Semana 3

 
 

SEMANA 3ª DA CORESMA

 

 

 

236.- Misa "ad libitum"

 

PRIMEIRA Ex 17, 1-7:

Sairá auga para que o pobo beba

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

17 1A asemblea dos israelitas, seguindo as ordes do Señor, saíu do deserto de Sin e, por

xeiras, chegou a Refidim, onde acampou. O pobo non atopou alí auga que beber, 2e

rifaba con Moisés, esixindo: -"Dános auga para beber". El respondíalles: -"¿Por que

rifades comigo e tentáde-lo Señor?" 3Pero o pobo, sedento, seguía queixándose por auga

a Moisés: -"¿Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, ós

nosos fillos e á nosa habenza?"

 

4Moisés clamou entón cara ó Señor:

-"¿Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme".

 

5O Señor respondeulle: -"Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de

Israel, leva na man a vara coa que batéche-lo Nilo, e camiña. 6Eu presentareime diante túa alá no Horeb, onda o penedo. Ti batera-lo penedo, e sairá auga del para que o pobo beba". Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel. 7Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israelitas contenderon co Señor e puxérono á proba, preguntando: -"¿Está o Señor connosco ou non?".

 

 

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9

R/ (8): ¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

Non endurezáde-lo corazón

 

1Vide, cantémoslle ó Señor,

aclamémo-la nosa rocha salvadora;

2acheguémonos á súa presencia con louvanza,

aclamémolo con cancións.

 

6Vide, adorémolo postrados,

axeonllémonos ante o Señor, que nos creou.

7El é o noso Deus

e nós sómo-lo seu pobo,

o rabaño que guía a súa man.

¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

 

 8Non endurezáde-lo corazón, coma en Meribah,

coma o día de Masah, no deserto,

9cando vosos pais me tentaron,

provocáronme aínda que viran os meus feitos.

 

 

VERSIÑO Cf. Xn 4, 42. 15:

Señor, ti es verdadeiramente o Salvador do mundo;

dame auga viva para que non teña sede

 

EVANXEO Xn 4, 5-42:

Fonte de auga que salta ata a vida eterna

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

5Chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara

Xacob a seu fillo Xosé. 6Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou

onda o pozo. Era ó pé do mediodía. 7Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E

Xesús díxolle:

-Dáme de beber.

 

8(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

 

9Preguntoulle entón a muller samaritana:

-¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de

beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

 

10Respondeulle Xesús:

-Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle

pedirías a el e el daríache auga viva.

 

11Replicoulle a muller:

-Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga

viva? 12¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el,

seus fillos e mailo seu gando?

 

13Xesús contestoulle:

-Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; 14pero o que beba da auga que eu lle

darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte

que saltará ata a vida eterna.

 

15A muller suplicou:

-Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

 

16Díxolle Xesús:

-Vai chamar polo teu marido e volve aquí.

 

17A muller contestou:

-Non teño marido.

 

Xesús díxolle:

-Falaches ben, dicindo "non teño marido"; 18tiveches cinco homes e o que tes agora non

é teu marido. Desta si que faláche-la verdade.

 

19A muller respondeu:

-Señor, vexo que ti es profeta. 20Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é

en Xerusalén onde hai que adorar.

 

21Xesús díxolle:

-Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo

Pai. 22Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a

salvación vén dos xudeus. 23Pero chega a hora -é xa agora- en que os verdadeiros

adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura

o Pai. 24Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.

 

25Respondeu a muller:

-Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar

tódalas cousas.

 

26Díxolle Xesús:

-Son eu, o que está falando contigo.

 

27Nisto chegaron os seus discípulos e chamóulle-la atención que falase cunha muller.

Pero ningún lle preguntou: "¿Que pretendes?" ou "¿De que falas con esa?"

 

28Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:

29-Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o Mesías?

 

30Eles saíron da vila e viñeron onda el.

 

31Mentres, os seus discípulos insistíanlle:

-Rabbí, come.

 

32Mais el díxolles:

-Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.

 

33Dicíanse entón os discípulos, uns ós outros:

-¿Traeríalle alguén de comer?

 

34Xesús díxolles:

-A miña comida é face-la vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra.

35¿Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois

mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos

para a seitura. 36O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito

que se alegran tanto quen sementa coma quen sega. 37Pois nisto é verdadeiro o dito de

que un é quen sementa e outro quen recolle. 38Eu mandeivos recolle-lo que vós non

traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.

 

39Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba:

"díxome todo canto eu fixen". 40Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle

que quedase con eles; e quedou alí dous días. 41E creron aínda moitos máis polo que el

lles dixo. 42Dicíanlle despois á muller:

-Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este

é de verdade o Salvador do mundo.

 

 

 

237.- LUNS

 

PRIMEIRA 2 Re 5, 1-15a:

Había moitos leprosos en Israel e ningún deles foi limpo a non ser Naaman o Sirio (Lc

4, 27)

 

5 1Naamán, xefe do exército do rei de Aram, era un home de clase, mirado polo seu

amo en moita estima, porque por el déralle o Señor victorias a Aram. Pero este home

valente era leproso.

 

2Nunha das súas batidas, os arameos levaran cativa do país de Israel unha rapaza nova,

que quedou logo de criada onda a muller de Naamán. 3Díxolle á súa señora: -"Oxalá o

meu señor fose onda o profeta que hai en Samaría. El si que o libraría da súa

enfermidade".

 

4Naamán foille dicir ó seu soberano que isto e isto dixera a rapaza israelita. 5O rei de

Aram aconsellouno: -"Vai alá. Eu dareiche unha carta para o rei de Israel". E Naamán

púxose en camiño, levando consigo dez talentos de prata, seis mil siclos de ouro e dez

mudas de vestir. 6Levaba tamén a carta para o rei de Israel, na que se dicía: -"En

recibindo esta carta, verás que che mando o meu ministro Naamán, para que o sanes da

lepra".

 

7Cando o rei de Israel leu esta carta, rachou as súas vestes e exclamou: -"¿Seica son eu

un deus, con poder de da-la morte ou a vida, para que ese me mande dicir que sane un

home da lepra? Fixádevos ben e veredes que me está provocando". 8Cando o home de

Deus, Eliseo, oíu que o rei de Israel rachara as súas vestes, mandoulle dicir: -"¿Por que

rácha-las vestes? Que veña onda min, e saberá que hai un profeta en Israel".

 

9Foi, pois, Naamán, cos seus cabalos e os seus carros, e parouse á entrada da casa de

Eliseo. 10Eliseo mandoulle dicir, por medio dun mensaxeiro: -"Vai e lávate sete veces

no Xordán, e o teu corpo quedará limpo". 11Naamán enfadouse, e marchábase, dicindo:

-"Eu pensei que sairía el mesmo ó meu encontro, que se poría a invoca-lo nome do

Señor, seu Deus, que pasaría logo a súa man sobre a parte doente e que con iso me

libraría da miña enfermidade. 12¿Seica non valen máis os ríos de Damasco, o Abanah e

o Parpar, ca tódalas augas de Israel? ¿Non podo bañarme neles, e así quedar limpo?" E

con esas deu volta e íase abufado.

 

13Entón chegáronse onda el os seus criados e dixéronlle: -"Señor, se o profeta che

mandase algo difícil, ¿non o farías? Canto máis se só che mandou: lávate e quedarás

limpo".

 

14Baixou el entón ó Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara

o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou

limpo.

 

15Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle,

dicindo: -"Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel".

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 41, 2. 3; Sal 42, 3. 4

R/ (41, 3): A miña alma ten sede do Deus vivo:

¿cando verei o rostro de Deus?

 

2Como devece a cerva pola auga dos regatos,

así devece por ti, meu Deus, a miña alma.

 

3A miña alma ten sede do Deus vivo:

¿cando verei o rostro de Deus?

 

3Manda a túa luz e a túa verdade,

que elas me guiarán;

levaranme ó teu monte santo,

á túa mesma morada.

 

4Achegareime ó altar de Deus,

o Deus da miña alegría,

e louvareite ó son da cítola,

Deus, o meu Deus.

 

 

VERSIÑO Cf. Sal 129, 5 e 7:

Espero no Señor, espero na súa palabra;

porque nel hai misericordia,

e copiosa redención

 

 

EVANXEO Lc 4, 24-30:

Xesús, coma Elias e Eliseo, non é mandado só para os xudeus

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

En chegando Xesús a Nazaret, dille ó pobo na sinagoga:

-Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. 25Tede por seguro que no

tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres

anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; 26e a ningunha delas

mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. 27E moitos gafos

había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o

sirio.

 

28Oíndo estas cousas, tódolos que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras;

29así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está

edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. 30Pero el botou a andar polo medio

deles e marchou.

