Semana VII

 
 

SEMANA 7ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 341.- LUNS

ANO 1

PRIMEIRA Sir 1, 1-10:

Antes de nada foi creada a Sabedoría

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

1 1Toda Sabedoría vén do Señor

e fica onda El para sempre.

2A area dos mares, as pingas da chuvia

e os días da eternidade ¿quen poderá contalos?

3O alto do ceo, o grande da terra,

o fondo do abismo ¿quen os sondará?

4Antes de todo foi creada a Sabedoría,

a intelixencia prudente desde a eternidade.

6A raiceira da Sabedoría ¿a quen se lle revelou?

E os seus planos secretos ¿quen os coñeceu?

8Non hai máis ca un que sexa Sabio e moi terrible

cando asenta no seu trono:

9¡O Señor!

Foi El quen a creou, mirou e mediu;

e esparexeuna sobre tódalas súas obras,

10entre tódolos seres vivos, conforme a súa xenerosidade;

e déullela en agasallo ós seus amigos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 92, 1ab. 1c-2. 5

R/ (1a): Reina o Señor, vestido de maxestade

 

1Reina o Señor, vestido de maxestade,

o Señor está vestido, cinguido de poder,

e o mundo non abanea, está firme.

2O teu asento está afincado desde sempre,

ti estás aí desde a eternidade.

 

5A revelación do Señor é verdadeira,

a santidade é o ornato da túa casa,

polos séculos, Señor.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 3, 13-18:

Non é para gloriarse se andades co corazón cheo de liortas

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

 Benqueridos irmáns e irmás:

13¿Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa

conducta as obras feitas con asisada mansedume. 14Pero, se téde-lo corazón cheo de

celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a

verdade; 15esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada.

16Pois onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades.

17Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica,

sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento.

18O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8. 9. 10. 15

R/ (9a): Os mandatos do Señor son rectos:

aledan o corazón

 

8A lei do Señor é perfecta:

reconforta a alma;

a declaración do Señor é firme:

fai sabio ó inxenuo;

 

9os mandatos do Señor son rectos:

aledan o corazón;

o precepto do Señor é limpo:

ilumina os ollos;

 

10o temor do Señor é puro:

permanece por sempre;

as decisións do Señor son verdadeiras:

enteiramente xustas.

 

 15Dígnate acepta-la palabra

da miña boca,

e o sentir do meu corazón,

Señor, a miña rocha e o meu redentor.

 

 

 

ALELUIA Cf. 2 Tim 1, 10:

O noso Salvador Xesús Cristo destruiu a morte,

e iluminou a vida por medio do Evanxeo

 

 

 

EVANXEO Mc 9, 14-29:

Creo, Señor; pero axuda a miña incredulidade

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

 Baixando do monte Xesús e mais outros, o chegaren onde estaban os outros discípulos,

atoparon moita xente arredor, e uns letrados discutindo con eles. 15En canto que a xente

o albiscou, correu sorprendida a saudalo. 16El preguntoulles:

-¿De que estades a discutir?

 

17Un deles respondeu:

-Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar. 18Cando se

apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca, e renxe os dentes, e fica teso.

Rogueilles ós teus discípulos que o librasen, e non puideron.

 

19El contestou:

-¡Ouh xeración incrédula! ¿Ata cando terei que estar convosco? ¿Ata cando terei que

aturarvos? Traédemo acá.

 

20Trouxéronllo, e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que rolou

polo chan, escumando pola boca. 21En-tón preguntoulle Xesús ó pai:

-¿Desde cando anda así?

 

El respondeulle:

-Desde picariño. 22E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con

el. Pero se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.

 

23Xesús contestoulle:

-¿Como que "se podo"? Para quen ten fe non hai imposibles.

 

24Inmediatamente, o pai do neno exclamou:

-¡Creo; axúdame no que lle falta á miña fe!

