13/01 Bautismo do Señor

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

Primeira Lectura   Is 42, 1-4. 6-7

Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo

 

            Isto di o Señor:

            Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

            Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.

            Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

            Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

            Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.

            Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,

da prisión aos que viven na escuridade.

 

            Palabra do Señor

            R/ Grazas a Deus

 

 

SALMO RESPONSORIAL      Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10

R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.

 

Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,

tributádelle ao Señor gloria do seu nome,

adorade o Señor no seu atrio sagrado.

 

A voz do Señor sobre as augas,

o Señor sobre as augas copiosas.

A voz do Señor é poderosa,

a voz do Señor é maxestosa.

 

O Deus glorioso fai tronar.

No seu santuario todo di: Gloria!

O Señor sentou sobre as augas,

o Señor senta como rei eterno.

 

 

 

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Segunda Lectura     Feit 10, 34-38

Unxiuno Deus co Espírito Santo

 

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:

            ‑ Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.

            El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.

            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os  que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 

 

            Palabra do Señor

            R/ Grazas a Deus

 

Ou tamén

 

LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S. XOÁN

Segunda Lectura     1Xn 5, 1-9

O espírito, a auga e o sangue

 

Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama ó que enxendra, ama tamén a quen aquel enxendrou. Sabemos que amámo-los fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.

Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vence-lo mundo. E esta é a victoria que derrota o mundo: a nosa fe. Porque ¿quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?

O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue. E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade. Porque tres son os que dan testemuño: o Espírito, a auga e mailo sangue; e os tres testemuñan no mesmo senso. Se nós aceptámo-lo testemuño dos homes, maior razón ten o testemuño de Deus. E este é o testemuño de Deus: o que El nos ten dado acerca do seu Fillo.

 

            Palabra do Señor

            R/ Grazas a Deus

 

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Evanxeo          Mc 1, 7-11

Ti e-lo meu fillo benquerido, o meu predilecto.

 

E proclamaba:

‑Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de postrarme para lle desata-los mallós do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.

 

E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán. E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:

‑Ti e-lo meu fillo benquerido, o meu predilecto.

 

            Palabra do Señor

            R/ Loámoste, Cristo