levantouno, dicíndolle:
— Érguete, que eu tamén son un home.
Tomou entón Pedro a palabra e dixo:
— Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta o que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
Cando aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra.
Todos os crentes da circuncisiónque viñeran con Pedro ficaron cheos de asombro ao veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus.
Entón Pedro dixo:
— Pode alguén negarlles a auga do bautismo aos que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?
E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón, pedíronlle que quedase con eles algúns días.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
R.: (Cf. 2b)O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.
Ou: Aleluia
Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.
O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
Segunda Lectura 1 Xn 4, 7-10
Deus é amor
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Meus amigos, amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. O que non ama aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.
O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ao mundo o seu Fillo Unixénitopara que nos dese a súa vida.
Hai amor dentro de nós, non porque nós amásemos a Deus, senón porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Quen me ama cumprirá a miña palabra, di o Señor,
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.
Evanxeo Xn 15, 9-17
Ninguén ten amor maior ca este, que un dea a súa vida polos amigos
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
— Como me amou o Pai, así vos amei eu, permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e permanezo no seu amor.
Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena.
Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor maior ca este, que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus se facedes canto eu vos mando.
Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer.
Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós, e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza, de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda.
Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo