Semana IV

 
 

SEMANA 4ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 323 LUNS

ANO 1

PRIMEIRA Heb 11, 32-40

Pola fe gañaron reinos. Para nós Deus aínde ten preparado algo mellor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

 

32¿Que máis queredes que diga? Non me chegaría o tempo, se me puxer a falar de

Guideón, de Barac, de Sansón, de Iefté, de David, de Samuel e dos profetas. 33Eles coa

fe gañaron reinos, fixeron xustiza, conseguiron promesas, pecháronlle-la boca a leóns,

34apagaron a furia do lume, escaparon ó fío da espada, repuxéronse de doenzas, foron

valentes na guerra e fixeron recua-las filas dos exércitos estranxeiros; 35houbo mulleres

que recobraron resucitados os seus defuntos; outros, polo contrario, morreron a golpes,

sen quereren acepta-lo rescate, para conseguiren deste xeito unha resurrección de máis

valer. 36Outros tiveron que sufrir aldraxosas azoutas e cadeas e cárcere. 37Morreron

acantazados, serrados, a golpes de espada, tiveron que camiñar vagamundos, cubertos

con peles de ovella e de cabra, pasando mil necesidades, tribulacións e malos tratos.

38O mundo non era merecente deles, por iso andaban a rumbo, perdidos por fóra dos

lugares, polos montes, polas covas e tobos da terra.

 

39Pero todos estes, aínda que pola fe Deus testificou a favor deles, non conseguiron

alcanza-la promesa, xa que foi mesmamente en vistas a nós 40como Deus preparou algo

mellor; de xeito que eles non puidesen consegui-la perfección sen nós.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 30, 20. 21. 22. 23. 24

R/ Sede fortes e valentes os que esperades no Señor

 

20¡Que grande é o ben

 que reservas para aqueles que te temen,

 o que lles fas ós que a ti se acollen,

 á vista de tódalas xentes!

 

21Na túa presencia faslles un refuxio,

 un agarimo contra a conxura humana.

 Escóndelos na túa tenda

 das linguas maliciosas.

 

22Bendito sexa o Señor,

 que me mostra un amor admirable

 nunha vila arnurallada".

 

23Moi apurado eu dicía:

 --"Botáchesme de diante dos teus ollos".

 Pero a verdade é que me escoitas,

 cando clamo cara a ti.

 

24Amade o Señor, tódolos xustos:

 o Señor garda os leais

 e dálle-lo seu pago ós soberbios.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 2 Sam 15, 13-14..30; 16, 5-13a

Fuxamos da presencia de Absalón. Deixade que Ximí maldiga según o mandado do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

 

13Chegou onda David un mensaxeiro que lle dixo: -"O corazón dos israelitas vaise con

Abxalom". 14Entón mandoulles David a tódolos seus servidores, que estaban con el en

Xerusalén: -"Preparádevos e fuxamos; se non, non daremos escapado de Abxalom.

Fuxamos de présa, que non se nos adiante. Se nos colle, estamos perdidos. Pasará a

cidade polo fío da espada".

 

30David subía chorando pola costa das Oliveiras, coa cabeza cuberta e os pés descalzos.

Toda a súa xente cubrira a cabeza e subía tamén chorando.

 

5Chegado o rei David a Bahurim, saía de alí un da familia de Xaúl chamado Ximí, fillo

de Guerá. Saía maldicindo 6e tiráballes pedras a David e ós serventes do rei, mentres a

xente toda e os valentes ían á súa dereita e á súa esquerda. 7Nas súas maldicións dicía

Ximí: -"Vaite, vaite, home sanguiñento e perverso. 8O Señor fai caer enriba de ti o

sangue da familia de Xaúl, a quen roubá-che-lo trono; o Señor pon o reino nas mans de

teu fillo Abxalom. Aí estás, caído na túa maldade, porque ti es un home sanguiñento".

 

9Abixai, fillo de Seruiah, díxolle ó rei: -"¿Por que permites que ese can morto maldiga ó

rei, meu señor? Déixame que lle corte a cabeza". 10Pero o rei díxolle: -"¿Que teño eu

que ver convosco, fillos de Seruiah? Déixao que maldiga. Se o Señor lle dixo que

maldiga a David, ¿quen pode pedirlle contas de que o faga?"

