A Inmaculada Concepción

 

 

 

INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA

 

Solemnidade - Día 8 de decembro

 

 

Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE

Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller

 

     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:

     ‑ Onde estás?

     El respondeulle:

     ‑ Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.

     Preguntoulle o Señor Deus:

     ‑ Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?

     Respondeulle Adán:

     ‑ A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.

     O Señor díxolle á muller:

     ‑ Que é o que fixeches?

     E a muller respondeu:

     ‑ A serpe enganoume, e comín.

     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:

     ‑ Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.

     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

 

                                   Palabra do Señor                                         R/ Grazas a Deus

 

SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4

R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

 

Cantade ao Señor un cántico novo,

pois fixo marabillas;

a súa destra deulle a vitoria,

o seu brazo santo.

 

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,

revela a súa xustiza ante os pobos.

Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade

coa casa de Israel.

 

Os confíns todos da terra percibiron

a vitoria do noso Deus.

Aclama o Señor, terra enteira,

rompede a cantar e a tocar.

 

Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

 

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,

que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.

            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,

para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.

            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,

por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,

para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,

por medio do seu Fillo benquerido.

            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

 

                                   Palabra do Señor                                         R/ Grazas a Deus

 

ALELUIA   cf Lc 1, 28

Se non se canta, pódese omitir

 

Aleluia, aleluia.

Alégrate, María, chea de graza, o Señor está

contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.

Aleluia.

 

Evanxeo   Lc 1, 26-38

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo

 

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.

            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:

            ‑ Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:

            ‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

            Díxolle María ao anxo:

            ‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?

            O anxo respondeulle:

            ‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.

            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

            Entón María dixo:

            ‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.

            E o anxo marchou de onda ela.

 

                                   Palabra do Señor                             R/ Loámoste, Cristo