30/11 San Andrés Apóstolo

 

PRIMEIRA Rm 10 9-18

A fe ven polo oido; o oído, pola palabra de Cristo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:

 

Se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. 10Pois é crendo co corazón como se chega á xustificación; e é confesando coa boca como se chega a salvación. 11Porque di a Escritura: ''todo o que crea nel non quedará defraudado''. 12Pois non hai diferencia entre o xudeu e o grego, xa que un mesmo é o Señor de todos, rico para tódolos que o invocan; 13porque ''todo o que invoque o nome do Señor será salvo''.

14Ora, ¿como han de invocar a aquel en quen non creron? ¿Como han de crer naquel de quen non oíron falar? ¿Como han de oír, sen alguén que anuncie? 15¿Como han de anunciar, se non os mandan? Por iso está escrito: ''Benvidos os pés dos que anuncian o ben''.

16Pero non todos aceptaron a Boa Nova. Pois xa di Isaías: ''Señor, ¿quen fixo caso da nosa predicación?''. 17Polo tanto, a fe é suscitada pola predicación, e a predicación vén pola palabra de Cristo. 18E digo eu: ¿Eles non oirían? -¡Por forza! ''Por toda a terra se espallou a súa voz, e ata o cabo do mundo as súas palabras''.

 

 

SAL. RESP. Sal 18, 2-3. 4-5

R/ (5a) Por toda a terra vai o seu anuncio

20s ceos proclaman a gloria de Deus,

o firmamento pregoa as obras das súas mans.

3Un dia pásalle ó outro a mensaxe,

unha noite transmítelle á outra a noticia.

4Sen que falen nin conten,

sen que se sinta a súa voz,

5por toda a terra vai o seu anuncio,

ata os confíns do mundo a súa palabra.

Ó sol púxolle alá no ceo unha tenda

 

 

ALELUIA Mt 4, 19

Vide comigo, di o Señor,

e fareivos pescadores de homes

 

 

EVANXEO Mt 4, 18-22

Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

18Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e Andrés; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar. 19Díxolles:

-Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.

20Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono. 21Máis adiante, atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e 22eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono.