07/10 Virxe do Rosario

 
PRIMEIRA Feit 1, 12-14  
Perseveraban na oración, con María, a nai de Xesús 
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS 
 
[Despois de que Xesús ascendeu ós ceos], 12 volveron os apóstolos para Xerusalén desde o chamado Monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado. 13Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Felipe, Tomé, Bartolomeo, Mateo, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. 14E todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns. 
 
 
SAL. RESP. Lc 1, 46-47. 48-49. 50-51. 52-53. 54-55
R/ (49) Fixo obras grandes en min o Poderoso; o seu nome é santo 
Ou: Ditosa ti, Virxe María, que levaches no teu ventre ó Fillo do eterno Pai 
 
 
46Entón María exclamou: 
 
A miña alma proclama a grandeza do Señor, 
 
47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, 
 
 
48porque reparou na súa humilde escraviña. 
 
Velaí: desde agora 
 
tódalas xeracións me van felicitar. 
 
49¡Marabillas o Poderoso fixo en min! 
 
O seu nome é Santo; 
 
 
50a súa misericordia chega xeración tras xeración 
 
a tódolos que o temen. 
 
51Manifesta o poder do seu brazo, 
 
desbaratando os plans dos soberbios. 
 
 
52Derruba do seu trono ós poderosos, 
 
e fai subir ós humildes; 
 
53ós famentos éncheos de bens, 
 
e ós ricos despídeos baleiros. 
 
 
54Ampara a Israel, o seu Servidor, 
 
lembrándose da súa misericordia, 
 
55conforme prometera a nosos pais, 
 
en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre. 
 
 
 
 
 
ALELUIA cf Lc 1, 28
 
Alégrate, María, chea de gracia, o Señor está contigo, 
 
bendita ti entre as mulleres 
 
 
 
 
 
 
EVANXEO Lc 1, 26-38 
Velaí concebirás e parirás un fillo 
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 
 
26Ós seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, 27onda 
unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da 
mociña era María. 
 
28Entrando onde estaba ela, díxolle: 
-Alégrate, chea de gracia, o Señor está contigo. 
 
 29Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significa-lo saúdo aquel. 
30O anxo continuou: 
-Non teñas medo, María, porque ti atopaches gracia ante Deus; 31e, fíxate, vas concebir 
no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. 32Será grande e 
chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; 
33reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin. 
 
34María respondeulle ó anxo: 
-¿E como pode ser isto, pois eu son virxe? 
 
35O anxo replicoulle: 
-O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por 
iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. 36Aí te-la túa curmá 
Isabel, que concebiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban 
estéril, 37que para Deus non hai imposibles. 
 
38María contestou: 
 
 -Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches. 
 
E o anxo marchou de onda ela.