22/08 Santa María Raíña

 

PRIMEIRA Is 9, 1-6

 

Déuseno-lo Fillo

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

 

 

9 1O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha grande luz.

 

Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.

 

2Multiplicáche-lo xúbilo, fixeches grande a ledicia.

 

Alegráronse coa túa presencia, como coa alegría da seitura,

 

o mesmo que saltarán de xúbilo ó repartiren o botín.

 

3Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro -o bastón de quen o oprime-:

rompíchelos coma o día de Madián.

 

4Pois toda bota que tropeza con ruído, e todo manto cuberto de sangue

 

serán para a queima, serán pasto de incendio.

 

 

5Pois velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo:

 

a soberanía estará sobre o seu ombreiro,

 

e será invocado con estes seus nomes:

 

Marabilla de conselleiro, Heroe divino,

 

Pai eterno, Soberano da Paz.

 

6Oh, ¡que grande a súa Soberanía!

 

A paz non terá fin no trono de David e no seu reino, para afincalo e para afirmalo, co

dereito e coa xustiza,

 

desde agora e para sempre.

 

O celo do Señor dos Exércitos fará isto.

 

 

 

[O versiño 3 debe interpretarse segundo a versión hebraica]

 

 

 

 

 

SALMO RESP. Sal 112, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8

 

R/ (2) Sexa bendito o nome do Señor para sempre

 

Ou: Aleluia

 

 

 

Louvade, servidores do Señor,

 

louvade o nome do Señor.

 

2Bendito sexa o nome do Señor,

 

agora e por sempre.

 

3Desde o nacente ó poñente

 

louvado sexa o nome do Señor.

 

 

 

4Excelso sobre as xentes é o Señor,

 

sobre o ceo a sua gloria.

 

5¿Quen coma o Señor, noso Deus,

 

que habita nas alturas

 

6e que baixa para coidar

 

do ceo e mais da terra?

 

 

 

7El ergue do po os indixentes,

 

levanta os pobres do esterco,

 

8para lles dar asento cos nobres,

 

cos nobres do seu pobo.

 

 

 

 

 

 

 

 

EVANXEO Lc 1, 26-38

Velaí concebirás e parirás un fillo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

 

26Ós seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, 27onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

 

28Entrando onde estaba ela, díxolle:

-Alégrate, chea de gracia, o Señor está contigo.

 

29Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significa-lo saúdo aquel.

30O anxo continuou:

-Non teñas medo, María, porque ti atopaches gracia ante Deus; 31e, fíxate, vas concebir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. 32Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; 33reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

 

34María respondeulle ó anxo:

-¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?

 

35O anxo replicoulle:

-O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. 36Aí te-la túa curmá Isabel, que concebiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, 37que para Deus non hai imposibles.

 

38María contestou:

-Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.

 

 

E o anxo marchou de onda ela.