25/01 Conversión de San Paulo

 

PRIMEIRA Feit 22, 3-16

Érguete e bautízate, e lava os teus pecados,

invocado o nome de Xesús.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Dille Paulo ó pobo:

-3Eu son xudeu, nado en Tarso da Cilicia, pero criado nesta cidade, instruído ós pés de Gamaliel en todo o rigor da Lei dos nosos pais, acérrimo defensor de Deus, coma vós agora.4Eu perseguín á morte este Camiño, prendendo e metendo na cadea a homes e mulleres, 5tal como o poden atesta-lo sumo sacerdote e todo o Senado. De parte deles recibín cartas para os irmáns de Damasco e púxenme en camiño para traer presos a Xerusalén ós de alí, para castigalos.

 

6Pero sucedeu que cando ía de camiño, cerca de Damasco e polo mediodía, unha gran luz do ceo lostregou arredor de min. 7Caín ó chan e sentín unha voz que me dicía: ''Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues?''.

8Eu respondín:

''¿Quen es, Señor?''.

E díxome:

''Eu son Xesús de Nazaret, a quen ti persegues''.

9Os que ían comigo tamén viron a luz, pero non sentiron a voz do que me falaba.

10Entón dixen:

''¿Que debo facer, Señor?''

E o Señor díxome:

''Érguete, vai a Damasco e alí diráseche todo o que se che pide que fagas''.

11E como non vía cousa por culpa da fogaxe daquela luz, cheguei a Damasco pola man dos meus compañeiros.

12Entón un tal Ananías, home devoto conforme a Lei, aprezado por tódolos xudeus de alí, 13veume ver e, ó chegar onda min, díxome:

''Saulo, irmán, recobra a vista''

E naquel mesmo intre puiden velo. 14E díxome:

"O Deus dos nosos pais destinoute para que coñecése-la súa vontade, para vére-lo Xusto e sentíre-la voz da súa boca; 15porque lle has ser testemuña diante de tódolos homes do que viches e sentiches. 16E agora ¿a que

agardar? Érguete, recibe o bautismo e lávate dos teus pecados, invocando o seu nome".

 

Ou tamén: Feit 9, 1-22

 

Señor, ¿qué queres que eu faga?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRODOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

9 1Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, presentouse ó Sumo Sacerdote 2e pediulle cartas para as Sinagogas de Damasco, a fin de que, se encontraba algúns que fosen deste novo camiño,

tanto homes como mulleres, os puidese levar presos a Xerusalén.

3De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. 4Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía:

-Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues?

5El preguntou:

-¿Quen es ti, Señor?

Contestoulle:

-Eu son Xesús a quen ti persegues. 6Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer.

7Os compañeiros de viaxe quedaron parados, estantíos: sentían a voz, mais non vían ninguén. 8Saulo ergueuse do chan, pero, malia te-los ollos abertos, non vía nadiña.

Levárono pola man, introducírono en Damasco. 9Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber.

10Había en Damasco un discípulo, chamado Ananías, e o Señor díxolle nunha visión:

-¡Ananías!

El respondeu:

-Aquí estou, Señor.

 

O Señor volveulle falar:

-11Vai á rúa Dereita, e procura falar na casa de Xudas a un home chamado Saulo de Tarso, que está orando. 12(En visión, viu Saulo a un home chamado Ananías entrar e impoñerlle as mans para que recobrase a vista).

13Ananías respondeu:

-Señor, teño oído falar moito dese home e do mal que lles ten feito ós teus santos en Xerusalén. 14E aquí ten poderes dos xefes dos sacerdotes, para prender a tódolos que invocan o teu nome.

15Pero o Señor díxolle:

-Vai, que ese home é un instrumento escollido por min, para leva-lo meu nome diante dos pagáns, dos seus reis e mais dos israelitas. 16¡Heille mostra-lo que ten que sufrir polo meu nome!

17Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle:

-Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recóbre-la vista e te enchas do Espírito Santo.

18No instante, repeláronlle dos ollos como unhas escamas e recuperou a vista; ergueuse, e bautizouse. 19Despois comeu e volvéronlle as forzas.

Pasou algúns días cos discípulos de Damasco, 20e axiña comezou a predicar a Xesús nas sinagogas, proclamando que era o Fillo de Deus. 21Tódolos que o sentían ficaban pasmados e dicían:

''Pero ¿non é este o que en Xerusalén fixo estragos entre os que invocan ese Nome, e viñera aquí para os levar presos diante dos sumos sacerdotes?''.

22Pero Saulo con máis ánimos confundía ós xudeus de Damasco, demostrando que Xesús era o Mesías.

 

 

SAL. RESP. Sal 116, 1. 2

R/: (Mc 16, 15): Ide polo mundo enteiro, anunciando o Evanxeo

Ou: Aleluia

1 1Louvade ó Señor tódalas xentes,

aclamádeo tódolos pobos.

2O seu amor connosco é firme,

a súa fidelidade dura sempre.

 

 

ALELUIA Xn 15, 16

R/ Aleluia.

V/ Eu escollínvos,

para que vaiades e levedes froito

e o voso froito permaneza,

di o Señor.

R/ Aleluia

 

 

EVANXEO Mc 16, 15-18

Ide ó mundo enteiro, predicade o Evanxeo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Aparecéndose Xesús ós once, díxolles:

-Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. 16Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. 17Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; 18collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veneno, non lles fará mal ningún; imporánlle-las mans ós enfermos, e estes curarán.

Na Misa votiva de san Paulo, proclámanse tamén estas lecturas aquí recollidas.