Domingo VII

 
 

 PRIMEIRA 1 Sam 26, 2. 7-9. 112-13. 22-23

O Señor entregoute nas miñas mans, pero eu non quixen aproveitarme

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL

 

2Xaúl baixou, ó momento, ó deserto de Zif con tres mil homes escolleitos de Israel para

buscar alí a David.

 

7David e Abixai chegaron de noite ó campamento e viron que Xaúl estaba deitado,

durmindo, no cercado, coa lanza cravada no chan, á súa cabeceira. Abner e o exército

estaban deitados ó redor.

 

8Abixai díxolle a David: -"Hoxe púxoche Deus o teu inimigo nas túas mans. Agora

déixame que o crave dun golpe de lanza contra o chan. Non cumprirá repetilo". 9David

respondeulle a Abixai: -"Non quero que o mates. ¿Quen poñería a man impunemente sobre

o unxido do Señor?"

 

12David colleu a lanza e a xerra da auga de onda a cabeceira de Xaúl e fóronse sen que

ninguén os vise, nin se decatase, nin espertase. Estaban todos durmidos, coma se un sono

do Señor caese riba deles.

 

13David pasou para a outra banda e detívose no cume do monte deixando un longo treito

entremedias.

 

22David respondeulle: -"Aquí está a lanza do rei. Que veña un dos teus homes recollela.

 

23Que o Señor lle teña en conta a cada un a súa xustiza e a súa lealdade. Hoxe púxote El

nas miñas mans; pero eu non ousei erguelas contra o unxido do Señor.

 

 

 

SALMO RESP. Sal 102, 1-2. 3-4. 8 e 10. 12-13.

R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

3El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

4rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

 

8O Señor é misericordioso e clemente,

tardo á ira e rico en mercedes.

10Non nos trata conforme ós nosos erros

nin nos paga conforme ás nosas culpas.

 

 12canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

13canto un pai ama ós seus fillos,

así ama o Señor ós que o temen.

 

 

 

SEGUNDA 1 Cor 15, 45-49

O mesmo que levámo-la imaxe do home terrestre, tamén levarémo-la imaxe do celeste.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

45O primeiro home, Adam, fixérono un ser vivo; o último Adam, un espírito que dá vida.

46Pero non foi primeiro o espiritual, senón o natural, e despois o espiritual. 47O primeiro

home, saído da terra, era terrestre; o segundo home veu do ceo. 48Como era o terrestre, así

son os terrestres: e como é o celeste, así son os celestes. 49E o mesmo que antes levámo-la

imaxe do terrestre, tamén levarémo-la imaxe do celeste.

 

 

 

 ALELUIA Xn 13, 34

Douvos un mandamento novo, di o Señor,

que vos amedes uns a outros como eu vos amei

 

 

EVANXEO Lc 6, 27-38

Sede misericordiosos, como voso Pai é misericordioso

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

27A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que vos

odian, 28bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; 29ó que che

zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar

tamén a túnica. 30O que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada.

31Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.

 

32Se amáde-los que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os

aman a eles. 33E se lles facedes ben ós que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores

fan outro tanto. 34E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas

gracias! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto.

35Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes

nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é

bo cos malos e desagradecidos. 36Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.

 

37Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e

hanvos perdoar. 38Dade, e darásevos a vós: unha boa medida -acugulada, rebordada,

apretada- seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a

vós.