 

11David seguiulle dicindo a Abixai e a tódolos seus serventes: -"Se o meu propio fillo,

saído das miñas entrañas, quere quitarme a vida, canto máis un benxaminita. Deixádeo

que me maldiga; mandoullo, de certo, o Señor. 12Quizais repare o Señor na miña

aflicción, e polas maldicións de hoxe me compense con bens".

 

13David seguiu o camiño cos seus homes, mentres Ximí os seguía de cerca.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 3, 2-3. 4-5. 6-7

R/ (8): Érguete, Señor; sálvame, meu Deus

 

2Señor, moitos son os meus opresores,

moitos os que se levantan contra min,

3moitos os que din de min:

-"Non ten salvación de Deus".

 

4Mais ti es, Señor, o meu escudo,

a miña gloria e o meu triunfo.

5Chamo a berros polo Señor,

e El respóndeme desde o seu monte santo.

 

6Déitome, durmo e acordo,

e, namentres, sostenme o Señor.

7Non teño medo á multitude

que está arredor contra min.

 

 

ALELUIA Lc 7, 16

Un gran profeta apareceu entre nós,

e Deus visitou o seu pobo

 

 

EVANXEO Mc 5, 1-20

Sae, espírito inmundo, deste home

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

5 1Chegaron Xesús e mailos seus discípulos á outra banda do mar, ó país de Gadara. 2E

conforme saltou da barca, un endemoniado saíulle ó encontro desde os sepulcros 3onde

moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar. 4Moitas veces xa intentaran termar del

con cadeas e grillóns; pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era

capaz de o domear. 5Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante,

mancándose coas pedras. 6Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo postrarse ante

el, 7gritando con toda forza:

 -¿Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me

atormentes.

 

8Pois Xesús mandáralle:

-Bótate fóra dese home, espírito malo.

 

9E preguntoulle tamén:

-¿Como te chaman?

 

El respondeulle:

-Chámanme lexión, porque somos moitos.

 

10E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra. 11E como había unha boa

manada de porcos comendo pola aba do monte, 12todos aqueles demos rogáronlle a

Xesús:

-Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.

 

13El accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous

mil se chimparon pola barranqueira abaixo, foron afogar no mar. 14Os porqueiros

fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ve-lo que pasaba. 15Chegaron

onde estaba Xesús, e viron ó endemoniado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo

de xuízo; todos ficaron pasmados. 16Os que presenciaron aquilo contáronlle-lo que

pasara co endemoniado e mais cos porcos. 17Entón empezaron a pedirlle que se afastara

daquelas terras.

 

18E cando el se embarcara, o que estivera endemoniado rogáballe que o deixase ir con

el. 19Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:

 -Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo

contigo.

 

 20El marchou e comezou a pregoar, pola Decápolis adiante, todo canto lle fixera

Xesús. Todos ficaban pasmados.

 

 

324.- MARTES

 

ANO 1

PRIMEIRA Heb 12, 1-4:

Afrontemos con paciencia a loita que nos corresponde

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

 

12 1Xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando

enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos

apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante, 2co ollo posto en Xesús, o

primeiro guía que leva á perfección a nosa fe.

 

Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o

agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus. 3Meditade, polo tanto,

naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para

non esmorecerdes nin cansardes.

 

4Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32

R/ (cf 27b): Louvarán ó Señor os que o buscan

 

26Cumprirei os meus votos, ante os que te temen.

27Os pobres comerán ata fartarse,

louvarán ó Señor os que o buscan

e disfrutarán de vida duradeira.

 

28Acordarán e volverán ó Señor

tódolos confíns da terra;

axeonllaranse na súa presencia

as familias todas dos pobos.

30A El só adorarán os satisfeitos da terra,

ante El axeonllaranse os que baixan ó po

coa súa alma sen vida.

 

31A súa posteridade hao servir

e proclamará ó Señor polas xeracións.

32Cando veñan, cantarán a súa xustiza

e as súas obras para os que nazan.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA 2 Sam 18, 9-10. 14b. 24-25a. 30 - 19, 3

"¡Ai, meu fillo Abxalom! ¡Quen me dera poder morrer eu no teu lugar!

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

 

9Abxalom acertou a pasar á vista dos homes de David. Ia montado no seu macho e ó

pasar este debaixo dunha aciñeira enmarañáronselle nas gallas os cabelos da cabeza e

quedou pendurado entre o ceo e a terra, mentres o macho seguía para adiante.

 

10Un home que o viu, levoulle a noticia a Ioab: -"Acabo de ver a Abxalom pendurado

dunha aciñeira".

 

14Coa mesma, Ioab colleu tres dardos e cravoullos no corazón a Abxalom.

 

24David estaba sentado entre as dúas portas. O vixía subiu á terraza, por riba da porta da

muralla, mirou e viu que viña correndo un home só. 25O vixía berrou e pasoulle a

noticia ó rei.

 

30O rei díxolle: -"Arreda e queda aí." E el arredouse e quedou alí.

 

31Niso entrou o cuxita e dixo: -"Noraboa, rei, meu señor, porque o Señor deuche hoxe a

victoria sobre tódolos que se ergueron contra ti". 32O rei preguntoulle ó cuxita: -"¿Está

ben o mozo Abxalom?" E o cuxita respondeulle: -"Que ós inimigos do rei e a tódolos

que se rebelaron contra ti lles pase coma a ese mozo".

 

19 1O rei conturbouse, subiu ó mirador de por riba da porta e botouse a chorar. Mentres

subía, ía dicindo: -"¡Ai, meu fillo; meu fillo, Abxalom; meu fillo Abxalom! ¡Quen me

dera poder morrer eu no teu lugar, Abxalom, meu fillo, meu filliño!"

 

2Informaron a Ioab: -"O rei está chorando, facendo dó por Abxalom". 3A victoria

daquel día converteuse en loito para o exército, pois este soamente oía dicir: o rei está

aflixido polo seu fillo.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 85, 1-2. 3-4. 5-6

R/ (1a): Señor, abaixa o oído e aténdeme,

 

Señor, abaixa o oído e aténdeme,

que son pobre e coitado;

2gárdame, que son amigo teu,

salva, meu Deus, a este servo

que confía en ti.

 

3Apiádate, Señor,

que te estou a chamar o día enteiro;

4alegra o meu espírito

que se dirixe a ti.

 

5Ti, Señor, es bo e indulxente,

cheo de amor para aqueles que te invocan.

6Escoita, Señor, a miña súplica,

atende a miña pregaria.

 

 

ALELUIA Mt 8, 17:

Cristo asumiu as nosas enfermidades,

portou as nosas doenzas

 

 

EVANXEO Mc 5, 21-43:

Nena, contigo falo, levántate

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

21Pasando Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor

del, que estaba na beira do mar. 22Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado

Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés 23suplicándolle:

 

-A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande,

e viva.

 

24E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.

 

25Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, 26e levaba

sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada

paso ía a peor. 27Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás

e tocoulle o seu vestido, 28dicindo para si: "Anque non sexa máis que tocarlle o seu

vestido, ficarei sa". 29E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que

estaba curada do mal.

 

30Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:

-¿Quen me tocou na roupa?

 

31Os discípulos respondéronlle:

-Ti ben ve-la xente preméndote; ¿e aínda preguntas por quen te tocou?

 

32Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. 33Daquela, a muller, amedoñada e

tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. 34El

díxolle:

-Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

 

35Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:

-A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?

 

36Pero Xesús, ó escoita-lo que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga:

-Non temas, abonda que teñas fe.

 

37E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán

de Santiago.

 

38O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e

lamentos, 39entrou e díxolles:

-¿A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

 

40E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da

meniña e mailos seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. 41Colleuna pola man e

díxolle:

-Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

 

42A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela

xente quedou coa boca aberta. 43El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e

mandou que lle desen de comer.

 

 

325.- MÉRCORES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Heb 12, 4-7. 11-15:

A quen ama Deus próbao

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

 

4Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado 5e xa vos esqueceu

aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos:

"Meu fillo, non despréce-lo castigo do Señor

nin esmorezas cando El che rife;

6porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao,

e azouta a todo aquel que recoñece por fillo".

 

7Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos.

Porque, ¿quen é o fillo a quen seu pai non o castiga? 11Ningún castigo resulta agradable

de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito

pacífico da xustiza.

 

12Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes 13e poñede

os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben

cure.

 

14Procurade de tódolos xeitos a paz entre todos vós e maila vosa santificación, xa que

sen ela ninguén poderá ve-lo Señor. 15Tede moito coidado de que ningún quede sen o

favor de Deus, de que ningunha raíz velenosa agromada dane e contaxie a comunidade.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 13-14. 17-18a

R/ (cf 17): O amor do Señor ós que o temen dura por sempre

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

13canto un pai ama ós seus fillos,

así ama o Señor ós que o temen.