 

25Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou ó espírito malo:

-Espírito mudo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non voltes entrar nel nunca

máis.

 

26E dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno coma morto; de tal xeito que

moitos xa dicían que morrera. 27Pero Xesús, colleuno pola man e ergueuno ata que se

mantivo de pé.

 

28O entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos:

-¿E por que non o demos botado nós?

 

29El respondeulles:

-Esta caste non sae se non é a forza de oración.

 

 

 

342.- MARTES

ANO 1

PRIMEIRA Sir 2, 1-I3 (gr. 1-11):

Prepárate para afronta-la tentación

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

2 1Filliño, se te achegas a servi-lo Señor,

prepárate para a proba;

2ten firme o corazón, se constante,

non te axites no intre da conmoción;

3apégate a El, non te lle afastes

e ó remate serás exaltado.

 

4Canto che veña enriba, acéptao,

aínda na doenza e na pobreza, ten paciencia.

5Pois no lume próbase o ouro

e os homes elixidos, na forxa da humillación.

6Afiúnza nel, e hache axudar,

endereita os teus camiños e espera nel.

 

7Vós, que teméde-lo Señor, agardade a súa misericordia

e non vos extraviedes para non caer.

8Vós que teméde-lo Señor, afiunzade nel

non se vos negará a paga ó vi-la noite.

9Vós que teméde-lo Señor, esperade bens,

eterna ledicia e misericordia.

 

10Considerádevos das xeracións antigas e ollade:

¿quen afiunzou no Señor e foi avergonzado?

Ou ¿quen perseverou no seu temor e foi desatendido?

Ou ¿quen berrou por El e foi pasado por alto?

 

11Pois o Señor é compasivo e piadoso,

perdoa o pecado e salva na hora da angustia.

 

  

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 36, 3-4. 18-19. 27-28. 39-40

R/ (cf 5): Encomenda ó Señor o teu porvir, que El fará

 

3Confía no Señor e fai o ben,

vive na terra, practicando a lealdade;

4pon as delicias no Señor:

El darache o que arela o teu corazón.

 

18O Señor coida da sorte dos honrados,

a súa herdade é duradeira.

19No tempo da desgracia non quedarán defraudados,

nos días de fame han ter fartura.

 

27Fuxe do mal e fai o ben,

e terás casa duradeira;

28porque o Señor ama a xustiza

e non abandona os seus fieis.

Estes perdurarán,

mentres a caste dos malvados é arrincada.

 

39A salvación dos xustos vén do Señor:

El é o seu refuxio no tempo da angustia.

40O Señor axúdaos e líbraos,

líbraos dos malvados e presérvaos,

porque se acollen a El.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 4, 1-10:

Pedides e non recibides, porque pedides mal

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA LA CARTA DE SANTIAGO

 

 Benqueridos irmáns e irmás:

4 1¿De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? ¿Non será das vosas

cobizas, que loitan no voso interior? 2Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e

andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvo-la guerra e

non conseguides porque non o pedides 3e, se pedides, non recibides, porque pedides só

co devezo de satisfacérde-las vosas cobizas.

 

4¡Desleigados! ¿Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E

así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus. 5¿Ou é que coidades que a

Escritura di sen razón aquilo de que "o Espírito que puxo en nós ten arelas fortes"?

6Pero meirande é a gracia que nel concede. E por isto di: "Deus arrepónselles ós

soberbios, pero ós humildes dálle-la súa gracia".

 

7Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós.

8Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos, limpade os

corazóns, homes falsos. 9Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o

voso riso se converta en pranto; e a vosa alegría, en tristura. 10Abaixádevos no

acatamento do Señor, que El vos ha soerguer.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 54, 7-8. 9-10a. 10b-11a. 23

R/ (23a): Encomenda ó Señor a túa sorte,

que El te sosterá

 

7Penso: -"¡Quen me dese ás de pomba

para voar e pousar!

8Fuxiría moi lonxe,

faría pousada no deserto.

