Domingo VIII

 
 

PRIMEIRA Sir 27, 5-8 (gr 4-7)

Antes de falar non louves a ninguén

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

 4Tralo abaneo da peneira, queda o farelo;

tamén queda o refugallo do home cando o examinan.

5As potas do oleiro saen segundo arda o forno,

un home é o que é segundo o que pensa.

6Conforme o que se coide unha árbore serán os seus froitos,

e o raciocinio segundo a inclinación que un teña.

7Non louves a ninguén antes de que razoe

pois tal é a proba dos homes.

 

 

 

SALMO RESP. Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16

R/ (cf 2a): É bo louvarte, Señor

 

2É bo louvarte, Señor,

canta-lo teu nome, Altísimo,

3pregoar de mañá o teu amor

e de noite a túa fidelidade,

 

13Os xustos medrarán coma palmeiras,

ergueranse coma cedros do Líbano.

14Plantados na casa do Señor,

florecerán nos adros do noso Deus.

 

 15Aínda na vellez seguirán dando froito,

estarán fortes e frescos,

16para pregoar que recto é o Señor,

a miña rocha, en quen non hai iniquidade.

 

 

 

 

SEGUNDA 1 Cor 15, 54-58

Déuno-la victoria por medio de Xesús Cristo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

54Cando isto corruptible se revista de incorrupción e isto mortal se revista de

inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita:

a morte foi tragada pola victoria

55Morte, ¿u-la túa victoria?

Morte ¿u-lo teu aguillón?

 

56O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei. 57Pero deámoslle as gracias

a Deus, que El nos dá a victoria por medio do noso Señor Xesús Cristo.

 

58Así que, meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez

máis á obra do Señor, sabendo que os vosos esforzos coma cristiáns non son en balde.

 

 

 

ALELUIA Flp 2, 15d. 16a

Iluminaréde-lo mundo coma luminarias,

aportando a palabra de vida

 

 

EVANXEO Lc 6, 39-45

Da bundancia do corazón fala a boca

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

39Xesús púxolles ós discípulos unha comparanza:

-¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? 40Non está

o discípulo por enriba do mestre; anque todo discípulo que chegue a prepararse ben, será

coma o seu mestre. 41¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te

decatas da trabe que está no teu propio ollo? 42¿Como lle poderás dicir a teu irmán:

"Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu?

¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quita-lo lixo do ollo

de teu irmán.

 

43Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza

froitos bos. 44Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen

figos, nin das silveiras se vendiman uvas. 45O home bo saca o ben da bondade do seu

propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón

fala a boca.