14El sabe de que estamos feitos,

recorda que somos lama.

 

17Mais para os que o temen, o amor do Señor dura por sempre,

a súa xustiza chega ós fillos e ós netos

18dos que gardan a súa alianza

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA 2 Sam 24, 2. 9-17:

Eu son quen pecou ó censa-lo pobo; pero éstes, ¿qué fixeron de malo?

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

 

2O rei David mandoulle a Ioab, xefe do exército que ía con el: -"Percorre tódalas tribos

de Israel, desde Dan a Beerxeba, e fai o censo da poboación, para saber canta xente

teño".

 

9Ioab entregoulle ó rei o resultado do censo. En Israel había oitocentos mil homes para

cingui-la espada; en Xudá había cincocentos mil. 10A David batíaselle o corazón

porque fixera o censo do pobo e díxolle ó Señor: -"Cometín un grave pecado co que

fixen. Agora perdoa a iniquidade do teu servo, pois fixen unha loucura".

 

11Cando David se ergueu pola mañá, o profeta Gad, vidente de David, tivera palabra do

Señor: 12-"Vai e dille que así fala o Señor: propóñoche tres cousas: elixe unha delas,

que a vou realizar".

 

13Gad presentouse onda David e anuncioulle: -"¿Prefires que veñan sobre o país sete

anos de fame, ou ter que saír fuxindo por tres meses perseguido polos teus inimigos, ou

que haxa tres días de peste na túa terra? Pensa e mira o que lle debo responder ó que me

envía". 14David díxolle a Gad: -"Véxome nun gran apreto. Pero prefiro caer nas mans

do Señor, que é grande e misericordioso, e non caer nas mans dos homes".

 

15Entón mandou o Señor unha peste sobre Israel desde aquela mañá ata o prazo fixado.

Desde Dan a Beerxeba morreron setenta mil homes do pobo. 16Cando o anxo alongaba

a man cara a Xerusalén, para destruíla, arrepentiuse o Señor do castigo e díxolle ó anxo

exterminador: -"¡Abonda xa! ¡Detén a túa man!" O anxo do Señor atopábase entón onda

a eira de Araunah o iebuseo.

 

17Vendo David como o anxo mataba a xente do pobo, díxolle ó Señor: -"Mira que son

eu o que pecou; eu teño a culpa. Pero este rabaño ¿que culpa ten? Descarga a túa man

sobre min e sobre a miña familia".

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 31, 1-2. 5. 6. 7

R/ (cf 5c): Perdoa, Señor, a miña culpa

 

Feliz o que ten perdoada a súa culpa,

encuberto o seu pecado.

2Feliz aquel a quen o Señor

non lle ten en conta o seu pecado

e non leva fraude no espírito.

 

5Confeseiche o meu pecado,

non che escondín o meu delito;

dixen para min: -"Confesarei os erros ó Señor",

e ti perdoáche-la miña culpa.

 

6Por isto implorarante tódolos xustos,

na hora da súa angustia

e a enxurrada das augas

non os tocará.

 

7Ti e-lo meu agarimo: gárdasme dos perigos

e cínguesme co gozo do rescate.

 

 

ALELUIA Xn 10, 27:

As miñas pvellas escoitan amiña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e elas séguenme

 

 

EVANXEO Mc 6, 1-6:

En ningún sitio é menos honrado o profeta ca no seu lugar

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

 

6 1Foise Xesús para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. 2Cando chegou o

sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía

abraiada:

-¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e

como pode facer tantos milagres pola súa man? 3¿Non é este o carpinteiro, fillo de

María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as suas irmás non viven aquí

connosco?

 

Estaban realmente escandalizados. 4Pero Xesus díxolles:

-Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus

parentes.

 

5E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo

as mans. 6Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E adicouse a andar polas aldeas

dos arredores, ensinando.

 

 

326.- XOVES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Heb 12, 18-19. 21-24:

Chegastes a Sión, monte e cidade do Deus vivo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

 

18Non estades diante dun monte que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha

nube negra e borrascosa nin dunha tormenta 19nin diante do bucinazo dunha trompeta

nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ó sentilas, pediron

que non lles falase máis

 

21Tan sublime era a aparición que o mesmo Moisés dixo: "Estou abraiado e tremendo".

22Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén

celeste; diante de milleiros de anxos, da asemblea 23en festa dos primoxénitos censados

no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa

perfección, 24e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza, e diante do sangue da

aspersión, que clama máis forte có de Abel.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 47, 2-3a. 3b-4. 9. 10-11

R/ (cf 10): Recibimos, Deus, o teu amor dentro do teu santuario.

 

2Grande é o Señor e digno de louvanza

na cidade do noso Deus.

3O monte santo, fermoso outeiro,

é o gozo de toda a terra;

 

o monte Sión, cima setentrional,

a capital do gran rei.

4Deus nos seus alcázares

deuse a coñecer coma refuxio.

 

9Como o oiramos, así o vimos

na cidade do Señor dos exércitos,

a cidade do noso Deus:

Deus fíxoa firme para sempre.

 

10Nós festexamos, Deus, o teu amor

dentro do teu santuario.

11Coma o teu nome, Deus, así a túa louvanza

chega ós confíns da terra.

A túa dereita está chea de xustiza;

 

 

ANO 2

PRIMEIRA 1 Re 2, 1-4. 10-12:

Eu póñome no camiño de toda a terra; alenta, Salomón, e sé forte

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

2 1Véndose cerca da morte, David fíxolle a seu fillo Salomón estas recomendacións:

2-"Eu estou para emprende-lo camiño de todos. Ti tes que ser valente e portarte coma un

home. 3Garda os preceptos do Señor, o teu Deus, seguindo os seus camiños; observa os

seus mandamentos e as súas leis, as súas decisións e os seus ensinos, conforme están

escritos na Lei de Moisés, para que che saia ben todo o que fagas e todo o que

emprendas. 4Dese xeito cumprirá o Señor a promesa que fixo: se os teus fillos fan o que

é debido, camiñando diante de min con sinceridade de corazón e de espírito, non che

faltará un descendente no trono de Israel.

 

10David durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. 11Reinara en Israel

corenta anos, sete deles en Hebrón e trinta e tres en Xerusalén. 12Salomón sucedeu a

David, seu pai, no trono e consolidou o seu reino.

 

 

SALMO RESPONSORIAL 1 Cro 29, 10. 11ab. 11d-12a. 12bcd

R/ (12b): Ti, Señor, e-lo dono de todo

 

10David bendiciu ó Señor, con toda a asemblea, dicindo:

-"Bendito ti, ¡ouh Iavé, Deus de Israel!, noso pai de século en século.

 

11Túa é, Señor, a maxestade, o poder, a gloria e a victoria; túa a honra, e teu todo canto

hai na terra e nos ceos.

 

Teu, ¡ouh Iavé!, é o reino; ti levántaste soberanamente sobre todo. 12Túas son as

riquezas e a gloria, ti e-lo dono de todo.

 

Na túa man está a forza e o poderío. É a túa man quen todo o engrandece.

 

 

ALELUIA Mc 1, 15:

O reino de Deus está cerca;

facede penitencia e crede no Evanxeo

 

EVANXEO Mc 6, 7-13:

Comezou a mandalos

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

7Xesús chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre

os espíritos malos. 8Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun

caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. 9Que calzasen sandalias, pero que non

levasen máis ca unha túnica. 10E avisounos:

 

-Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. 11Se nalgún

lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para

que lles sirva de aviso.

 

12Marcharon, e predicaron a conversión. 13Botaban fóra moitos demonios, e curaban os

enfermos, unxíndoos con aceite.

 

 

327.- VENRES

 

ANO 1

PRIMEIRA Hebr 13, 1-8:

Xesús Cristo é o mesmo onte e hoxe e para sempre

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

 

13 1Que o amor e trato de bos irmáns se conserve entre vós. 2Que non vos esqueza

darlles pousada ós forasteiros, xa que, gracias a isto, algúns, sen se decataren, déronlles

pousada ós mesmos anxos. 3Mirade polos que están presos, coma se vós mesmos

estivesedes presos con eles; e mirade polos que padecen malos tratos, coma se vós

mesmos vivisedes no corpo deles. 4O matrimonio é merecente de tódolos respectos e o

leito matrimonial ten que ser inmaculado, xa que Deus ha condena-los desvergonzados e

adúlteros. 5Que o voso comportamento sexa desinteresado: contentádevos co que tedes,

que El ten dito: "Non te deixarei nin te desampararei." 6De xeito que, cheos de

confianza, podemos dicir:

"Teño no Señor o meu abeiro:

por iso non teño medo,

total ¿que me vai poder facer un home?"

