Semana 2

 
 

SEMANA 2ª DA CORESMA

 

 

 

230.- LUNS

 

PRIMEIRA Dn 9, 4b-10:

Pecamos, fixémo-lo que é malo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

 

 

-Aténdeme, Señor, Deus grande e terrible,

que consérva-la alianza e a benevolencia

cos que te aman e observan os teus mandamentos.

5Nós pecamos, cometemos crimes, fomos impíos,

rebelámonos, afastándonos dos teus mandamentos e preceptos.

6Non fixemos caso dos teus servos os profetas,

que lles falaron no teu nome ós nosos reis,

ós nosos xefes, ós nosos pais

e a toda a poboación do país.

7Ti, Señor, te-la razón,

pero nós témo-la cara chea de vergonza,

como lles pasa hoxe ós homes de Xudá,

ós habitantes de Xerusalén

e a todo Israel, vivan preto ou lonxe,

en tódolos países por onde os espallaches

a causa das infidelidades que cometeron contra Ti.

8Señor, a vergonza canga sobre nós,

sobre os nosos reis, os nosos xefes e os nosos pais,

porque pecamos contra Ti.

9Pero é propio do Señor, noso Deus,

ter misericordia e perdoar,

aínda que nos teñamos rebelado contra El.

 

10Non fixemos caso do Señor, noso Deus,

de obedece-las instruccións que El nos deu

por medio dos profetas, os seus servos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 78, 8. 9. 11 e 13

R/ (Sal 102, 10a): Señor, non teñas en conta o noso pecado

 

8Non nos teñas en conta os pecados dos pais,

chegue axiña a túa piedade,

que estamos esgotados.

 

9Axúdanos, Deus, Salvador noso,

pola gloria do teu nome;

líbranos, perdoa as nosas culpas,

por mor do teu nome.

 

11Que chegue ata a ti o pranto dos cativos

e que o teu brazo poderoso salve os condenados á morte.

13Nós, o teu pobo, ovellas do teu rabaño,

cantaremos polas xeracións as túas louvanzas.

 

 

VERSIÑO Cf. Xn 6, 63c. 68c:

As túas palabras, Señor, son espírito e vida;

ti tés palabras de vida eterna

 

 

EVANXEO Lc 6, 36-38:

Perdoade e seredes perdoados

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

36Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.

 

37Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán;

perdoade, e hanvos perdoar. 38Dade, e darásevos a vós: unha boa medida -acugulada,

rebordada, apretada- seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades

hanvos medir a vós.

 

 

 

 

 

231.- MARTES

 

PRIMEIRA Is 1, 10. 16-20:

Aprendede a face-lo ben, buscade a rectitude

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

10Acollede as palabras do Señor, xefes de Sodoma.

Prestade atención á lei do noso Deus, pobo de Gomorra.

16Lavádevos, purificádevos,

apartade dos meus ollos a ruindade dos vosos feitos.

Deixade de berrar.

17Aprendede a face-lo ben, buscade a xustiza

encamiñade ó avergonzado, facédelle xustiza ó orfo, defendede a viúva.

18Agora vinde acá, e razoemos xuntos -di o Señor:

Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán;

aínda que fosen vermellos coma o carmesí, coma lá se volverán.

19Se vos convertedes e facedes caso, comeredes do mellor da terra.

20Pero se non queredes e resistides, coa espada seredes comidos.

Ollade que fala a boca do Señor.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 49, 8-9. 16bc-17 . 21 e 23

R/ (23b): Ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

8Non te reprendo polos teus sacrificios,

pois os teus holocaustos están sempre ante min.

9Eu non aceptarei becerros do teu gando

nin carneiros dos teus rabaños,

 

16"¿Para que recíta-los meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que despréza-la instrucción

e te viras de costas contra os meus preceptos?

 

21Cando isto fas, ¿terei eu que calar?

¿Pensas que son coma ti?

Repréndote e acúsote á cara".

23O que ofrece louvanza dáme gloria;

ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

 

VERSIÑO Ez 18, 31:

Arredade lonxe de vós tódalas vosas maldades, di o Señor,

e procurádevos un corazón novo e un espírito novo

 

 

EVANXEO Mt 23, 1-12:

Din pero non fan

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

23 1Xesús dirixiuse ós discípulos e mais á xente 2dicindo:

-Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mailos fariseos. 3Facede, logo, e cumpride

canto vos digan, pero non imitéde-la súa conducta porque falan pero non cumpren.

4Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para

os mover. 5Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as

filacterias e as franxas dos seus mantos; 6buscan os primeiros postos nos banquetes e os

primeiros asentos nas sinagogas; 7que lles fagan reverencias nos rueiros e que os

chamen "mestre".

 

8Pero vós non vos fagades chamar "señor mestre", pois un só é o voso Mestre, e todos

vós sodes irmáns. 9E a ninguén chamedes "pai" na terra porque un só é o voso Pai: o

celestial. 10Nin tampouco vos fagades chamar "dirixentes", porque un só é o voso

dirixente: Cristo. 11O máis importante entre vós debe se-lo voso servidor. 12Porque

quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.

 

 

232.- MÉRCORES

 

 PRIMEIRA Xer 18, 18-20:

Vide e castiguémolo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

 18Dixeron:

-Ollade, tramemos plans contra Xeremías,

pois a Lei non lle faltará ó sacerdote,

nin o consello lle faltará ó sabio,

nin a palabra ó profeta;

vinde, castiguémolo pola súa lingua,

e non fagamos caso das súas verbas.

 

19-Aténdeme, Señor,

escoita a voz dos meus inimigos.

20¿Págase, acaso, mal por ben?

Velaquí que cavaron para min un pozo.

Lémbrate de que estiven ante ti,

para falar ben a favor deles,

para apartar deles o teu noxo.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 30, 5-6. 14. 15-16

R/ (17b): Sálvame, Señor, pola túa misericordia

 

5Tírame da rede que me tenden,

pois ti e-lo meu refuxio.

6Nas túas mans encomendo a miña vida,

e ti librarasme, Señor, Deus fiel.

 

14Oio o murmurar da xente

-terror por tódolos lados-,

cando se xuramentan contra min

e traman quitarme a vida.

 

15Mais eu teño confianza en ti, Señor,

e digo: -"Ti e-lo meu Deus.

16Nas túas mans está o meu porvir:

líbrame do poder dos inimigos e dos meus perseguidores.

 

 

VERSIÑO Xn 8, 12:

Eu son a luz do mundo, di o Señor;

quen me segue, terá a luz da vida

 

 

EVANXEO Mt 20, 17-28:

Condenarano a morte

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

17Segundo ía subindo Xesús a Xerusalén, chamou a un lado os Doce polo camiño e

díxolles:

18-Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entrega-lo Fillo do Home ós sumos

sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, 19e entregarano ós pagáns para que

fagan riso del, o azouten e o cruci-fiquen; pero ó terceiro día resucitará.

 

20Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, postrándose para

pedirlle algo. 21El preguntoulle:

-¿Que queres?

 

Respondeulle:

-Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu

Reino.

 

22Respondeulle Xesús:

-Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes bebe-lo cáliz que eu teño que beber?

 

Respondéronlle:

-Podemos.

 

23Xesús replicou:

-O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non

depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.

 

24O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. 25Entón Xesús

chamou por eles e díxolles:

 

-Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. 26Pero

entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós

demais; 27e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial; 28porque o Fillo do

Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos.

 

 

233.- XOVES

 

PRIMEIRA Xer 17, 5-10:

Maldito quen confía no home; bendito quen confía no Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

5Así fala o Señor:

-Maldito o home que confía no home:

pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón.

6Será coma un cardo no ermo, non verá vi-la fartura;

habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable.

 

7Bendito o home que confía en Deus:

a súa esperanza é o Señor.

8Será coma unha árbore trasplantada xunto á auga,

que bota as súas raíces para o regueiro;

non notará cando veña a seca,

e a súa follaxe estará frondosa;

nos anos de seca non terá preocupacións,

pois non deixará de dar froito.

 

9O máis persoal e propio de todo é o corazón;

é o máis íntimo: ¿quen o coñecerá?

