Venres de Dores

 

PRIMEIRA Xer 20, 10-13:

O Señor está comigo, coma forte guerreiro

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

10Xa estou oíndo a sentencia,

aumenta o terror ó arredor:

"Denunciádeo, denunciémolo".

Tódolos que se fiaban da miña mensaxe de paz,

agardan a miña caída:

"A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".

 

11Polo Señor suspiro, como por un forte loitador;

por isto os meus perseguidores caen, non me poden.

Quedarán cubertos de vergonza porque non tiveron éxito,

non deixarán esquecida esta vergonza perpetua.

 

12Señor dos Exércitos, que pos a proba o xusto,

que ve-los sentimentos e mailas intencións,

eu hei ver como te vingas deles,

pois a ti encomendei o meu preito.

13Cantádelle ó Señor,

louvade o Señor,

pois libra a vida dun pobre do poder dos malvados.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 5-6. 7

R/ (cf 7): No apreto chamei ó Señor e el escoitoume

 

2Eu ámote, Señor, a miña forza,

3Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio,

 

meu Deus, penedo onde me acollo,

o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.

4Eu invoco ó Señor, o adorable,

e salvarame dos meus inimigos.

 

5As ondas da morte rodéanme,

as correntes do averno atropélanme;

6cínguenme as cordas do abismo,

sorpréndenme as trampas da morte.

 

7No apreto chamo ó Señor,

suplico cara ó meu Deus.

El escoita a miña voz desde o santuario,

o meu clamor chega ós seus oídos.

 

 

 

VERSIÑO Cf. Xn 6, 63c. 68c:

 

As túas palabras, Señor, son Espírito e vida;

ti tes palabras de vida eterna

 

 

 

 

 

EVANXEO Xn 10, 31-42:

Buscaban prendelo, e esvaroulle das mans

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

31Colleron pedras os xudeus, para apedraren a Xesús. 32Xesús replicoulles:

-Moitas boas obras fixen diante de vós de parte do meu Pai. ¿Por cal delas me

apedrades?

 

33Respondéronlle os xudeus:

-Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home,

faste Deus.

 

34Xesús replicoulles:

-¿Non está escrito na vosa Lei Eu dixen: sodes deuses? 35Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus -e non pode a Escritura perde-la súa forza-, 36¿por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ó mundo, por dicir que "Son Fillo de Deus"? 37Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. 38Pero se as fago, anque non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.

 

39Unha vez máis trataban entón de o prender; pero Xesús liscóuselles das mans. 40E foi de novo á outra banda do Xordán, ó sitio onde estivera Xoán bautizando ó comezo e permaneceu alí. 41E acudiron moitos onda el e dicían: "Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade". 42E moitos comezaron a crer nel alí.