 

9Atoparía axiña agarimo

do furacán e da treboada".

10Confunde, Señor, baralla as súas linguas,

 

pois vexo na cidade violencia e discordia:

11día e noite xiran

ó redor das súas murallas.

 

 23Encomenda ó Señor a túa sorte,

que El te sosterá:

El non deixa nunca que o xusto abanee.

 

 

 

ALELUIA Gál 6, 14:

Lonxe de min glroriarme senón na cruz do Señor,

por quen o mundo esta crucificado para min e eu para o mundo

 

 

 

EVANXEO Mc 9, 30-37:

O Fillo do hoe é entregado. Se alguén quere ser primeiro, sexa o derradeiro

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

 30Xesús e mailos discípulos marcharon atravesando a Galilea sen enredar nela, porque

non quería que o soubese ninguén; 31pois ía informando ós discípulos, dicíndolles:

-O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de

morto, pasados tres días, ha resucitar.

 

32Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.

 

33Chegaron a Cafarnaúm, e, cando estaban na casa, preguntoulles:

-¿De que viñades discutindo polo camiño?

 

34Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante.

35Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:

-O que queira se-lo primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.

 

36E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo:

37-Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a

min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

 

 

 

 343.- MÉRCORES

ANO 1

PRIMEIRA Sir 4, 12-22 (gr. 11-19):

Deus ama ós que aman a sabedoría

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

 11A Sabedoría instrúe ós seus fillos

e exhorta ós que a estudian.

12Os que a aman, aman a vida,

os que a procuran, acadan beneplácito de Iavé.

13Os que a acaden, encontrarán gloria,

farán moradía na bendición de Iavé.

14Dan culto ó Santo os que a serven,

Deus en persoa ama ós que a aman.

15Quen me escoita, vive seguro;

quen me preste atención morará nas miñas cámaras.

16Se afiúnza en min, terame en herdanza

e a súa descendencia conservará a miña posesión,

17pois disfrazada, camiñarei ó seu carón:

de primeiras probareino con tentacións,

infundireille terror e medo,

e en tanto o seu corazón non se encha de min

poreino a proba cos meus exames;

18volverei entón a conducilo

e revelareille os meus segredos.

19Mais se se afasta refugareino,

e entregareino ás cadeas.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 165. 168. 171. 172. 174. 175

R/ Para os que aman a túa lei é todo paz, Señor

 

165Para os que aman a túa lei é todo paz,

non hai para eles tropezo.

 

168Gardo as túas normas e a túa revelación,

tódolos meus camiños están diante de ti.

 

171Os meus labios publicarán a túa louvanza,

pois ti ensínasme os teus preceptos.

 

172A miña lingua pregoará a túa palabra,

pois os teus decretos son xustos.

 

174Eu arelo, Señor, a túa salvación,

a túa lei é a miña delicia.

 

 175Que eu viva para louvarte

e que me axuden as túas decisións.

 

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 4, 13-17:

¿Ignorades cal vai se-la vosa vida?. Dicide logo: se o Señor quixera

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

Benqueridos irmáns e irmás:

13Reparade agora no que dicides: "hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade,

botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio". 14Pero ¡se non sabéde-lo que

vai ser de vós mañá! Porque ¿que é a vosa vida? Unha fumaradiña que aparece e

desaparece no mesmo intre. 15En vez diso debiades dicir: "se Deus quere e chegamos

alá, imos facer isto ou aquilo". 16Pero vexo que vós sodes uns farfalleiros e semellante

fachenda é mala. 17O que coñece o ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 48, 2-3. 6-7. 8-10. 11

R/ (Mt 5, 3): Ditosos os pobres de espírito,

porque deles é o reino dos ceos

 

2Oíde isto, pobos todos,

escoitade, habitantes do mundo,

3o mesmo os humildes cós nobres,

os ricos e mailos pobres.