 

7Mirade polos vosos dirixentes, que vos anunciaron a Palabra de Deus; imitade a súa fe;

que non vos esqueza de que xeito morreron. 8Xesús Cristo é o mesmo onte e hoxe e

será o mesmo sempre.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 26, 1. 3. 5. 8b-9abc

R/ (1a): O Señor é a miña luz e salvación,

 

O Señor é a miña luz e salvación,

¿a quen hei de temer?

O Señor é o meu castelo,

¿ante quen hei de tremer?

 

3Mesmo se un exército acampase contra min,

o meu corazón nin temería;

aínda que rompese o combate contra min,

tamén entón confiaría.

 

5Na hora mala escóndeme na súa tenda,

acólleme na súa morada,

érgueme enriba dunha rocha.

 

A túa presencia eu busco, Señor.

9Non te escondas de min,

non me desbotes con ira.

Ti e-la miña axuda; non me deixes

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sir 47, 2-13 (gr. 2-11):

David louvou ó Señor de todo corazón e amou a Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

2O mesmo que se reserva a graxa do sacrificio

así foi escolleito David entre Israel.

3Xogaba cos leonciños coma con cabuxas

e cos osos coma con años.

 

4De rapazote matou un xigante

afastando así a infamia do pobo,

xirando coa man a fonda

para destruí-lo orgullo de Goliat,

5xa que invocara a Deus Altísimo

que reforzou a súa destra

para que derrubase a un experimentado guerreiro

e refixese o vigor do seu pobo;

6por iso cantábanlle as rapazas

celebrándoo polos "dez mil".

 

7Cinguida a coroa, seguiu loitando

pois someteu tódolos inimigos ó seu arredor,

desbaratando ós filisteos

que ata o día de hoxe non se refixeron.

 

8Por tódolos seus feitos daba as gracias

ó Deus Altísimo, proclamando a súa gloria;

amaba de todo corazón ó seu facedor

e tódolos días lle cantaba himnos.

 

9Dispuxo instrumentos musicais diante do altar

e harmonizou co salterio o canto dos himnos;

10deu grande brillo ás festas

e regulou as solemnidades anuais;

cando louvaba o seu santo Nome

antes do amencer facía resoa-lo Santuario.

 

11Deste xeito o Señor perdoou a súa culpa

e exaltou eternamente o seu poderío,

concedeulle a institución monárquica

fundándolle o trono en Xerusalén.

 

12Por mor del sucedeulle

un fillo sabio que viviu en tranquilidade,

13Salomón, que reinou en tempos prósperos.

 

Deus concedeulle paz ó seu arredor

para que erguese unha casa ó seu Nome

e fundase un templo perenne.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 17, 31. 47 e 50. 51

R/ (cf 47b): Bendito sexa Deus, o meu salvador

 

31Os camiños de Deus son perfectos,

a palabra do Señor ben probada:

é o escudo para cantos a El se acollen.

 

47Viva o Señor, bendita a miña rocha;

sexa exaltado Deus, o meu salvador,

50Por iso hei de louvarte, Señor, diante dos pobos:

cantarei o teu nome,

51o que lle dá ó rei grandes victorias

e mostra misericordia ó seu unxido,

a David e á súa liñaxe, para sempre.

 

 

ALELUIA Cf. Lc 8, 15:

Ditosos os que con corazón bo e perfecto reteñen a palabra de Deus,

e aportan froito con paciencia

 

 

EVANXEO Mc 6, 14-29:

Resucitou Xoán a quen degolei

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

14Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, chegou ós oídos do rei Herodes,

xunto cos comentarios que facían: "é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os

mortos, e por iso actuaban nel eses poderes". 15Outros dicían que era Elías ou algún

profeta. 16Pero Herodes dicía:

-É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado. 17Porque Herodes

mandara encadear a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que

el casara. 18Xoán non paraba de lle dicir:

               -Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

 

19Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán, e queríao matar. 20Pero Herodes temía a

Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo lle gustaba oílo falar,

aínda que quedase desacougado.

 

21Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día que facía anos deu un banquete

ós ministros, oficiais e xente importante de Galilea. 22Resulta que, entrando a filla da

mesma Herodías, bailou moi ben, e gustoulle moito a Herodes e a tódolos convidados.

Entón o rei díxolle á rapaza:

-Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

 

23E xurou.