10Eu, o Señor, son quen escruto as intencións,

quen examina os sentimentos,

para lle dar a cada un conforme o seu comportamento,

conforme o froito das súas obras.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6

R/ (Sal 39, 5a): Benaventurado aquel que puxo no Señor a súa esperanza

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

 

 

VERSIÑO Cf. Lc 8, 15:

Benaventurados aqueles que reteñen a palabra de Deus

en corazón bo e perfecto,

e aportan froitos con paciencia

 

 

EVANXEO Lc 16, 19-31:

Recibiches bens e Lázaro males; agora éste é consolado, e tí atormentado

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós fariseos:

19Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba tódolos

días espléndidos banquetes. 20O pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo

cuberto de chagas, 21que estaba desexando mata-la fame co que caía da mesa do rico; e

incluso os cans se achegaban a lle lambe-las chagas.

 

22Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos ó seo de Abraham. Morreu tamén o

rico, e enterrárono. 23Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo

os ollos viu a Abraham e mais a Lázaro no seu seo. 24Entón suplicoulle dicindo: "Ai,

pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e

refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". 25Pero Abraham contestoulle:

"Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el

recibe consolo e ti tormento. 26Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de

xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós".

27Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abraham, que o mandes a casa do meu pai, 28onde

teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de

tormentos". 29Pero Abraham respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles

fagan caso a eles".

 

30El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto vai onda

eles, seguro que se converterán". 31Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e mais ós

Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".

 

 

 

 234.- VENRES

 

PRIMEIRA Xen 37, 3-4. 12-13a. 17b-28:

Velaí vén o soñador; vinde e matémolo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

3Israel quería a Xosé máis ca a ningún dos fillos, porque lle nacera na vellez. E

encargou para el unha túnica de mangas. 4Seus irmáns, ó dárense conta de que seu pai o

prefería, colléronlle xenreira e non podían falar de boas con el.

 

12Os irmáns de Xosé foran para Xequem apacenta-los fatos de seu pai. 13Israel díxolle

a Xosé: -"Teus irmáns estarán co gando en Xequem. Ven, que te vou mandar onda eles".

 

Xosé foi tras eles, e encontrounos en Dotán.

 

18Vírono eles desde lonxe e, antes de que chegase, matinaron matalo. 19Dicíanse uns ós

outros: -"Aí vén ese soñador. 20Imolo matar agora mesmo. Botarémolo nun pozo e

diremos que unha fera salvaxe o devorou. Veremos en que paran os seus soños".

 

21En oíndo isto Rubén, tratou de o librar das súas mans, e propuxo: -"Non lle quitémo-

la vida". 22E engadiu, coa intención de o salvar e de llo volver a seu pai: -"Non vertáde-

lo seu sangue. Botádeo nunha cisterna do deserto, pero non poñáde-las mans nel".

 

23En chegando Xosé onda os irmáns, estes quitáronlle a túnica, aquela túnica de mangas

que levaba posta, 24e despois guindárono na cisterna. Pero esta non tiña auga.

 

25Sentados para comer, ergueron os ollos e viron unha caravana de ismaelitas que viña

de Galaad, cos camelos cargados de especias, de bálsamo e resina, camiño de Exipto.

 

26Nisto díxolles Xudá a seus irmáns:

-"¿Que proveito tiraremos con mata-lo noso irmán e tapa-lo seu sangue? 27Vaiamos,

vendámosllelo ós ismaelitas. Non poñámo-las mans nel, pois é noso irmán, do noso sangue".

Os irmáns asentiron. 28Pasaron uns caravaneiros madianitas, e os irmáns tiraron a Xosé do

fondo do pozo. Por vinte moedas de prata vendérono ós ismaelitas, que o levaron a Exipto.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 16-17. 18-19. 20-21

R/ (5a): Recordade as marabillas que fixo o Señor

 

16Chamou a fame sobre a terra,

cortou o abasto do pan.

17Mandou diante deles un home,

foi vendido Xosé coma escravo.

 

18Atáronlle os pés con grillóns,

botáronlle cadeas de ferro ó pescozo,

19ata que chegou a hora de se cumpri-lo agoiro,

e a palabra do Señor lle devolveu o creto.