 

6¿Por que hei ter medo da desgracia,

do mal con que me rodean os meus perseguidores?

7Dos que confían na riqueza

e se glorían da súa fartura,

 

8ninguén pode librarse

nin pagar a Deus o seu rescate.

9O prezo das súas vidas é cara por demais,

está para sempre fóra do seu alcance:

10non poderán vivir eternamente

sen pasaren pola morte.

 

11Vese que morre o sabio

e que igualmente perecen o parvo e mailo insensato.

 

 

 

ALELUIA Xn 14, 6:

Eu son o camiño e a verdade e a vida, di o Señor;

ninguén vén o Pai senón é por min

 

 

 

EVANXEO Mc 9, 38-40:

Quen non está contra nós, está connosco

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

38Dille Xoán a Xesús:

-Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos

nosos.

 

39Xesús contestoulle:

-Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal

de min. 40O que non está contra nós, está connosco. 41Ademais, todo aquel que vos dea

un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen

recompensa.

 

 

 

 

344.- XOVES

ANO 1

PRIMEIRA Sir 5, 1-10 (gr. 1-8):

Non tardes en converterte ó Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

5 1Non te apoies nas túas riquezas

nin digas: -"Está no meu poder".

2Non te apoies na túa forza

seguindo os impulsos do teu devezo.

 

3Non digas: -"¿Quen poderá comigo?",

pois Iavé pide contas de canto sucede.

4Non digas: -"Pequei e ¿que me aconteceu?",

só porque Deus é paciente.

5Non contes co perdón

para engadires culpa á culpa

6dicindo: -"Grande é a súa misericordia

e perdoará a multitude dos meus pecados".

Pois nel van xuntas misericordia e ira

e sobre os malvados emborca a súa carraxe.

7Non tardes en volver a El,

nin o deixes dun día para outro,

pois xorde de súpeto o seu furor

e no día da vinganza perecerás.

8Non póña-la confianza nas riquezas inxustas

que non che han valer no día da carraxe.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6

R/ (Sal 39, 5a): Ditoso quen deposita a confianza no Señor

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 5, 1-6:

Faise clamor o salario defraudado ós traballadores, e este clamor chegou a oídos do

Señor

PROCLAACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

 5 1E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgracias que van vir enriba de vós. 2A

vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; 3o voso ouro e a vosa prata,

enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume,

comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos! 4¡Atención! O xornal

que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro

chega ós oídos do Señor dos Exércitos. 5Vivistes na terra cheos de fartura e cebáste--los

vosos corazóns nos praceres para o día da matanza. 6Condenáste-lo xusto e matástelo

sen que el vos fixese fronte.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 48, 14-15ab. 1cd-16. 17-18. 19-20

R/ (Mt 5, 3): Ditosos os que teñen espírito de pobres,

 porque deles é o reino dos ceos

 

14Este é o camiño dos parvos

e o porvir dos satisfeitos.

15Coma ovellas caen no abismo,

o seu pastor é a morte:

cedo van aló dereitos.

 

A súa figura desfaise,

a súa morada é o abismo.

16Mais Deus rescatará a miña vida

do poder do abismo:

El hame recoller.

 

17Non desacougues se alguén se enriquece

e aumenta os bens da súa casa,

18pois nada levará consigo cando morra

nin a súa riqueza irá tras el.

 

 19Aínda que en vida se gabe:

-"Admiran o ben que vives",

20irá xuntarse con seus pais,

que endexamais non verán a luz.

 

 

 

ALELUIA Cf. 1 Tes 2, 13:

Recibide a Palabra de Deus non coma palabra de homes,

senón, tal como é, Palabra de Deus

 

 

 

EVANXEO Mc 9, 41-50:

Máis che vale entrar feble na vida ca ir á gehenna tendo as duas mans

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

41Todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por

seguro que non quedará sen recompensa.

 

42E a quen escandalizare a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle

colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ó mar. 43E se a túa man te fai

caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ó inferno, no

lume que nunca se apaga. 45E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo

na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. 47E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis

che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno,

48onde o verme non morre nin o lume se apaga.

 

49Pois todo se salga co lume. 50O sal é bo, pero se o sal se volve insulso, ¿con que o

salgaredes? Que non falte o sal entre vós, e vivide en paz.

 

 

 

345.- VENRES

ANO 1

PRIMEIRA Sir 6,5-17:

Nada é comparable a un amigo fiel

 

5Unha fala xeitosa multiplica os amigos,

uns labios graciosos atraen saúdos.

6Ten moitas relacións,

mais, coma confidente, un de entre mil.

7Se fas un amigo, faino despois da proba,

non fíes de contado nel.

8Pois amigos hai que van co tempo

e non resisten nos días difíciles.

9Amigo hai que se troca en inimigo

e descobre despois as túas liortas vergonzantes.

10Amigo hai, compañeiro de mesa,

que non se atopa no día da desfeita;

11mentres teñas facenda, estará ó teu carón;

vaiche mal, e apártase de ti;

12se te atrapa a desgracia, vólvese en contra túa,

escóndese da túa presencia.

13Arreda dos teus inimigos,

ten coidado cos teus amigos.

14Amigo fiel, amigo seguro,

quen o atopa, encontra un tesouro.

15Amigo leal non ten prezo,

non hai quen pese o seu valer.

16Coma talismán para a saúde é o amigo leal,

quen teme a Deus acádao.

17Quen teme a Deus dirixe rectamente a súa amizade;

tal coma un é, tal é o seu amigo.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 12. 16. 18. 27. 34. 35

R/ (35a): Diríxeme, Señor polo vieiro dos teus mandamentos

 

12Bendito es ti, Señor:

ensíname a túa vontade.

 

16Atopo consolo na túa lei

e non esquezo a túa palabra.

 

18Abreme os ollos para que vexa

as marabillas da túa lei.

 

27Instrúeme nos teus mandatos

e meditarei as túas marabillas.

 

34Dáme entendemento para observa-la túa lei,

e gardareina de todo corazón.

 

35Diríxeme polo vieiro dos teus mandamentos,

pois teño nel o meu contento.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 5, 9-12:

Velaí o xuiz está á porta

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

9Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o

xuíz está xa á porta. 10No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos

profetas que falaron no nome do Señor. 11Mirade que agora nós chamámoslles

benaventurados ós que aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Xob e xa véde-la

fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso.

 

12Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo ceo nin pola terra, nin por cousa ningunha;

que o voso si sexa si e que o voso non sexa non, para que non vos sometan a xuízo.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 8-9. 11-12

R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

 

3El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

4rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

 

8O Señor é misericordioso e clemente,

tardo á ira e rico en mercedes.

9Non contende por moito tempo

nin se anoxa para sempre.

 

11Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

12canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

 

 

 

ALELUIA Cf. Xn 17, 17b. a:

A túa palabra, Señor, é verdade;

santifícanos na verdade

 

 

 

EVANXEO Mc 10, 1-12:

Que non separe o home o que Deus uniu

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

 10 1De alí foise para os lindeiros de Xudea, na outra banda do Xordán. A xente

amoreábase de novo no seu camiño, e, coma sempre, púxose a ensinar.

 

2Achegáronselle algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ó

home repudia-la muller. 3El replicoulles:

-¿Que foi o que mandou Moisés?

 

4Respondéronlle:

-Moisés permitu despedila, dándolle certificado de divorcio.

 

5Díxolles Xesús:

-Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. 6Pero

desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. 7Por iso deixará o home a seu pai e

mais a súa nai, unirase coa súa muller, 8e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa

non son dous, senón unha soa carne. 9O que Deus uniu, que non o separe o home.

 

10Xa na casa, os discípulos volvéronlle a preguntar acerca disto. 11El díxolles:

-O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. 12E se a

muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

 

 

 

346.- SÁBADO

ANO 1

PRIMEIRA Sir 17, 1-13 (gr. 1-15):

Deus fixo o Home á súa maxe

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

17 1Da terra creou o Señor ó home

e de novo faino volver a ela.

2Concedeulles días contados, un tempo xusto

e deixou no seu poder canto hai sobre ela,

3revestiunos dunha forza coma a súa

e fíxoos á súa imaxe,

4impuxo o temor do home en toda criatura

para que impoña o seu dominio nas bestas e nas aves.

 

6Dotounos de discernimento, lingua e ollos,

deulles oídos e unha mente para cavilar;

7encheunos de sabedoría e intelixencia,

mostróulle-lo ben e o mal;

8púxolle-la súa luz nos corazóns

para lles amosa-la magnitude das súas obras,

9de xeito que pregoen a grandeza dos seus feitos

10e louven o nome santo.

11Engadíulle-la ciencia

e concedeulles en herdanza a lei da vida.

12Concluíu con eles unha alianza eterna

e deulles a coñece-las súas determinacións;

13cos propios ollos contemplaron a dimensión da súa gloria

e os seus oídos escoitaron a súa voz magnífica;

14e díxolles: -"Gardádevos de toda impiedade";

e deu a cadaquén mandatos verbo do seu próximo.

15A súa conducta tena sempre diante,

non se esconde ós seus ollos.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 102, 13-14. 15-16. 17-18a

R/ (cf 17): O amor do Señor dura por sempre para os que o temen

 

13canto un pai ama ós seus fillos,

así ama o Señor ós que o temen.

14El sabe de que estamos feitos,

recorda que somos lama.

 

 15Os días do home son coma o feno,

o seu florecer coma o da flor:

16aínda non a roza o vento, xa se foi,

e o seu sitio xa non a volve a ver.

 

17Mais para os que o temen, o amor do Señor dura por sempre,

a súa xustiza chega ós fillos e ós netos

18dos que gardan a súa alianza,

dos que recordan os seus mandatos e os cumpren.

 

 

ANO 2

PRIMEIRA Sant 5, 13-20:

Moi apreciable é a súplica activa do xusto

PRCLAACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

Benqueridos irmáns e irmás:

13¿Anda magoado algún de vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que cante salmos.

14¿Algún de vós ten unha doenza? Faga trae-los anciáns da comunidade, para que recen

por el, unxíndoo con aceite no nome do Señor. 15E a oración feita na fe salvará o

enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados, perdoaránselle. 16Así que

confesádevos mutuamente os vosos pecados e rezade uns polos outros para que teñades

saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto. 17Elías era un home coma calquera de

nós; pediu afervoadamente que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio;

18volveu pedir e o ceo mandou auga e a terra deu os seus froitos.

 

19Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ó bo camiño, 20tede

seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa

alma da morte e soterrará unha chea de pecados.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 140, 1-2. 3 e 8

R/ (2a): Suba a miña oración coma o incenso ante ti, Señor

 

Señor, estoute a chamar: ven axiña;

escoita, cando te chamo.

2Suba a miña oración coma o incenso ante ti,

as miñas mans alzadas, coma a ofrenda da tarde.

 

 3Pon garda, Señor, na miña boca,

vixilancia na porta dos meus labios.

8Pero os meus ollos, Señor, vólvense cara a ti;

a ti me acollo, non me deixes.

 

 

 

ALELUIA Cf. Mt 11, 25:

Bendito esti, Pai, Señor do ceo e mais da terra,

porque lle revelaches ós humildes os misterios do reino

 

 

 

EVANXEO Mc 10, 13-16:

Quen non reciba o reno de deus coma un neno, non entrará nel

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

13Leváronlle uns nenos a Xesús para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles.

14Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:

-Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino

de Deus. 15Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non

entrará nel.

 

16E abrazounos e bendiciunos e impúxolle-las mans.