Martes Santo
PRIMEIRA LECTURA
Lectura do libro do profeta Isaías 49, 1-6
Eu convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra
1Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.
2Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,
converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,
3e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
4Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,
pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
5cSerei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".
5Pois agora ‑fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser oseu servo,
para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El‑:
6"é moi fácil para ti ser o meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra".
SALMO 70, 1-4a. 5-6ab. 15. 17
R. A miña boca pregoa a túa salvación, Señor.
1En ti, Señor, acóllome,
que endexamais non me vexa confundido.
2Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,
inclina o teu oído e sálvame.
3Se ti a rocha do meu refuxio
sempre disposta para salvarme:
Ti que es a miña forte cidadela.
4Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados,
5Ti es, Señor, a miña esperanza,
a miña confianza, Señor, desde a mocidade.
6Desde o nacemento apóiome en ti,
desde o seo materno ti es o meu amparo.
15A miña boca pregoa a túa xustiza,
a túa salvación, o día enteiro.
Aínda sen as poder contar.
17Desde a mocidade ensínasme ti, Deus,
e aínda hoxe eu canto os teus prodixios.
VERSÍCULO ANTES DO EVANXEO
Salve, noso Rei, obediente ao Pai;
fuches levado á crucifixión,
coma un año manso á matanza.
EVANXEO
Lectura do santo evanxeo segundo san Xoán 13, 21-33. 36-38
Un de vós hame de entregar...
Non cantará o gal, antes que me negues tres veces
21Dito isto, Xesús turbouse no seu interior e declarou abertamente:
‑Con toda verdade volo digo: un de vós hame de entregar.
22Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. 23Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. 24Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía. 25Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
‑Señor, ¿quen é?
26Xesús respondeulle:
‑É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.
E mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. 27E naquel instante, xunto co pan, entrou nel Satán. Entón díxolle Xesús:
‑O que vas facer, faino axiña.
28Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. 29Algúns coidaban que, ó ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: "merca o que precisamos para a festa", ou que lles dese algo ós pobres. 30El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.
31Cando saíu, dixo Xesús:
‑Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. 32Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. 33Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen ós xudeus, dígovolo a vós agora: "onde vou eu, vós non podedes vir".
36Simón Pedro preguntoulle:
‑Señor, ¿onde vas?
Xesús respondeulle:
‑Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.
37Pedro replicoulle:
‑¿Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.
38Xesús respondeulle:
‑¿Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.