24/08 S.Bartolomeu, Apóstolo

 
PRIMEIRA Ap 21, 9b-14 
Sobre os mesmos alicerces estaban escritos os nomes dos doce apóstolos do Año 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE 
 
O anxo falou comigo, dicindo: 
''Ven acó, que che vou amosa-la noiva, a esposa do Año''. 10Levoume en espírito á cima 
dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo 
de onda Deus; 11tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba ó dunha pedra 
moi preciosa, a unha pedra cristalina de xaspe. 12Tiña unha muralla grande e alta con 
doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, 
que son os das doce tribus de Israel: 13Tres portas polo Nacente, tres portas polo Norte, 
tres portas polo Mediodía e tres portas polo Poñente. 14A muralla da cidade tiña doce 
alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce Apóstoles do Año. 
 
 
 
SAL. RESP. Sal 144, 10-11. 12-13ab. 17-18 
R/ (cf 12a) Que os teus santos, Señor, ensinen a gloria do teu reino 
 
 
10Lóuvente, Señor, as túas obras, 
bendígante os teus amigos. 
11Pregoen a gloria do teu reino, 
proclamen as túas fazañas. 
 
12Ensinen ós homes a túa forza 
e a maxestade gloriosa do teu reino. 
13O teu reino é reino eterno, 
o teu goberno dura por xeracións. 
 
17O Señor é xusto nos seus camiños todos, 
bo en tódolos seus feitos. 
18O Señor está cerca dos que o chaman, 
dos que sinceramente o invocan. 
 
 
 
ALELUIA Xn 1, 49b 
 
Mestre, ti e-lo Fillo de Deus, 
ti e-lo Rei de Israel! 
 
 
 
EVANXEO Xn 1, 45-51 
Velaí un israelita verdadeiro en quen non hai falsedade 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN 
 
45Atopou Felipe a Natanael e díxolle: 
-Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e mailos profetas: a Xesús, o fillo 
de Xosé, o de Nazaret. 
 
46Contestoulle Natanael: 
-¿E de Nazaret pode saír algo bo? 
 
Felipe díxolle: 
-Ven e verás. 
 
47Viu Xesús a Natanael, que se achegaba e dixo del: 
-Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez. 
 
48Preguntoulle Natanael: 
-¿E de que me coñeces? 
 
Contestoulle Xesús: 
 -Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira. 
 
49Respondeulle Natanael: 
-Rabbí, ti e-lo fillo de Deus, ti e-lo rei de Israel. 
 
50Díxolle entón Xesús: 
 -¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes 
has ver. 
 
51E concluíu: 
 -Con toda verdade volo aseguro: habedes ve-lo ceo aberto, e os anxos de Deus subindo 
e baixando onda o Fillo do Home.