 

 

 

238.- MARTES

 

PRIMEIRA Dn 3, 25. 34-43:

Que con corazón contrito e espírito humillado encontremos acollida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

 

25Azarías, ergueito no medio do lume, abriu a boca e dixo:

34¡Por mor do teu nome!,

non nos abandones para sempre,

non rómpa-la túa Alianza,

35non afastes de nós a túa misericordia,

por Abraham, o teu benquerido;

por Isaac, o teu servo;

por Israel, o teu santo;

36a quen prometeras multiplicárlle-la súa descendencia

coma as estrelas do ceo

e coma as areas na praia do mar.

 

37Por causa dos nosos pecados, Señor,

somos hoxe a máis pequena das nacións,

humillada por toda a terra.

38Agora xa non temos nin príncipe, nin profeta,

nin xefe, nin holocausto, nin sacrificio,

nin oblación, nin incenso, nin lugar

onde che presenta-las primicias e acadar misericordia.

39Pero que, alomenos, con corazón contrito e espírito humillado

encontremos acollida,

como se fosen holocaustos de carneiros e bois,

de milleiros de años cebados.

 

40Ese vai ser hoxe o noso sacrificio ante ti,

para te aplacar plenamente,

porque os que confían en ti non quedan defraudados.

41Por iso agora seguímoste de todo corazón,

temémoste e buscámo-lo teu rostro: non nos defraudes,

42trátanos conforme a túa bondade,

e segundo a túa gran misericordia.

43Líbranos co teu poder prodixioso

e dá gloria ó teu nome, Señor.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

R/ (6a): Lémbrate, Señor, da túa misericordia

 

4Móstrame, Señor, os teus camiños,

ensíname os teus sendeiros,

5diríxeme na túa verdade, apréndeme,

pois ti es, Deus, o meu salvador

 

 

6Lémbrate, Señor, da túa compaixón e do teu amor,

pois existen desde sempre.

7acórdate de min segundo o teu amor,

Señor, pola túa bondade.

 

8O Señor é bo e recto:

por iso ensínalle-lo camiño ós extraviados,

9dirixe ós xustos no xuízo

e móstralles ós humildes o vieiro.

 

 

 

VERSIÑO Xl 2, 12-13:

Agora pois, di o Señor,

convertédevos a min de todo corazón,

porque son benigno e misericordioso

 

 

EVANXEO Mt 18, 21-35:

Se non perdoades cada un ó seu irmán, o Pai non vos perdoará a vós

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

21Pedro, achegándose a Xesús, preguntoulle:

-Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete

veces?

22Respondeulle Xesús:

-Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

 

23Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo face-las contas cos seus

servidores. 24Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. 25E

como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e

canto tiña, para que así lle pagase.

 

26O servidor botóuselle ós pés e suplicáballe:

-¡Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!

 

27O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

 

28Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha

insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:

-Paga o que me debes.

 

29Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:

-Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

 

30Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase

a débeda.

 

31Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o

que pasara. 32Entón o señor mandouno chamar e díxolle:

-¡Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. 33¿E logo

non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?

 

34E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

 

35Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a

seu irmán.

 

 

239.- MÉRCORES

 

PRIMEIRA Dt 4, 1. 5-9:

Observaréde-los mandamentos e poñerédelos en práctica

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:

4 1E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que

vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos

entrega.

 

5Velaí que, tal e como o Señor, o meu Deus mo mandara facer, vos ensinei

mandamentos e preceptos, para que obrasedes conforme eles dentro da terra onde ides

entrar para tomardes posesión dela.

 

6Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría ós

ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é

o pobo máis experto e máis sabio, 7pois, ¿que gran nación ten os seus deuses tan cerca

de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? 8E ¿que gran nación ten

mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño? 9Pero ti

ten moito coidado de ti, ten coidado coa túa vida, de non esqueceres cousas que viron os

teus ollos e de que non se che aparten do teu corazón tódolos días da túa vida.

Cóntallelas a teus fillos e a teus netos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 147, 12-13. 15-16. 19-20

R/ (12a): Glorifica ó Señor, Xerusalén

 

12Glorifica ó Señor, Xerusalén,

louva o teu Deus, Sión.

13El reforza os ferrollos das túas portas

e bendice os teus fillos no teu seo.

 

15El manda á terra a súa mensaxe

e a súa palabra corre lixeira.

16Produce neve coma la

e espalla xeada coma cinsa;

 

19El anuncia a Xacob os seus proxectos,

os seus estatutos e mandatos a Israel.

20Non fai así con outros pobos

que descoñecen as súas decisións.

Aleluia.

