Venres Santo
CELEBRACIÓN DA PAIXÓN DO SEÑOR
PRIMEIRA Is 52, 13 - 53, 12
Foi ferido por culpa das nosas iniquidades (4º Canto do Servo)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
13Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo.
14A grande multitude quedará abraiada ante el,
pois o seu aspecto non parecía o dun home,
a súa figura non parecía a dun fillo de Adam.
15Pero agora fará conmover a pobos numerosos:
por causa del os reis pecharán a súa boca,
porque contemplarán o que nunca se lles contou, e comprenderán o que nunca escoitaron.
53 1¿Quen creu o que lle dixemos?
¿A quen se lle revelou o brazo do Señor?
2El subiu coma tenro gromo na súa presencia,
coma raíz en terra reseca.
Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo, e o seu aspecto non era atraente.
3Desprezado, o máis rexeitado dos homes,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
Coma alguén de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprezo.
4El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.
Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
5Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.
6Todos nós coma rabaño andabamos perdidos,
cada un polo seu camiño.
Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós.
7Foi oprimido, foi aflixido;
pero el non abriu a súa boca.
Foi levado coma unha res á matanza,
e, coma ovella muda ante o tosquiador,
non abriu a súa boca.
8Foi levado cun xuízo perverso,
ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos,
para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.
9Puxeron a súa sepultura entre os malvados,
e a súa tumba entre os ricos,
aínda que non cometeu violencia,
nin houbo fraude na súa boca.
10O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
11Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.
12Por isto repartirei con el xunto cos grandes,
e cos poderosos terá parte no botín,
porque entregou a súa vida á morte
e foi contado cos malvados.
Si, el foi o que cargou co pecado de moitos
e fai a intercesión polos malvados.
SALMO RESP. Sal 30, 2 e 6.I2-I3.I5-I6.I7 e 25
R/ (Lc 23, 46): Ás túas mans, Pai, encomendo o meu espírito
2A ti, Señor, eu acóllome:
que endexamais non me vexa defraudado.
6Nas túas mans encomendo a miña vida,
e ti librarasme, Señor, Deus fiel.
12Son o riso dos inimigos,
a burla dos meus veciños.
Para os meus coñecidos son espanto:
foxen ó verme na rúa.
13Esquécense de min, coma dun morto;
eu son coma un cacharro que non serve.
15Mais eu teño confianza en ti, Señor,
e digo: -"Ti e-lo meu Deus.
16Nas túas mans está o meu porvir:
líbrame do poder dos inimigos e dos meus perseguidores.
17Fai brilla-lo teu rostro para o teu servo,
sálvame, pola túa misericordia.
25Sede fortes e valentes
os que esperades no Señor.
SEGUNDA Hebr 4, I4-I6; 5, 7-9
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da salvación para tódolos que o obedecen
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
Irmáns e irmás:
14Xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámo-la esperanza que profesamos.
15Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades,
senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.
16Acheguémonos, con liberdade ó trono da gracia, para conseguirmos misericordia e
atoparmos gracia para unha axuda no seu debido tempo.
7Cristo, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e
súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión.
8Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; 9e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal,
converteuse en causa de salvación eterna, para tódolos que lle obedecen,
VERSIÑO Flp 2, 8-9:
Cristo fíxose obediente por nós
ata a morte, e unha morte de cruz.
Por iso Deus exaltouno:
e deulle un título que está sobre todo título
EVANXEO Xn 18, 1 - 19, 42
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN
18 1Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. 2Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. 3Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. 4Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
-¿A quen buscades?
5Respondéronlle:
-A Xesús de Nazaret.
Díxolles El:
-Eu son.
Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. 6Cando lles dixo Eu son, botáronse para trás e caeron ó chan. 7Entón, preguntoulles outra vez:
-¿A quen buscades?
Eles contestaron:
-A Xesús de Nazaret.
8Xesús respondeulles:
-Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
9Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
10Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. 11Pero Xesús díxolle a Pedro:
-Mete a espada na vaíña; ¿e, logo, non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?
12Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.
13Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. 14(Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").
15Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. 16Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo -o coñecido do Sumo Sacerdote-, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. 17A porteira preguntoulle a Pedro:
-¿Non es tamén ti dos discípulos dese home?
El contestou:
-Non son.
18Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse.
Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.
19Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. 20Xesús respondeulle:
-Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. 21¿Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
22O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
-¿Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
23Xesús replicoulle:
-Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, ¿por que me pegas?
24Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.
25Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
-¿Non es tamén ti dos seus discípulos?
El negouno, dicindo:
-Non son.
26Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
-¿E logo non te vin eu na horta con el?
27Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.
28Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen come-la Pascua. 29Saíu entón fóra Pilatos, onda eles, e preguntou:
-¿Que acusación traedes contra este home?
30Eles responderon:
-Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
31Díxolles entón Pilatos:
-Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
Os xudeus contestáronlle:
-Non nos é lícito matar a ninguén.
32Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.
33Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
-¿Es ti o Rei dos Xudeus?
34Xesús respondeu:
-¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
35Pilato replicou:
-¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿que fixeches?
36Xesús contestoulle:
-O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían
para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
37Díxolle entón Pilato:
-¿Logo ti es Rei?
Xesús respondeu:
-Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar
testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
38Pilato preguntoulle:
-¿Que é a verdade?
E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
-Eu non atopo nel culpa ningunha. 39Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua.
¿Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?
40Berraron entón outra vez, dicindo:
-Non. A ese non; a Barrabás.
(O tal Barrabás era un bandido).
19 1Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. 2Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, 3e, inclinándose diante del, dicíanlle: "¡Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.
4Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
-Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
5Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
-Ei-lo home.
6Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
-¡Crucifícao, crucifícao!
Pilato respondeulles:
-Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
7Os xudeus replicaron:
-Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
8Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, 9entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
-¿De onde es ti?
Pero Xesús non lle deu unha fala. 10Entón Pilato insistiu:
-¿Comigo non falas? ¿Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?
11Xesús respondeulle:
-Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me
entregou a ti ten maior pecado.
12Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
-Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.
13Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio
nomeado "O enlousado", en hebreo "gábaza". 14(Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día).
Díxolles ós xudeus:
-Velaquí o voso rei.
15Pero eles berraban:
-¡Fóra, fóra! ¡Crucifícao!
Pilato preguntoulles:
-Pero ¿como vou crucifica-lo voso rei?
Os sumos sacerdotes insistiron:
-Non temos máis rei có César.
16Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.
Entón colleron a Xesús. 17Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. 18Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.
19Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. 20Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. 21Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
-Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
22Pilato respondeu:
-O escrito, escrito está.
23Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del -e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado-, e maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. 24E falaron entre eles:
-Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
Así cumpriuse a Escritura, que di:
Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.
Tal fixeron os soldados.
25O pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. 26Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
-Muller, velaí o teu fillo.
27Despois díxolle ó discípulo:
-Velaí a túa nai.
Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.
28Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". 29Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. 30Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
31Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado -pois era grande aquel día de sábado-, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
32Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlle-las pernas ó primeiro e mais ó outro que crucificaran con el. 33Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, 34senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
35Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. 36Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". 37E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
38Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús -anque ás agachadas, por medo ós xudeus-, rogoulle a Pilato que lle deixase retira-lo corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. 39Foi tamén Nicodemo -aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite-, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
40Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. 41No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. 42Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.