29/06 S.Pedro e S.Paulo

 

 

Misa da vixilia

PRIMEIRA Feit 3, 1-10

O que teño, iso che dou: no nome de Xesús, levántate e anda

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

3 1Pedro e Xoán subían ó templo para a oración das tres da tarde. 2Había alí un home tolleito de nacemento, que levaban e poñían tódolos días cabo da porta chamada ''Fermosa'', para que pedise esmola ós que entraban no templo. 3Vendo que Pedro e Xoán estaban para entrar, pediulles esmola. 4Pedro -e o mesmo fixo Xoán- reparou nel e díxolle:

-Mira ben para nós.

5El ollaba para eles, esperando recibir algunha cousa. 6Entón Pedro díxolle:

-Non teño prata nin ouro, pero douche o que teño: en nome de Xesús Cristo de Nazaret, érguete e anda.

7Colleuno pola man dereita e levantouno. No instante, afirmáronselle os pés e os nocelos; 8dun brinco púxose en pé e camiñaba. Entrou con eles no templo, andando, choutando e louvando a Deus. 9Todo o pobo o viu camiñar louvando a Deus, 10e, recoñecendo que era o mesmo que se sentaba na porta Fermosa pedindo esmola, ficaron pasmados e desconcertados polo que lle acontecera.

 

 

SAL. RESP. Sal 18, 2-3. 4-5

R/ (5a) Por toda a terra vai o seu anuncio

20s ceos proclaman a gloria de Deus,

o firmamento pregoa as obras das súas mans.

3Un dia pásalle ó outro a mensaxe,

unha noite transmítelle á outra a noticia.

4Sen que falen nin conten,

sen que se sinta a súa voz,

5por toda a terra vai o seu anuncio,

ata os confíns do mundo a súa palabra.

 

 

SEGUNDA Gál 1, 11-20

Deus elixíume desde o ventre de miña nai

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

Irmáns e irmás:

11Fágovos saber que o evanxeo que eu predico non é cousa de homes, 12xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo. 13Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en persegui-la Igrexa de Deus; 14e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das tradicións dos meus devanceiros.

15Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa gracia, 16lle prougo revelarme o seu Fillo, para que volo predicase ós non xudeus, eu -sen lle pedir consellos á carne nin ó sangue, 17sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que en ser apóstolo xa me levaban anos-, de hoxe para mañá, retireime á Arabia, de onde volvín de novo a Damasco.

18De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. 19E non vin a ningún apóstolo máis, fóra de Santiago, o parente do Señor. 20¡Así Deus me salve, como nos vos minto nisto que vos escribo!

 

 

ALELUIA Xn 21, 17d

Señor, ti sábelo todo,

ti sabes que te amo

 

 

EVANXEO Xn 21, 15-19

Apacenta os meus años, apacenta as miñas ovellas

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

En manifestándose Xesús ós seus discípulos e 15cando xa comeran, preguntoulle a Simón Pedro:

-Simón de Xoán ¿ámasme mais ca estes?

El contestoulle:

-Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:

-Apacenta os meus años.

16E de novo preguntoulle por segunda vez:

-Simón de Xoán, ¿ámasme?

El respondeulle:

-Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:

-Apacenta as miñas ovellas.

17E preguntoulle por terceira vez:

-Simón de Xoán, ¿quéresme?

Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez ''¿quéresme?'', e respondeulle:

-Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.

 

Xesús díxolle:

-Apacenta as miñas ovellas. 18Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estendera-las túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.

19Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:

-Sígueme.

 

 

 

 

 

Misa do día

PRIMEIRA Feit 12, 1-11

Agora sei de certo que o Señor libroume das mans de Herodes

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

O rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. 2Mandou matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, 3e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro. Era a semana da Pascua. 4Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua. 5Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.

6A noite antes de que Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta de prisión. 7De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na celda, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle:

-¡Érguete correndo!

E caéronlle as cadeas das mans.

8Entón díxolle o anxo:

-Pon o cinto e calza as sandalias.

E así o fixo. Despois díxolle:

-Bota o manto por riba e sígueme.

9Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión. 10Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse ela soa. E ó saíren á rúa, logo o deixou o anxo.

11Entón Pedro, volvendo en si, dixo: ''agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu''.

 

 

SAL. RESP. Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

R/ (5) O Señor líbrame de tódolos meus temores

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa louvanza;

3gloríome no Señor,

e os humildes alégranse, ó escoitalo.

 

4Exaltade comigo ó Señor,

louvemos xuntos o seu nome.

5Eu busco ó Señor, e El responde,

líbrame de tódolos temores.

6Ollade para El e refulxide,

non poñades caras murchas.

7O Señor escoita ó pobre que o chama

e líbrao de tódolos apretos.

8O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis

e dálles seguridade.

9Gustade e vede que bo é o Señor:

feliz quen a El se acolle.

 

 

SEGUNDA 2 Tim 4, 6-8. 17-18

Finalmente impónseme a coroa de xustiza

PROCLAMACIÓN DA PALABRA DA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

Benquerido irmán:

6 a min xa me falta pouco para derrama-lo meu sangue e o meu pasamento está a chegar. 7Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. 8O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día.

E non só a min senón a tódolos que aarelan a súa Vinda gloriosa.

17Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e tódalas nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. 18O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

 

 

ALELUIA Mt 16,18

Ti es Pedro

e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa

e os poderes do inferno non poderán contra ela

 

 

EVANXEO Mt 16, 13-19

Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

13Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:

-¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?

14Eles responderon:

-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.

 

15Insistiu:

-E vós, ¿quen dicides que son?

16Respondeu Simón Pedro:

-Ti e-lo Mesías, o Fillo de Deus vivo.

17E Xesús contestoulle:

-Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. 18E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.

 

 

Na Misa votiva de San Pedro tómanse as lecturas da festa da Cátedra do mesmo apóstolo, n. 535

Na Misa votiva de San Paulo tómanse as lecturas da festa da Conversión do mesmo apóstolo, n. 519