 

 

VERSIÑO Cf. Xn 6, 63c. 68c:

As túas palabras, Señor, son Espírito e vida;

ti tes palabras de vida eterna

 

 EVANXEO Mt 5, 17-19:

Quen enseña e practica, ese será chamado grande

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus discípulos:

17Non pensedes que vin derroga-la Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para

dar cumprimento. 18Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e maila terra non

pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra. 19E quen falte a un destes

mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis

pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no

Reino dos Ceos.

 

 

 

240.- XOVES

 

PRIMEIRA Xer 7, 23-28:

Estes son os que non ouiron a vaz do Señor o seu Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

Di o Señor:

23Foi este o precepto que lles impuxen:

"Escoitade a miña voz:

Eu serei o voso Deus,

e vós seréde-lo meu pobo;

camiñade polo vieiro que vos mando,

para que vos vaia ben".

 

24Pero non fixeron caso,

nin prestaron atención,

senón que se comportaron

conforme ós seus plans,

conforme á dureza do seu ruín corazón:

déronme as costas, e non a cara.

 

25Desde o día en que saíron de Exipto

os vosos pais ata hoxe,

estívenvos mandando

os meus servos, os profetas:

mandéivolos cedo e a tempo,

26pero non fixeron caso,

nin me prestan atención,

senón que endureceron a súa testa,

volvéndose peores cós seus pais.

 

27Xa lles podes repetir todo este discurso,

que non te escoitarán;

xa lles podes berrar,

que non che responderán.

28Haslles dicir: "Este é o pobo,

que non fixo caso da voz do Señor,

o seu Deus,

nin dá aprendido.

Perdeuse a fidelidade,

arrincáronllela da boca".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9

R/ (8): ¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

Non endurezáde-lo corazón

 

1Vide, cantémoslle ó Señor,

aclamémo-la nosa rocha salvadora;

2acheguémonos á súa presencia con louvanza,

aclamémolo con cancións.

 

6Vide, adorémolo postrados,

axeonllémonos ante o Señor, que nos creou.

7El é o noso Deus

e nós sómo-lo seu pobo,

o rabaño que guía a súa man.

¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!

 

8Non endurezáde-lo corazón, coma en Meribah,

coma o día de Masah, no deserto,

9cando vosos pais me tentaron,

provocáronme aínda que viran os meus feitos.

 

 

 

VERSIÑO Xl 2, 12-13:

Agora pois, di o Señor,

convertédevos a min de todo corazón,

porque son benigno e misericordioso

 

 

EVANXEO Lc 11, 14-23:

Quen non está comigo, está contra min

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

14Estaba Xesús botando un demo mudo; e cando saíu o demo, falou o mudo. A xente

quedou abraiada, 15pero algúns deles dixeron:

-Este bota fóra os demonios co poder de Belcebul, xefe dos demos.

 

16Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. 17Pero el, coñecéndolle-lo que

pensaban, díxolles:

-Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. 18Pois ben,

se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soste-lo seu reino? Vós dicides

que boto os demos co poder de Belcebul. 19Pero se eu boto os demonios co poder de

Belcebul, ¿co poder de quen os botan vosos fillos?

 

Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 20Pero se boto os demos co poder de Deus,

é que xa chegou a vós o Reino de Deus. 21Mentres un home forte e armado garda o seu

pazo, os seus bens están seguros. 22Pero se chega un máis forte, e o vence, quitándolle

as armas nas que confía, repartirá o botín. 23Quen non está comigo está contra min, e

quen non recolle comigo derrama.

 

 

 

241.- VENRES

 

PRIMEIRA Os 14, 2-10:

Non queremos volver a chamar Deus noso á obra das nosas mans.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE OSEAS

 

Di o Señor:

2Vólvete, Israel, ó Señor teu Deus, xa que caíches por culpa da túa iniquidade.

 

3Discorrede un discurso, volvede ó Señor e dicídelle:

"Perdoa totalmente a culpa;

si, acólleno-la palabra; queremos agradecercho co froito dos nosos labios.

4Asiria non nos pode salvar, non queremos montar a cabalo,

non queremos volver a chamar Deus noso á obra das nosas mans.

Pois en ti o orfo atopa compaixón".

 

5Eu curarei a súa apostasía, e querereilles de boa gana,

si, apartarei deles a miña ira.

6Serei coma orballo para Israel,

florecerá coma o lirio

e chantará as raíces coma o bosque do Líbano.

 

7Os seus retoños medrarán e será coma a oliveira a súa beleza

e o seu perfume coma o do bosque do Líbano.