 

20Mandou o rei soltalo,

o soberano de pobos abriulle a prisión,

21e fíxoo dono da súa casa,

administrador da súa facenda,

 

 

VERSIÑO Xn 3, 16:

Tanto amou Deus ó mundo,

que lle entregou o seu Fillo Unixénito;

quen cre nel, ten a vida eterna

 

 

EVANXEO Mt 21, 33-43. 45-46:

Este é o herdeiro, vinde, matémolo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós sumos sacerdotes e ós senadores do pobo:

 

33-Escoitade outra parábola:

Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela

un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñadores e

marchou para lonxe.

 

34Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñadores, para cobra-

las rendas. 35Pero os viñadores agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a

outro apedrárono. 36De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos

do mesmo xeito.

 

37Por último, mandóulle-lo seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano

respectar". 38Pero os viñadores, ó veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña,

matémolo, e a herdanza será nosa". 39E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.

 

40-Ben, ¿e cando veña o señor da viña, que fará cos viñadores aqueles?

 

41Respondéronlle:

-A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendarálle-la viña a outros viñadores,

que lle paguen as rendas no seu tempo.

 

42Díxolles entón Xesús:

-¿Seica non lestes nunca na Escritura:

A pedra que desbotaron os canteiros

é agora o esquinal:

esa pedra colocouna o Señor,

¡que regalía para nós!?

 

43Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que

produza bos froitos.

 

45Oíndo as súas parábolas, os sumos sacerdotes e mailos fariseos decatáronse de que

ían por eles. 46Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.

 

 

235.- SÁBADO

 

PRIMEIRA Miq 7, 14-15. 18-20:

Arrebolará ás profundidades do mar tódolos nosos pecados

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

14Pastorea, Señor, ó teu pobo co teu caxato, o rabaño da túa herdanza, que vive solitario

na foresta, no medio dunha fértil camposa.

 

Que pazan en Baxán e Galaad, coma nos días doutros tempos.

15Coma nos días da túa saída de Exipto, fainos ver marabillas.

 

18¿Que Deus hai coma ti, que quita a iniquidade,

e lle pasa por alto o pecado ó resto da súa herdanza,

que non se obstina para sempre na ira,

senón que lle ten amor á misericordia?

 

19Cambiará de actitude, terá compaixón de nós,

esmagará as nosas iniquidades.

¡Si, ti botarás no fondo do mar tódolos nosos pecados!

 

20Dálle a Xacob probas de fidelidade, a Abraham probas de amor:

así llelo xuraches ós nosos pais desde os tempos antigos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-3. 3-4. 9-10. 11-12

R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

3El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

4rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

 

9Non contende por moito tempo

nin se anoxa para sempre.

10Non nos trata conforme ós nosos erros

nin nos paga conforme ás nosas culpas.

 

11Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

12canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

 

 

VERSIÑO Lc 15, 18:

Erguereime e irei onda meu pai e direille:

meu pai, pequei contra o ceo e contra ti

 

 

EVANXEO Lc 15, 1-3. 11-32:

Este teu irmán estaba morto e reviviu

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. 2Por iso os fariseos e

letrados murmuraban:

-Este acolle os pecadores e come con eles.

 

3Entón Xesús contoulles esta parábola:

-Un home tiña dous fillos. 12O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da

herdanza que me corresponde". El repartíulle-los seus bens. 13Días despois, este fillo

recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo

coma un perdido.

 

14Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar

necesidade. 15Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha

granxa a coida-los porcos. 16Alí chegou a ter gana de enche-lo estómago coas landras

que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

 

17Recapacitando, pensou: "¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a

fartar, e eu morro coa fame. 18Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei

contra o ceo e contra ti; 19xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame

coma un xornaleiro".

 

20Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu

emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno garimosamente. 21O fillo

exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates

coma un fillo".

 

22Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella;

poñédelle un anel na man e calzado nos pés. 23Preparade un cuxo cebado para comelo e

facer unha gran festa. 24Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba

perdido e atopámolo". E empezou a festa.

 

25Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música

e mailo baile. 26Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. 27O criado

contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou mata-lo cuxo cebado por

recuperalo san e salvo". 28Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

 

Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. 29El díxolle: "Tantos anos como levo

servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para farrear cos

meus amigos; 30e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con

mulleres de mala vida, e máta-lo cuxo cebado".

 

31O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, 32¿que

menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e

volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".