24/06 Natividade de S.Xoán Bautista

 

Misa na vixilia

PRIMEIRA Xer 1, 4-10

Antes de que te formara no ventre, xa te coñecín

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Nos días de Iosías,4a palabra do Señor veume dicir:

5Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite;

antes de lle saíres das entrañas, consagreite;

constituínte profeta para as nacións.

6Entón eu díxenlle:

-¡Ai, meu Señor, Deus!

Repara en que non sei falar,

que son un rapaz.

7Logo o Señor respondeume:

-Non digas: "son un rapaz",

pois a onde eu te mande, irás;

o que eu che ordene, dirás.

8Non lles teñas medo,

Eu estou contigo para te salvar -é o Señor quen fala-.

9Alongou o Señor a súa man e tocou con ela na miña boca; logo díxome:

-Fíxate: poño a miña palabra na túa boca,

10mira que hoxe te fago inspector

sobre as nacións e sobre os reinos,

para arrincar e derrubar,

para destruír e arruinar,

para construír e plantar.

 

 

SAL. RESP. Sal 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17

R/ (6b) Desde o seo materno ti e-lo meu amparo

1En ti, Señor, acóllome

que endexamais non me vexa confundido.

2Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,

inclina o teu oído e sálvame.

3Se ti a rocha do meu refuxio

sempre disposta para salvarme:

Ti que e-la miña forte cidadela.

4Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados,

do puño do criminal e do opresor.

5Ti es, Señor, a miña esperanza,

a miña confianza, Señor, desde a mocidade.

6Desde o nacemento apóiome en ti,

desde o seo materno ti e-lo meu amparo,

15A miña boca pregoa a túa xustiza,

a túa salvación, o día enteiro

17Desde a mocidade ensínasme ti, Deus,

e aínda hoxe eu canto os teus prodixios

 

 

SEGUNDA 1 Pe 1, 8-12

Os profetas meditaron e pescudaron sobre a nosa salvación

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO

Benqueridos irmáns e irmás:

Amades a Xesús Cristo sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, 9porque conseguíste-lo froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.

10Sobre esta salvación meditaron e pescudaron algúns profetas, que profetizaron acerca da gracia que se vos concedeu. 11Pescudaron eles a data e as circunstancias ás que o Espírito de Cristo, presente neles, se quería referir, cando lles predicía os sufrimentos reservados a Cristo e as glorias que virían despois. 12Revelóuselles que non eran ministros destes misterios proféticos para proveito deles senón para o voso; misterios proféticos, que nesta era vos anunciaron os que vos evanxelizaron movidos polo Espírito Santo mandado desde o ceo; cousa esta que os mesmos anxos desexan achegarse a ollar.

 

 

ALELUIA Cf Xn 1, 7; Lc 1, 17

Este veu, para dar testemuño da luz;

a fin de preparar para o Señor un pobo perfecto

 

 

EVANXEO Lc 1, 5-17

Darache a luz un fillo, e chamaraslle Xoán

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

5Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Isabel. 6Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos.

7Non tiñan fillos, por ser Isabel estéril e estaren os dous moi entrados en anos. 8E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio diante de Deus, segundo a quenda do seu grupo, 9entrou no Santuario do Señor, conforme o ritual, para ofrece-lo incenso, 10mentres a xente facía oración fóra. 11Nisto á dereita do altar do incenso, de pé, aparecéuselle un anxo do Señor. 12Zacarías, ó velo, turbouse todo, cheo de temor. 13Mais o anxo díxolle:

-Acouga, Zacarías, que se escoitou a túa petición, e Isabel, a túa muller, vaiche dar un fillo, e vaslle chamar Xoán.

14Será para ti gozo e alegría, e moitos se alegrarán co seu nacemento. 15Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. 16Converterá a moitos fillos de Israel ó Señor, o seu Deus. 17Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais con fillos, ensinarlles ós rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.

 

 

 

 

 

Misa do día

PRIMEIRA Is 49, 1-6

Fareite luz das xentes

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

49 1Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.

O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.

2Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,

converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,

3e díxome: "Ti e-lo meu servo, Israel, de ti virame a sona".

4Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,

pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.

5cSerei glorificado coa presencia do Señor, e o meu Deus será a miña forza.

5"Pois agora -fala o Señor que desde o seo da nai me formou para se-lo seu servo,

para facer voltar onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El-,

6é moi fácil para ti se-lo meu servo,

restablecendo as tribos de Xacob e facendo voltar ós protexidos de Israel,

pois convértote en luz das nacións,

e sera-la miña salvación ata o confín da terra".

 

 

SAL. RESP. 138, 1-3. 13-14ab. 14c-15

R/ (14a) Lóuvote, Señor, polo prodixio que hai en min

 

Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,

2ti sabes cando sento e me levanto,

penetras nos meus pensamentos desde lonxe.

3Ti distingues cando me movo e cando estou quedo

e os meus camiños sonche todos familiares.

13Ti formáche-las miñas entrañas

tecíchesme no seo da miña nai.

14Lóuvote polo prodixio que hai en min:

as túas obras son marabillosas.

Ti coñeces a fondo o meu espírito;

15non che estaba oculta a miña esencia,

cando no segredo era formado

tecido no fondo da terra.

 

 

SEGUNDA Feit 13, 22-26

Predicaba Xoán antes da vinda do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Di Paulo:

22despois que o refugou, o Señor deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo: ''Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade. 23Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús. 24Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, 25e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: ''non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés''.

26Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ó noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.

 

 

ALELUIA Cf Lc 1, 76

E ti, meu meniño, serás chamado profeta do Altísimo:

irás por diante do Señor preparando os seus camiños

 

 

EVANXEO Lc 1, 57-66. 80

Xoán é o seu nome

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

57Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu á luz un fillo. 58En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. 59Os oito días levárono a cincuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai. 60Pero interveu a nai dicindo:

 

-¡Non, chamarase Xoán!

61Eles replicaron:

-¡Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!

62Preguntáronlle por señas ó pai, como quería que se chamase. 63El pediu con que escribir e puxo:

-Xoán é o nome do meniño.

Todos ficaron sorprendidos. 64E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. 65Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. 66Tódolos que o oían, dicían moi impresionados: "¿Que vai ser deste neno?". Porque a man de Deus estaba con el.

80O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.