 

8Volverán a habitar á miña sombra, cultivarán o trigo,

lembrándose de min florecerán coma a viña, coma o viñedo do Líbano.

9A Efraím, ¿para que lle volverán a servi-los ídolos?

Eu son, eu, quen o escoito e teño coidado del.

Eu son coma o ciprés sempre verde,

en min atópase froito para ti.

 

10¿Quen é o sabio que entenda estas cousas,

o entendido que as coñeza?

Pois son rectos os camiños do Señor e os xustos camiñan por eles,

mentres que os que renegan tropezan neles.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 80, 6c-8a. 8bc-9. 10-11ab. 14 e 17

R/ (cf 11 e 9a): Eu son o Señor, o teu Deus: escoita a miña voz

 

6Cando saíu da terra de Exipto,

7escoitei a fala dun descoñecido,

tireille a carga do lombo,

as súas mans deixaron as cestas.

 

8No apreto chamáchesme e libreite,

respondinche agachado entre trebóns,

púxente a proba nas augas de Meribah.

9Oe, meu pobo, que quero avisarte,

escóitame ben, Israel.

 

10-"Non terás contigo un deus estraño,

non adorarás un deus alleo.

11Eu son o Señor, o teu Deus,

quen te sacou da terra de Exipto

 

14¡Ai, se o meu pobo me escoitase,

se Israel seguise o meu camiño!

17Manteríao con flor de trigo,

con mel bravo o fartaría.

 

 

 

VERSIÑO Mt 4, 17:

Facede penitencia, di o Señor;

acércase o reino dos ceos

 

 

 

EVANXEO Mc 12, 28b-34:

O Señor noso Deus é o único Señor, e amaralo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

28Un letrado acercouse a Xesús e preguntoulle:

-¿Cal é o mais importante de tódolos mandamentos?

 

29Xesús respondeulle:

-O primeiro é: Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único, 30e amara-lo

Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu

entendemento e con tódalas túas forzas. 31O segundo é: Amara-lo teu próximo coma a

ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

 

32O letrado replicou:

-Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del; 33e

que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con tódalas forzas, e o

próximo coma a un mesmo, é mais importante do que tódolos sacrificios e holocaustos.

 

34Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:

-Non estás lonxe do Reino de Deus.

 

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

 

 

 

 242.- SÁBADO

 

PRIMEIRA Os 6, 1-6:

Quero amor, e non sacrificio

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE OSEAS

 

 6 1Vinde e volvámonos ó Señor.

É El quen nos desgarra e quen nos curará,

quen nos fere, e nos vendará,

2faranos revivir despois de dous días,

ó terceiro día restableceranos, e viviremos felices na súa presencia.

3Nisto recoñecerémolo.

Esforcémonos por coñece-lo Señor:

a súa irrupción é segura coma a alba.

Viranos á terra certamente unha chuvia forte,

si, a chuvia da primavera

e a chuvia do outono.

 

4¿Que che vou facer, Efraím? ¿Que che vou facer, Xudá?

O voso amor é coma a nube da mañá,

coma o orballo da madrugada, que pasa.

5Por isto ferín co meu terrible oráculo,

matei coas palabras da miña boca,

e a miña sentencia brilla coma o sol,

6pois quero amor, e non sacrificios,

prefiro o coñecemento de Deus ós holocaustos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 18-19. 20-21ab

R/ (cf Os, 6, 6): Preferín a misericordia ó sacrificio

 

3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,

pola túa misericordia, borra o meu pecado;

4lávame ben da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.

 

 18Con sacrificios ti non te compraces,

se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:

o corazón contrito e humilde

ti, Deus, non o desprezas.

 

20Faille ben a Sión, pola túa bondade,

restaura os muros de Xerusalén.

21Entón aceptara-los sacrificios puros,

inmolaranse xuvencos nos teus altares.

 

 

 

VERSIÑO Cf. Sal 94, 8ab:

Non endurezades hoxe os vosos corazóns,

senón escoitade a voz do Señor

 

 

 

EVANXEO Lc 18, 9-14:

O publicano baixou xustificado para a súa casa ó contrario que o fariseo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

9Xesús propuxo esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos,

créndose perfectos e desprezando os demais:

10-Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.

 

11O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche gracias

porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador.

12Gardo o xexún dúas veces por semana e pago o dezmo de todo canto gaño".

 

13O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los ollos

ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un

pecador".

 

14Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o

outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe

enaltecerano.