-Dareiche o que me pidas, anque sexa a metade do meu reino.

 

24Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:

-¿Que lle pedirei?

 

Ela díxolle:

-Pidelle a cabeza de Xoán Bautista.

 

25E voltando axiña onda o rei, díxolle:

-Quero que me deas de contado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán Bautista.

 

26O rei púxose moi triste, pero, polos xuramentos e mais polos convidados, non quería

defraudala. 27E de seguida mandou a un verdugo trae-la cabeza de Xoán; cortoulla,

28tróuxoa nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai.

29Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

 

 

328.- SÁBADO

 

ANO 1

PRIMEIRA Heb 13, 15-17. 20-21:

O Deus da paz que arrincou da morte ó magno pastor, vos faga partícipes de tdo ben

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

 

15Por medio de Xesús ofrezamos decote a Deus un sacrificio de louvanza, quere dicir, a

homenaxe dos beizos que bendín o nome de Deus. 16E que non vos esqueza mirar uns

polo ben dos outros, que eses son os sacrificios que lle agradan a Deus.

 

17Facédelles caso e sometédevos ós vosos dirixentes, que eles se desvelan pensando en

vós. Xa que teñen que dar contas de vós, que as dean con alegría e non xemendo, que

estes xemidos non vos farían ben ningún.

 

20Que o Deus da paz, que por mor do sangue dunha alianza eterna sacou de entre os

mortos ó gran Pastor do rabaño, o noso Señor Xesús, 21vos encha de todo ben, para que

cumpráde-la súa vontade. Así El realizará en vós o que lle agrada por medio de Xesús

Cristo, a quen sexa a gloria polos séculos. Amén.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

R/ (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

 

O Señor é o meu pastor: nada me falta.

2Os pastos verdecentes lévame a repousar,

lévame a beber ás augas tranquilas:

3El repón as miñas forzas.

 

Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

4Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo:

o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

 

5Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.

 

6A túa bondade e o teu amor vanme seguindo

tódolos días da vida.

Eu habitarei na casa do Señor

ó longo dos meus días.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA 1 Reg 3, 4-13:

Concédelle ó teu servo un corazón prudente para poder xulga-lo teu pobo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

4O rei Salomón foise a Gabaón, para ofrecer alí sacrificios, pois aquel era o outeiro

principal. Encima do seu altar ofreceu Salomón un milleiro de holocaustos.

 

5En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle: -"Pídeme o que

queiras".

 

6Salomón respondeulle: -"Ti trataches con moita bondade ó teu servo David, meu pai; e

el portouse diante de ti con lealdade, con xustiza e con rectitude de corazón. Ti

conservácheslle o teu favor, concedéndolle un fillo, que hoxe senta no seu trono.

7Agora, Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai

David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. 8O teu servo atópase

no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode

contar nin estimar. 9Concédelle, pois, ó teu servo un corazón escoitador, que saiba

gobernar ben o teu pobo e distingui-lo ben e o mal. ¿Quen, se non, podería gobernar este

pobo tan grande?"

 

10O Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo. 11E díxolle: -"Xa que pediches

isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos,

senón que pediches acerto para ben gobernar, 12vouche concede-lo que pediches: unha

mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

13E dareiche tamén o que non pediches: riqueza e gloria, coma non as tivo rei ningún.

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 9. 10. 11. 12. 13. 14

R/ (12b): Ensíname, Señor, a túa vontade

 

9¿Como atinará un mozo no camiño?

Gardando a túa palabra.

 

10Eu búscote de todo corazón,

non me deixes desviar dos teus mandatos.

 

11No meu corazón escondo os teus ditos,

para non pecar ante ti.

 

12Bendito es ti, Señor:

ensíname a túa vontade.

 

13Cos meus labios eu anuncio

toda decisión da túa boca.

 

14Na túa revelación teño máis gozo

ca en tódalas riquezas.

 

 

ALELUIA Xn 10, 27:

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñezoas e elas séguenme

 

 

EVANXEO Mc 6, 30-34:

Eran coma ovellas sen pastor

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

30Cando os apóstolos voltaron a reunirse con Xesús, contáronlle canto fixeran e

ensinaran. 31El díxolles:

-Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco.

 

Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.

 

32Fóronse sós na barca a un lugar arredado. 33Pero, ó velos marchar, a xente foinos

seguindo por terra desde tódalas vilas, e chegaron primeiro ca eles. 34Así, cando

desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma

ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.