Domingo XXII

 

22º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C

 

 

Primeira Lectura    Eclo 3, 19-21. 30-31 (gr 17-18. 20. 28-29)

Faite humilde; encontrarás graza diante de Deus

 

LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

            Meu fillo, cando sexas rico procede modestamente

e virás a ser máis amado có que fai moitos agasallos;

faite pequeno diante das grandezas do mundo

e encontrarás favor onda Deus.

            Non vaias á procura do difícil de máis para ti

nin pescudes o que te supera;

            Non corras a sandar a ferida do burlón;

non ten cura pois é grelo de planta cativa.

            A mente sabia comprende os ditos dos Sabios,

o oído atento á Sabedoría aledarase.

           

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL    Sal 67, 4-5ac. 6-7ab. 10-11

 

R/. (cf. 11b): Na túa bondade, Deus, dispuxeches unha casa para o pobre.

 

Os xustos alégranse, exultan na súa presenza,

reloucan de contento.

Loade o Señor, cantade o seu nome.

Chámase Señor: exultade diante del.

 

Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador:

Deus na súa morada santa.

Deus dálles fogar aos solitarios,

libra os presos e enriquéceos,

 

Vertiches, Deus, chuvia xenerosa,

Fortaleciches a herdade extenuada.

O teu rabaño apousentou no lugar

que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres.

 

 

Segunda Lectura     Heb 12, 18-19. 22-24a

Estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo

 

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS

 

            Irmáns:

            Non estades diante de algo que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta, nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ao sentilas, pediron que non se pronunciase ningunha máis.

            Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da Igrexa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección, e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza.

 

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

 

 

ALELUIA    Mt 11, 29ab

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Cargade co meu xugo, di o Señor,

e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón.

Aleluia.

 

 

Evanxeo     Lc 14, 1. 7-14

Quen se exalta será humillado e quen se humilla será exaltado

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

            Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano.

Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:

            ‑ Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar.

            O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.

E díxolle tamén ao que o convidara:

            ‑ E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti.

            Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

 

                                    Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo