Xoves Santo

 

PARA A MISA CRISMAL

Cfr núm 260

 

 

PRIMEIRA Is 61, 1-3a. 6a. 8b-9

O Señor unxiume e mandoume evanxeliza-los pobres e reparti-lo bálsamo da alegría

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

 

61 1O Espírito do Señor, Iavé, está sobre min,

porque o Señor me unxiu.

 

Mándame anuncia-la boa nova ós pobres,

cura-los de corazón destrozado,

proclamarlles ós cativos a liberdade

e ós presos que abran os ollos,

2para proclamar un ano de gracia do Señor

e o día do rescate do noso Deus,

para consola-los entristecidos,

3para agasalla-los tristes por Sión,

para darlles xoias en vez de po,

perfume de ledicia en vez de loito,

vestido de festa en vez de espírito amoucado.

 

6Pero vós seredes chamados sacerdotes do Señor,

dirásevos servidores do noso Deus.

Si, eu daréille-la súa recompensa lealmente

e pactarei con eles unha alianza eterna.

 

9Será recoñecida entre os pobos a descendencia deles

e os seus renovos no medio das nacións.

 

Tódolos que os vexan recoñeceranos,

pois eles son a descendencia que o Señor bendiciu.

 

 

 

SALMO RESP. Sal 88, 21-22. 25 e 27

R/ (cf 2a) Cantarei eternamente a túa misericordia, Señor

 

 

21atopei o meu servo David

e unxino con óleo santo.

 

22A miña rexa man estará con el,

o meu brazo farao forte.

 

 

25A miña fidelidade e o meu amor irán con el

e no meu nome erguerá a testa.

 

27El dirame: -Ti es meu pai,

meu Deus, rocha da miña salvación.

 

 

 

SEGUNDA Ap 1, 5-8

Fíxonos Reino, Sacerdotes do noso Deus e Pai

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

 

 

Gracia e paz para vós de parte de Xesús Cristo, a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.

 

A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue 6e que nos

converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mailo poder polos séculos dos séculos. Amén.

 

7Velaquí vén nas nubes,

e todo ollo o verá,

mesmo aqueles que o traspasaron:

por el baterán no peito tódalas razas da terra.

Certo. Amén.

 

8Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que

todo o sostén.

 

 

VERSIÑO Is 61, 1 (cit. en Lc 4, 18)

 

O Espírito do Señor está sobre min:

mandoume evanxeliza-los pobres

 

 

 

EVANXEO Lc 4, 16-21

O Espírito do Señor está sobre min; por iso me unxiu

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

 

16Chegou Xesús a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na

sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, 17e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:

 

18O Espírito do Señor está sobre min

porque El foi quen me unxiu

para proclamárlle-la Boa Nova ós pobres.

Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestrados

e a vista ós cegos,

para lles dar liberdade ós asoballados,

19e proclama-lo ano de gracia do Señor.

20Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga enteira

estaban fixos nel. 21Logo empezoulles a dicir:

 

-Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

 

 

 

 

 

MISA NA CEA DO SEÑOR

 

 

 

PRIMEIRA Ex 12, I-8. II-I4

Preceptos acerca da cea pascual

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

 

12 1O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón: 2-"Teredes este mes polo primeiro

dos meses, o mes principal de todo o ano. 3Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No

día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. 4Se a familia é moi pequena para come-lo año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ó que cada un poida comer. 5O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode se-lo mesmo un año coma un cabrito.

6Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a

comunidade toda de Israel en asemblea. 7Colleréde-lo sangue e mollaredes con el as

xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. 8Comeréde-la carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.

 

11Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man.

Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.

 

12Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte tódolos primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con tódolos deuses de Exipto. Eu, o Señor. 13O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.

14Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.

 

 

 

SAL. RESP. Sal 115, I2-I3. I5-I6bc. I7-I8

R/ (cf. 1 Cor 10, 16): O caliz de bendición é a comuñón do Sangue de Cristo

 

 

12¿Con que lle pagarei ó Señor

todo o ben que me fai?

13Alzarei a copa da salvación,

invocando o nome do Señor;

 

15Moi custosa é ós ollos do Señor

a morte dos seus amigos.

16Servo teu e fillo da túa serva,

a quen ti rompíche-las cadeas!

 

17Ofrézoche sacrificios de louvanza,

invocando o nome do Señor.

18Cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo,

 

 

 

 

SEGUNDA 1 Cor 11, 23-26

Cantas veces comades este pan e bebades este viño, anunciáde-la morte do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

 

Irmáns e irmás:

 

Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o

entregaron, colleu pan 24e, despois de dar gracias, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". 25Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".

 

26Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciáde-la morte do Señor, ata que El volte.

 

 

 

VERSIÑO Xn 13, 34

 

Douvos un mandamento novo, di o Señor,

que vos amedes uns a outros como eu vos amei

 

 

 

EVANXEO Xn 13, 1-15

Amounos ata a fin

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

13 1Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

 

2E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, 3sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, 4ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. 5Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavárlle-los pes ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. 6Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:

-Señor, ¿vasme lava-los pés ti a min?

 

7Xesús respondeulle:

-O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.

 

8Pedro replicoulle:

-Ti non me lavara-los pés a min endexamais.

 

Xesús respondeulle:

-Se non te lavo, non terás parte comigo.

 

9Exclamou Simón Pedro:

-Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.

 

10Dille Xesús:

-Quen se bañou, non precisa máis que lava-los pes, pois está todo limpo; e vós estades

limpos, aínda que non todos.

 

11Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".

 

12Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:

-¿Comprendéde-lo que fixen convosco? 13Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. 14Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavárvo-los pés uns a outros. 15Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.