Sábado de Paixón

 

PRIMEIRA Ez 37, 21-28:

Fareinos unha soa nación

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

Di o Señor, Deus:

 

-Sabede que eu recollerei os fillos de Israel

 

de entre os pobos onde marcharon,

 

xuntareinos do arredor,

 

e traereinos á súa terra.

 

22Convertereinos en nación única no seu país, nos montes de Israel,

 

e un único rei fará de rei para todos eles,

 

e ese pobo non se volverá converter en dous,

 

nin se volverá dividir en dous reinos nunca máis.

 

23E nunca máis se volverán manchar cos seus ídolos,

 

nin coas súas abominacións,

 

nin con tódolos seus pecados,

 

senón que os librarei de tódolos lugares

 

onde viven, nos que pecaron.

 

Purificareinos e serán para min o meu pobo,

 

e eu serei para eles o seu Deus.

 

24E o meu servidor David será o seu rei,

 

o pastor único de todos eles,

 

e camiñarán conforme as miñas leis,

 

gardarán os meus preceptos e cumpriranos.

 

25Entón habitarán no país

 

que eu lle dei ó meu servidor Xacob,

 

no que habitaron vosos pais,

 

e habitarán nel para sempre,

 

eles, os fillos e os fillos de seus fillos;

 

e o meu servidor David será o seu príncipe para sempre.

 

26Establecerei con eles unha alianza perfecta,

 

e o sinal que eu lles darei

 

é que a alianza será eterna,

 

e farei que se multipliquen.

 

Porei para sempre o meu santuario no medio deles,

 

27e a miña morada estará no medio deles;

 

serei o seu Deus e eles serán o meu pobo.

 

28E cando o meu santuario estea no medio deles para sempre,

 

recoñecerán que eu son o Señor,

 

o que consagra a Israel.

 

 

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Xer 31, 10. 11-12ab. 13

R/ (cf 10d): O Señor gardaranos coma o pastor ó seu rabaño

 

10Escoitade a palabra do Señor, pobos,

 

facédea coñecer nas illas de lonxe, anunciádea:

 

-O que dispersou a Israel, xuntarao,

 

e gardarao coma un pastor o seu rabaño.

 

 

 

11Certo, rescatará o Señor a Xacob,

 

librarao dunha man máis forte.

 

12Chegarán para festexalo á cima de Sión,

 

correrán cara ós bens do Señor,

 

 

 

13Entón a virxe alegrarase na danza,

 

os mozos e os vellos andarán ledos;

 

eu cambiarei o seu loito en ledicia,

 

consolareinos e alegrareinos

 

despois da súa aflicción.

 

 

 

 

 

VERSIÑO Ez 18, 31:

 

Guindade de vós tódalas vosas prevaricacións, di o Señor,

 

e procurádevos un corazón novo e un espírito novo

 

 

 

 

EVANXEO Xn 11, 45-56:

Para congregar na unidade ós fillos de Deus, que andaban dispersos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

45Moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel. 46Pero

algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlle-lo que fixera Xesús. 47Entón os

sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían:

 

-¿Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. 48Se o deixamos así, todos

crerán nel e virán os romanos e quitaránno-lo noso lugar santo e maila nosa nación.

 

49Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano, díxolles:

 

-Non entendedes nada. 50¿Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?

 

51Iso non o dixo pola súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano,

profetizou que Xesús había de morrer pola nación; 52e non só pola nación, senón tamén para reuni-los fillos de Deus que estaban dispersos. 53Por iso, desde aquel día, decidiron matalo.

 

54En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a

rexión colindante co deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus

discípulos. 55Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a

Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. 56Andaban entón buscando a Xesús, e

cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: "¿Que vos parece? ¿Non virá á

festa?".