09/11 Basílica de Letrán

 

Día 9 de novembro

Dedicación da Basílica de Letrán

Festa

 

PRIMEIRA

Ez 47, 1-2. 8-9. 12

Logo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que debaixo do vestíbulo do templo saía auga cara ó nacente, pois a fachada do templo daba ó nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ó sur do altar. Logo fíxome saír pola porta do norte e da-la volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ó nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita.

Entón díxome:

‑Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ó mar, quedarán de certo saneadas. E todo ser vivente, que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.

 

A beira do río, nunha marxe e noutra,

medrará toda clase de árbores froiteiras:

a súa follaxe non murchará,

e a súa froita non acabará,

senón que cada mes dará unha nova colleita,

pois as augas do río

son as que saen do santuario;

por isto a súa froita servirá para comer,

e as súas follas servirán para remedios.

 

 

 

SAL. RESP.

Sal 45, 2-3. 5-6. 8-9 ...

 

Deus é para nós refuxio e forza,

axuda certa na angustia.

Por iso non tememos, aínda que a terra trema

e os montes abalen cara ó mar;

 

Un río: as súas correntes alegran a cidade de Deus,

a morada santa do Altísimo.

Deus está no medio dela, e non pode caer,

Deus socórrea, ó despunta-lo día.

 

O Señor dos exércitos está connosco,

o noso castelo é o Deus de Xacob.

 

Vinde e vede as obras do Señor,

o que fai escarmentos na terra.

 

 

 

LECTURA 2

1 Cor 3, 9c-11. 16-17 ...

E vós sóde-lo edificio de Deus.

Na medida da gracia que Deus deu, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces. Outro edificou enriba. Que cadaquén olle como edifica. Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo.

¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

 

 

ALELUIA 2 Cron 7, 16 ...

Escollo e consagro este templo para que estea nel o meu Nome eternamente.                                        O meu corazón e os meus ollos estarán sempre nel.

 

 

EVANXEO Xn 2, 13-22 ...

 

Estaba a chega-la Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mailos cambistas, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambistas; e ós que vendían as pombas, díxolles:

‑Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".

Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:

‑¿Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:

‑Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Replicáronlle os xudeus:

‑Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.