VII Domingo de Pascua

 
 

DOMINGO VII DA PASCUA

 

            As seguintes lecturas usaranse onde a Ascensión do Señor se celebrou o xoves da semana VI do tempo pascual.

 

 

Primeira Lectura   Feit 1, 15-17. 20a. 20c-26

Cómpre que un dos homes que nos acompañaron sexa connosco testemuña da súa resurrección.

 

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

            Por aqueles días, Pedro, erguéndose en medio dos irmáns —había alí un grupo de xente de case cento vinte persoas—, dixo:

            — Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús. El, que foi un de nós e recibira parte neste servizo.

            Porque está escrito no Libro dos Salmos que fiquen a campo os seus bens, e tamén que outro reciba o seu cargo.

            Cómpre, pois, que dos homes que nos acompañaron todo o tempo que o Señor Xesús estivo connosco, comezando desde o bautismo de Xoán ata o día en que foi levado de entre nós, un deles sexa connosco testemuña da súa resurrección.

            E presentaron dous: Xosé, o chamado Barsabás e por sobrenome o Xusto, e mais Matías.

            Daquela oraron así:

            — Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches para ocupar neste servizodo apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ao sitio que lle correspondía.

            Sortearon e correspondeulle a Matías, que formou grupo cos Once apóstolos.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 102, 1-2. 11-12. 19-20ab

 

R.: (19a) O Señor asentou no ceo o seu trono.

Ou: Aleluia.

 

Alma miña, bendí o Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

Alma miña, bendí o Señor,

non esquezas os seus beneficios.

 

Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas.

 

O Señor asentou no ceo o seu trono

e o seu reino goberna o universo.

Bendicide o Señor, os seus anxos,

seres poderosos ás súas ordes.

 

 

 

Segunda Lectura   1 Xn 4, 11-16

Quen permanece no amor permanece en Deus e Deus nel

 

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN

 

            Meus amigos, se Deus nos amou tanto, tamén nós nos temos que amar uns aos outros. A Deus non o deu visto nunca ninguén; pero, se nós nos amamos uns aos outros, Deus está en comuñón connosco e o seu amor faise realidade cumprida en nós.

            Coñecemos que estamos en comuñón con El e El connosco, en que nos deu parte no seu Espírito. Nós mesmos o contemplamos e por iso testemuñamos que o Pai mandou o seu Fillo como salvador do mundo.

            Se un profesa que Xesús é o Fillo de Deus, Deus está en comuñón con el e el con Deus. Pero nós xa o coñecemos e temos posta a nosa fe neste amor, o amor que Deus mantén vivo entre nós.

            Deus é amor e quen permanece no amor permanece en Deus e Deus permanece nel.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 

 

 

ALELUIA   Cf. Xn 14, 18

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Non vos deixarei orfos, di o Señor:

Voume e volverei onda vós e alegrarase o voso corazón.

Aleluia.

 

 

 

Evanxeo   Xn 17, 11b-19

Que sexan un coma nós!

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

            Naquel tempo, elevando os ollos ao ceo, Xesús orou dicindo:

            — Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós.

            Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos, eu agarimeinos e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no mundo, para que eles teñan a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra, e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu son do mundo.

            Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles non son do mundo, como eu tampouco son do mundo.

            Conságraos na verdade, a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles; e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.

 

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo