Semana XI
SEMANA 11ª DO TEMPO ORDINARIO
365.- LUNS
ANO 1
PRIMEIRA 2 Cor 6, 1-10
Mostrándonos coma servidores de Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
6 1Coma colaboradores, exhortámosvos a non desaproveita-la gracia de Deus.
2Pois di El: no tempo oportuno, escoiteite; en día de salvación acudinche.
Pois agora é tempo oportuno, agora é día de salvación.
3Nunca damos motivo de escándalo en nada, para que o noso ofrecemento non se poida
censurar. 4O contrario, acreditámonos decote coma servidores de Deus con tanto como
sufrimos: tribulacións, adversidades, angustias, 5golpes, prisións, tumultos, angueiras,
noites en vela, días sen comer; 6actuando con limpeza, con siso, con paciencia, con
bondade, coa guía do Espírito Santo; con amor sincero, 7coa mensaxe da verdade e a
forza de Deus; empuñando na dereita e na esquerda as armas da honradez, 8tanto na
honra coma na afronta, tanto na boa coma na mala sona. Pasamos por falsarios, e mais
dicímo-la verdade; 9pasamos por descoñecidos, e ben que se nos coñece; pasamos por
moribundos, e mais ben vivos que estamos; pasamos por destinados ó castigo, e mais
nunca non nos executaron; 10pasamos por xente triste, e ben alegres que estamos
sempre; pasamos por pobres, e mais enriquecemos a moitos; pasamos por xente que non
ten nada, e mais témolo todo.
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
R/ (2a): O Señor dá a coñece-la súa salvación
Cantádelle ó Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas,
a súa dereita e o seu brazo
déronlle a victoria.
2O Señor dá a coñece-la súa salvación,
revela a súa xustiza ante os pobos.
3Lembra o seu amor e a súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os pobos todos verán
a salvación do noso Deus.
4Aclama ó Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
ANO 2
PRIMEIRA 1 Re 21, 1-16
Foi acantazado Nabot ata que morreu
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
21 1Nabot de Iezrael tiña unha viña pegada ó pazo de Acab, rei de Samaría. 2Acab
propúxolle a Nabot: -"Cédeme a túa viña, para facer un horto nela, pois está ó lado do
meu pazo. Eu dareiche, en troques, unha viña mellor ou, se prefires, pagareicha polo que
valla". 3Nabot respondeulle a Acab: -"Deus me libre de cederche o que é herdo de meus
pais".
4Acab marchou para casa triste e anoxado, polo que lle dixera Nabot de Iezrael: -"Non
che cederei o herdo de meus pais". Botouse na cama, volto cara á parede, e non quixo
comer.
5Entrou onda el Iezabel, a súa muller, e preguntoulle: -"¿Por que estás atristurado e non
queres comer?" 6E el contoulle a proposta que lle fixera a Nabot de Iezrael: -"Céde-me
a túa viña por diñeiro ou, se o prefires, dareiche por ela outra mellor"; e como el lle
respondera: -"Non che cederei a miña viña".
7A isto díxolle Iezabel, á súa muller: -"¿Seica non es ti quen manda en Israel? Érguete e
come. Sentiraste mellor. Eu conseguireiche a viña de Nabot de Iezrael". 8Escribiu cartas
no nome de Acab, selounas co carimbo real e mandóullelas ós anciáns e nobres da
cidade, veciños de Nabot. 9Nesas cartas dicíalles: -"Pregoade un xexún e poñede a
Nabot á cabeza do pobo. 10Sentade dous homes ruíns do outro lado, que testemuñen en
contra del: ti maldiciches a Deus e ó rei. Que entón o saquen para fóra e que o
acantacen, ata que morra".
11Os homes da cidade, os anciáns e os nobres, veciños de Nabot, fixeron como lles
dicía Iezabel, conforme o escrito nas cartas que ela lles mandara. 12Pregoaron un xexún
e sentaron a Nabot á cabeza do pobo. 13Viñeron despois dous homes, sentáron enfronte
del e testemuñaron contra Nabot, á vista do pobo todo: -"Nabot maldiciu a Deus e ó rei".
Sacárono fóra da cidade, acantazárono e morreu. 14Entón mandáronlle dicir a Iezabel:
-"Nabot foi acantazado e morreu".
15Cando viu Iezabel que Nabot fora acantazado e que morrera, foille dicir a Acab:
-"Anda, vai tomar posesión da viña de Nabot de Iezrael. Non cha quixo vender, pero
Nabot xa non vive, está morto". 16Cando Acab soubo que morrera Nabot de Iezrael, foi
de contado á sua viña, para tomar posesión.
SALMO RESPONSORIAL Sal 5, 2-3. 5-6. 7
R/ (2b) Atende, Señor, a miña queixa
2Escoita, Señor, a miña palabra,
atende a miña queixa.
3Oe o balbordo dos meus xemidos,
ti, meu rei e meu Deus.
A ti dirixo, Señor, a miña súplica.
5Ti non es un Deus que queira a maldade:
non lles dás hospedaxe ós malvados
6nin os soberbios se sosteñen ante ti.
Aborréce-los malfeitores
7e pérde-los mentireiros;
ós falsos e sanguiñentos
abomínaos o Señor.
ALELUIA Sal 118, 105:
A túa palabra é guía para os meus pés
e luz para os meus sendeiros
EVANXEO Mt 5, 38-42
Eu dígovos: non volvades mal por mal
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
38Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. 39Pero eu dígovos: non
volvades mal por mal. O contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita,
preséntalle a outra; 40a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir
tamén o mantelo; 41a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas.
42A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.
366.- MARTES
ANO 1
PRIMEIRA 2 Cor 8, 1-9
Cristo fíxose pobre por vós
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
8 1Facémosvos sabedores, irmáns, da gracia que Deus lles concedeu ás igrexas de
Macedonia. 2No medio de moitas e duras tribulacións, a súa abondosa alegría e a súa
extrema pobreza rebordaron nun derramo de xenerosidade. 3Dou testemuño de que,
segundo os seus posibles e por riba deles, espontaneamente e 4insistentemente
pedíronno-lo favor de poderen contribuír a axudar ós outros cristiáns. 5E non só como
esperabamos, senón que se ofreceron a si mesmos, ante todo ó Señor e despois a nós,
por vontade de Deus, 6ata o punto de lle pedirmos a Tito que, xa que el a principiara,
levase igualmente a bo termo entre vós esa obra de caridade.
7Xa que abundades en todo -en fe, en palabras, en ciencia, en interese por todo e en
amor a nós-, que abundedes tamén nesta gracia. 8Non é unha orde; só que, pola
solicitude doutros, quede probada a enxebreza do voso amor. 9Ben sabéde-lo xeneroso
que é o noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos
fixesedes ricos coa súa pobreza.
SALMO RESPONSORIAL Sal 145, 2. 5-6. 7. 8-9a
R/ (2a): Louva, alma miña, ó Señor
Ou: Aleluia
2Louvarei o Señor, mentres viva,
cantareille ó meu Deus, mentres exista.
5Feliz quen ten no Deus de Xacob a súa axuda,
no Señor, o seu Deus, a súa esperanza.
6El fixo o ceo e maila terra,
o mar e todo o que contén.
7El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza ós oprimidos
e dálles pan ós famentos.
O Señor libra os cativos,
8o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
9O Señor protexe os forasteiros.
ANO 2
PRIMEIRA 1 Re 21, 17-29
Fixeches pecar a Israel
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
17Despois de morrer Nabot, chegou esta palabra do Señor a Elías, o texbita:
18-"Érguete e baixa ó encontro de Acab, rei de Israel en Samaría. Está agora mesmo na
viña de Nabot, onde baixou para tomar posesión dela. 19Diraslle: isto di o Señor:
¿Mataches e agora roubas? Dille: isto di o Señor: no mesmo sitio onde os cans lamberon
o sangue de Nabot, lamberán tamén o teu".
20Acab díxolle a Elías: -"Descubríches-me, meu inimigo". El respondeulle: -"Descu-
brinte. Xa que te vendiches, facendo o mal ós ollos do Señor, 21aquí veño eu para traer
desgracias contra ti. Varrerei a túa liñaxe, exterminareille a Acab en Israel todo varón, o
mesmo escravo ca libre. 22Farei coa túa familia coma coa de Ieroboam, fillo de Nabat, e
a de Baxá, fillo de Ahías, polo moito que me anoxaches e porque fixeches pecar a Israel.
23Tamén contra Iezabel dixo o Señor: os cans devorarán a Iezabel no agro de Iezrael.
24Os de Acab que morran na cidade, devoraranos os cans, e os que morran no campo,
comeranos os paxaros do ceo".
25En verdade, non houbo ninguén que se vendese coma Acab, facendo o mal ós ollos
do Señor, provocado por Iezabel, a súa muller. 26Fixo cousas abominables, indo detrás
dos ídolos. Asemellouse ós amorreos que o Señor expulsara diante dos israelitas.
27Cando Acab oíu estas palabras, rachou as súas vestes, vestiuse de saco e xexuou.
28Entón chegoulle esta palabra do Señor a Elías, texbita: 29-"¿Viches como se humillou
Acab diante de min? Por esta humildade, non traerei a desgracia nos seus días; traereina
sobre a súa familia, nos días de seu fillo".
SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 5-6a. 11 e 16
R/ (cf 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos
3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,
pola túa misericordia, borra o meu pecado;
4lávame ben da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
5Eu recoñezo o meu pecado
e teño sempre presente a miña culpa.
6Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei
11Arreda do meu pecado a túa vista
e borra as miñas culpas.
16Líbrame dos delitos de sangue,
Señor, meu Deus e salvador,
e a miña lingua contará a túa xustiza.
ALELUIA Xn 13, 34:
Douvos un mandamento novo, di o Señor,
que vos amedes uns ós outros como eu vos amei
EVANXEO Mt 5, 43-48
Amade ós vosos inimigos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
43Tedes oído que se vos dixo: Amara-lo teu próximo e aborrecera-lo teu inimigo.
44Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. 45Así
seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e
chover sobre xustos e inxustos. 46Porque, se amáde-los que vos aman, ¿que recompensa
ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? 47E se saudades soamente a
vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? 48Daquela sede
bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.
367.- MÉRCORES
ANO 1
PRIMERA 2 Cor 9, 6-11
Deus ama a quen da con alegría
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
6Lembrade aquilo: quen sementa con mesquindade, tamén con mesquindade recolle; e
quen sementa con xenerosidade, tamén con xenerosidade recolle. 7Que cadaquén dea
segundo o que teña decidido no corazón, non contra gusto nin por compromiso, que
Deus ama ó que dá con alegría. 8Deus, pode, de certo, darvos con largueza toda clase de
gracias, de xeito que, tendo sempre en todo o suficiente, aínda vos sobre para todo tipo
de boas obras, 9pois está escrito: reparte esmola ós pobres, a súa xustiza permanece para
sempre.
10O que fornece a semente ó sementador e proporciona pan para a comida, ha
multiplicar tamén a vosa sementeira e fará medra-lo froito da vosa xustiza. 11Seredes
ricos en todo, para poderdes facer todo tipo de caridades, que producirán por medio de
nós gratitude a Deus.
SALMO RESPONSORIAL Sal 111, 1-2. 3-4. 9
R/ (1a): Ditoso o que teme ó Señor
Ou: Aleluia
1Aleluia.
Ditoso o que teme ó Señor
e ten gozo nos seus preceptos.
2A súa descendencia será forte na terra,
a liñaxe dos rectos é bendita.
3Na súa casa hai bens abondo
e a súa prosperidade é duradeira.
4Nas tebras brilla unha luz para os rectos,
os xustos, os misericordiosos e os clementes.
9Dálles xenerosamente ós pobres,
a súa prosperidade é duradeira:
erguerá con honor a súa fronte.
ANO 2
PRIMEIRA 2 Re 2, 1.6-14
Velaí un carro de lume que levou ó ceo a Elías
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
2 1Cando o Señor ía arrebatar a Elías nun remuíño cara ó ceo, Elías e Eliseo saíron de
Guilgal.
6Elías díxolle a Eliseo: -"Quédate aquí. O Señor quere que eu me chegue ó Xordán".
Respondeulle el: -"Pola vida do Señor e pola túa, que non te deixarei". E marcharon os
dous.
7Cincuenta homes de entre os fillos dos profetas fóronos seguindo desde lonxe, e
detivéronse en fronte deles, mentres eles os dous estaban parados na ribeira do Xordán.
8Elías colleu o seu manto e dobrouno, e bateu nas augas con el. As augas dividíronse,
cara a un lado e cara ó outro, e pasaron os dous a pé enxoito.
9Despois de que pasaron, Elías díxolle a Eliseo: -"Pide o que queiras que faga por ti,
antes de que sexa arrebatado do teu lado". Eliseo pediu: -"Que do teu espírito reciba eu
dúas partes". 10Respondeulle Elías: -"Pides cousa difícil. Pero terala, se me ves cando
eu sexa arrebatado de onda ti; se non, non a terás".
11Mentres ían andando e falando, un carro de lume, con cabalos de lume, separounos, e
Elías subiu cara ó ceo nun remuíño. 12Eliseo ollaba e berraba: -"¡Meu pai, meu pai,
carro e conductor de Israel!"
Cando deixou de velo, Eliseo colleu a súa túnica e rachouna en dúas. 13Despois ergueu
do chan o manto que lle caera a Elías e foise con el á ribeira do Xordán. 14Agarrado o
manto, bateu con el nas augas, dicindo: -"¿Onde está o Señor, Deus de Elías, onde?" O
bate-las augas co manto, as augas dividíronse, cara a un lado e cara ó outro, e Eliseo
pasou.
SALMO RESPONSORIAL Sal 30, 20. 21. 24
R/ (25): Alegrade o corazón tódolos que esperades no Señor
20¡Que grande é o ben
que reservas para aqueles que te temen,
o que lles fas ós que a ti se acollen,
á vista de tódalas xentes!
21Na túa presencia faslles un refuxio,
un agarimo contra a conxura humana.
Escóndelos na túa tenda
das linguas maliciosas.
24Amade o Señor, tódolos xustos:
o Señor garda os leais
e dálle-lo seu pago ós soberbios.
ALELUIA Xn 14, 23:
Quen me ama, gardará a miña palabra, di o Señor,
e o meu Pai amarao e viremos a el
EVANXEO Mt 6, 1-6. 16-18
O teu Pai, que ve o escondido, hate recompensar
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
6 1Tede coidado de non practicárde-la vosa xustiza para que vos vexa a xente, que
daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
2Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como
fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren louvados polos homes;
asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. 3Ti, en troques, cando deas unha esmola,
que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. 4Así a esmola será secreta e teu
Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
5Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas
sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén
recibiron a súa recompensa. 6Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto,
pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate
recompensar.
16Cando xexuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as
súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa.
17Ti, en troques, cando xexúes, perfuma a cabeza e lava a cara, 18para que non che se
note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido,
hate recompensar.
368.- XOVES
ANO 1
PRIMEIRA 2 Cor 11, 1-11
Anuncieivos gratuitamente o Evanxeo de Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
11 1¡Ai, se me aturasedes un pouco de tolería! ¡Aturádema, veña! 2É que sinto ciúmes
de vós, os ciúmes de Deus, pois quíxenvos desposar cun único marido, presentándovos
a Cristo coma unha virxe pura. 3Temo que, así como a serpe seduciu a Eva coa súa
astucia, así tamén se trastornen os vosos criterios, arredándovos da sinceridade que lle
debedes a Cristo. 4Porque se vos vai alguén anunciar outro Xesús diferente do que vos
anunciamos nós, ou se recibides un espírito diferente do que recibistes, ou un evanxeo
diferente do que aceptastes, vós aturádelo coma se nada.
5Pois eu non me considero menos do que eses super-apóstolos. 6Terei pouca elocuencia
pero non pouca ciencia e téñovolo demostrado en todo e de moitos xeitos. 7¿Ou é que
fixen mal en abaixarme para elevarvos a vós, anunciándovos de balde o Evanxeo de
Deus? 8Para podervos servir a vós, tiven que despoxar outras igrexas, aceptando unha
paga. 9E, mentres estiven entre vós, por moitos apretos que pasase, non fun carga para
ninguén: os irmáns que viñeron de Macedonia subvencionaron as miñas necesidades;
gardeime e gardareime de servos gravoso en nada. 10Pola verdade de Cristo que hai en
min: dígovos que esta honra non ma vai quitar ninguén nas rexións de Acaia. 11¿Por
qué? ¿Porque non vos quero? ¡Ben o sabe Deus!
SALMO RESPONSORIAL Sal 110, 1-2. 3-4. 7-8
R/ (7a): As obras das túas mans, Señor, son xustas e leais
Ou: Aleluia
1Aleluia.
Louvarei o Señor con todo o corazón
na xuntanza dos xustos, na asemblea.
2Grandes son as obras do Señor,
dignas de estudio para tódolos que as aman.
3Gloriosos e esplendentes son os seus feitos,
a súa xustiza é eterna:
4fai prodixios memorables.
7As obras das súas mans son xustas e leais,
os seus preceptos son firmes:
8están fixados polos séculos,
feitos con sinceridade e rectitude.
ANO 2
PRMEIRA Eclo [Sir] 48, 1-15 (gr 1-14)
Elías desapareceu no trebón e o seu espírito encheu a Eliseo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
48 1Xurdiu Elías, un profeta semellante ó lume,
con verbas que foron coma un forno aceso.
2Este quitóulle-lo sustento do pan
e no seu celo decimounos;
3coa palabra de Deus pechou os ceos
e fixo descender lume por tres veces.
4¡Que terrible fuches, Elías!
¡Gloria a quen te semelle!
5Ti soerguiches da morte un cadáver
tirándoo do Xeol co favor do Señor;
6reis fixeches baixar para a cova
e principais desde os seus leitos.
7Ti escoitaches no Sinaí as reprensións
e no Horeb os xuízos de vinganza;
8ti unxiches reis que levasen a cabo o desquite
e deixaches no teu posto un profeta que te sucedese;
9ti fuches arrincado no alto por un trebón
entre escuadróns de lume, ata o ceo;
10ti estás reservado -segundo a Escritura- para o instante xusto
de proclama-la carraxe antes de que chegue o día do Señor,
para reconcilia-los pais cos fillos
e restaura-las tribos de Israel.
11¡Feliz quen te poida ver antes de morrer!
Con todo, máis feliz aínda ti, que vives.
12Cando Elías desapareceu no trebón
quedou Eliseo, cheo do seu espírito;
este multiplicou por dous os signos
e todo canto saíu da súa boca foi prodixioso.
De vivo non cedeu ante ninguén
nin houbo quen dominase no seu espírito.
13Nada lle foi imposible
e mesmo se reanimaban os corpos debaixo del;
14mentres viviu fixo milagres
e de morto, cousas sorprendentes,
SALMO RESPONSORIAL Sal 96, 1-2. 3-4. 5-6. 7
R/ (12a): Alegrádevos, xustos, no Señor
1O Señor reina, alégrese a terra,
exulten tódalas illas.
2Rodéano nubes e néboa,
xustiza e rectitude sosteñen o seu trono.
3Un lume vai diante del
e queima os inimigos ó arredor.
4Os seus lóstregos aluman os espacios,
e, ó velo, estarrécese a terra,
5os montes derrétense coma cera,
diante do Señor, dono do mundo.
6Os ceos pregoan a súa rectitude
e tódolos pobos contemplan a súa gloria.
7Avergónzanse os que adoran imaxes
e os que presumen dos seus ídolos:
diante del axeónllanse os deuses.
ALELUIA Rm 8, 15bc:
Recibíste-lo Espírito de fillos de adopción,
no que clamamos: Abba, Pai
EVANXEO Mt 6, 7-15
Vós, rezade así
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
7Cando vos poñades a rezar non sexades lareteiros coma os pagáns. Botan de conta que
os van escoitar polo moito falar. 8Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o
que precisades xa antes de que llo pidades. 9Vós, rezade así:
Noso Pai que estás no ceo,
santificado sexa o teu nome;
10veña o teu Reino,
fágase a túa vontade
así na terra coma no ceo.
11Dános hoxe o noso pan de cada día.
12E perdoa as nosas débedas
como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores.
13E non nos sometas á tentación,
mais líbranos do Malo.
14Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial
perdoará as vosas; 15pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco non
perdoará as vosas ofensas.
369.- VENRES
ANO 1
PRIMEIRA 2 Cor 11, 18. 21b-30
Amais doutras cousas, a miña angueira de cada día: a preocupación por tódalas igrexas
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
18Xa que tantos se gaban de glorias humanas vou presumir eu tamén.
No que outro se atreva -e dígoo na tolería-, eu tamén me atrevo. 22¿Que eles son
hebreos? Eu tamén. ¿Que son israelitas? Eu tamén. ¿Que son eles da semente de
Abrahán? Eu tamén. 23¿Que son servidores de Cristo? Vou dicilo desvariando: pois eu
sono máis ca eles.
Gáñolles en traballos, gáñolles en prisións; sen comparanza en malleiras e en perigos de
morte. 24Cinco veces recibín dos xudeus as corenta azoutas menos unha; 25tres veces
me flaxelaron, unha vez apedráronme; tres veces naufraguei, chegando a pasar unha
noite e un día perdido no mar. 26En camiñatas frecuentes: con perigos de ríos, perigos
de salteadores, perigos da parte dos da miña raza, perigos da parte dos xentís, perigos na
cidade, perigos no despoboado, perigos no mar, perigos entre falsos irmáns. 27En
traballos e canseiras, en abondas noites sen dormir, con fame e sede, a miúdo sen comer,
con frío e sen roupa que vestir. 28E amais doutras cousas, a miña angueira de cada día: a
preocupación por tódalas igrexas. 29¿Quen esmorece, sen que esmoreza eu? ¿Quen
sofre escándalo, sen que eu me abrase?
30Se hai que presumir, presumirei da miña fraqueza.
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7
R/ (cf 18b): Deus libera ós xustos de tódalas súas tribulacións
2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.
4Exaltade comigo ó Señor,
louvemos xuntos o seu nome.
5Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de tódolos temores.
6Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
7O Señor escoita ó pobre que o chama
e líbrao de tódolos apretos.
ANO 2
PRIMEIRA 2 Re 11, 1-4. 9-18. 20
Unxiron a Ioax e dixeron: ¡viva o rei!
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
11 1Cando Atalía, nai de Ocozías, viu que morrera seu fillo, decidiu exterminar a toda a
familia real. 2Pero Ioxeba, filla do rei Ioram e irmá de Ocozías, colleu a Ioax, fillo de
Ocozías, levouno ás escondidas de entre os fillos do rei que ían ser asasinados, e
meteuno nun apousento coa súa ama. Escondíao para que non o matase Atalía. 3Estivo
coa súa ama acochado seis anos, no templo do Señor, mentres Atalía reinaba no país.
4O sétimo ano, mandou buscar Iehoiadá ós xefes de centuria dos carios e da garda real e
reuniunos no templo. Fixo con eles un pacto, pedíndolles xuramento no templo do
Señor, e presentóulle-lo fillo do rei.
9Os xefes de centuria fixeron canto o sacerdote Iehoiadá lles ordenara. Cada un xuntou
os seus homes, os que estaban de servicio no sábado e os que quedaban libres nel, e
presentáronse ó sacerdote Iehoiadá. 10El entregoulles ós xefes das centurias as lanzas e
os escudos do rei David, que se gardaban no templo do Señor. 11Os da garda
apostáronse, cada un coa súa arma na man, desde o anco dereito do templo ata o
esquerdo, ó longo do altar e do santuario, arredor do rei. 12Entón Iehoiadá amosou ó
fillo do rei, púxolle a coroa e o testemuño e unxiuno por rei. Niso todos bateron palmas
e berraron: -"¡Viva o rei!"
13Cando Atalía oíu o algueireo da garda e do pobo, meteuse por entre a xente no templo
do Señor. 14O ve-lo rei de pé sobre o estrado, segundo o costume, arroupado cos xefes e
coa banda de música, e o pobo todo en festa e tocando as bucinas, Atalía rachou os seus
vestidos e exclamou: -"¡Traición, traición!"
15O sacerdote Iehoiadá ordenou ós xefes de centuria que mandaban na tropa: -"Tirádea
fóra do adro, e ós que a sigan matádeos a espada". O sacerdote non quería que a matasen
dentro do templo. 16Levárona fóra a empurróns, pola porta das cabalerizas, e alí
matárona.
17Iehoiadá concluíu o pacto entre o Señor, o rei e mailo pobo, polo que este se obrigaba
a facerse o pobo do Señor. 18Despois a xente foi correndo ó templo de Baal e
derrubárono, romperon os altares e as imaxes, e diante do altar mataron a Matán, o
sacerdote de Baal.
O sacerdote Iehoiadá puxo garda no templo do Señor
20O pobo fixo festa e a cidade quedou en calma. A Atalía matárana ó pé do pazo real.
SALMO RESPONSORIAL Sal 131, 11. 12. 13-14. 17-18
R/ (13): O Señor elixiu a Sión e quíxoa por morada
11O Señor xuroulle a David
-promesa da que non renega-:
-"Prole da túa liñaxe
porei sobre o teu trono.
12Se teus fillos gardan a miña alianza
e este precepto que lles ensino,
tamén os fillos deles por sempre
sentarán no teu trono".
13O Señor elixiu a Sión
e quíxoa por morada:
14-"Esta será para sempre a miña casa,
habitarei nela, porque a quero.
17Alí farei florece-lo vigor de David,
acendereille ó meu unxido unha lámpada.
18Cubrirei de confusión os inimigos,
mentres brilla sobre el a diadema".
ALELUIA Mt 5, 3:
Ditosos os pobres de espírito,
porque deles é o reino dos ceos
EVANXEO Mt 6, 19-23
Onde está o teu tesouro, alí estará tamén o teu corazón
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
19Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e maila ferruxe acaban con eles, e os
ladróns asaltan as casas para roubalos. 20Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza
nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. 21Que onde está o
teu tesouro está o teu corazón.
22A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumeado;
23pero se o teu ollo está malo, todo o teu corpo estará na escuridade. E se a luz que hai
en ti é escuridade, ¡canta escuridade!
370.- SÁBADO
ANO 1
PRIMEIRA 2 Cor 12, 1-10
Só me gabarei das miñas fraquezas
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
12 1Xa que toca a presumir -aínda que non está ben facelo-, acudirei ás visións e
revelacións do Señor. 2Sei dun cristián a quen hai catorce anos (se foi no corpo ou fóra
do corpo, non o sei, iso sábeo Deus) o levaron ata o terceiro ceo. 3E sei que ese home
(se foi no corpo ou fóra do corpo, non o sei, iso sábeo Deus) 4o levaron ó paraíso e oíu
palabras inefables, que non se lle permiten pronunciar ó ser humano.
5De tal home presumirei. Pola miña parte, sen embargo, só me gabarei das miñas
fraquezas. 6Aínda que, se eu quixer presumir, non sería un insensato, pois só diría a
verdade. Mais desisto para que ninguén me valore por enriba do que ve ou oe de min.
7E, debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme
un aguillón na carne: un emisario de Satanás, para que me pegue lapotes, e así non teña
orgullo. 8Por tres veces pedinlle ó Señor que o arredase de min, 9pero respondeume:
"Chégache coa miña gracia; a forza vese cumprida na fraqueza". Daquela presumirei
con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo. 10E
por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias
que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 8-9. 10-11. 12-13
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor
8O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis
e dálles seguridade.
9Gustade e vede que bo é o Señor:
feliz quen a El se acolle.
10Temede ó Señor os seus devotos,
pois nada lles falta ós que o temen.
11Empobrecen os ricos, pasan fame,
pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará.
12Vinde, fillos; escoitade:
ensinaréivo-lo temor do Señor.
13¿Quen ama a vida
e arela días de prosperidade?
ANO 2
PRIMERA 2 Cro 24, 17-25
Zacarías, a quen matastes entre o templo e o altar
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DAS CRÓNICAS
17Cando morreu Iehoiadá, as autoridades de Xudá foron render homenaxe ó rei, e este
seguiu os seus consellos; 18esquecendo o templo do Señor, Deus de seus pais, deron
culto ás estelas e ós ídolos. Este pecado desencadeou a cólera de Deus contra Xudá e
Xerusalén. 19Mandoulles profetas para convertelos, pero non fixeron caso das súas
amoestacións. 20Entón o Espírito de Deus apoderouse de Azarías, fillo do sacerdote
Iehoiadá, que se presentou ante o pobo e lle dixo:
-"Así fala Deus: ¿Por que quebrantáde-los preceptos do Señor? Ides á ruína.
Abandonáste-lo Señor e El abandónavos".
21Pero conspiraron contra el e lapidárono no adro do templo por orde do rei. 22O rei
Ioax, sen ter en conta os beneficios recibidos de Iehoiadá, matoulle o fillo, que morreu
dicindo:
-"¡Que o Señor xulgue e sentencie!"
23O cabo dun ano, un exército de Siria dirixiuse contra Ioax, penetrou en Xudá ata
Xerusalén, matou a tódolos xefes do pobo e remesou todo o botín ó rei de Damasco.
24O exército de Siria era reducido, pero o Señor entregoulle un exército enorme porque
o pobo abandonara ó Señor, Deus de seus pais. Vingáronse así de Ioax. 25O retirárense
os sirios, deixándoo gravemente ferido, os seus cortesáns conspiraron contra el para vin-
ga-lo fillo do sacerdote Iehoiadá. Asasinárono na cama e morreu. Enterrárono na Cidade
de David, pero non lle deron sepultura no panteón real.
SALMO RESPONSORIAL Sal 88, 4-5. 29-30. 31-32. 33-34
R/ (29a): Gardareille o meu amor eternamente
4Co meu elixido firmo unha alianza,
ó meu servo David fágolle un xuramento:
5-"Afincarei a túa liñaxe para sempre,
construireiche un trono duradeiro".
29Gardareille o meu amor eternamente
e a miña alianza con el será leal.
30Dareille unha posteridade duradeira,
o seu trono sosterase coma os ceos.
31Se os seus fillos abandonan a miña lei
e non se rexen polas miñas decisións;
32se profanan os meus mandatos
e non gardan os meus preceptos,
33eu fustrigarei coa vara os seus delitos
e con azoutes as súas culpas.
34Pero non lles retirarei o meu amor
nin faltarei á miña fidelidade;
ALELUIA 2 Cor 8, 9:
Xesús Cristo fíxose pobre sendo rico,
para que coa súa pobreza vós fosedes ricos
EVANXEO Mt 6, 24-34
Non vos angustiedes polo de mañá
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
24Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben
atende a un e menospreza ó outro. Non podedes servir a Deus e mai-lo diñeiro.
25Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides
beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). ¿Non vale máis a vosa vida cá mantenza,
e non vale máis o voso corpo có vestido?
26Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin seituran, nin recollen nas arcas e, con
todo, son mantidas polo voso Pai celestial. ¿Non valedes vós máis ca elas? 27E ¿quen
de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ó tempo da súa vida?
28E polo vestido ¿por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como
medran, e non traballan, nin fían. 29E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria
se chegou a vestir coma un deles. 30Pois se á herba do campo, que hoxe verdexa e mañá
será botada ó forno, Deus así a viste, ¿canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?
31Non andedes angustiados dicindo: "¿Que imos comer?" ou "¿que imos beber?" ou
"¿que imos vestir?" 32Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe
voso Pai celestial que as precisades. 33Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa
xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis. 34Así que non vos angustiedes
polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.