Semana XII

 
 

SEMANA 12ª DO TEMPO ORDINARIO

 

 

 

371.- LUNS

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 12, 1-9

Saíu Abram conforme lle mandara o Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

12 1O Señor díxolle a Abram: -"Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra

que eu che mostrarei.

 

2Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome sonado, que será

exemplo de bendición.

 

3Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.

 

Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".

 

4Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña

setenta e cinco anos cando saíu de Harán. 5Levaba consigo a Sarai, súa muller, ó seu

sobriño Lot e tódalas posesións e mailos criados que adquirira en Harán. Saíron na

dirección do país de Canaán, e chegaron alá.

 

6Abram percorreu o país ata o lugar santo de Xequem e a aciñeira de Moré. Daquela

habitaban no país os cananeos. 7O Señor aparecéuselle a Abram para dicirlle: -"Os teus

descendentes dareilles esta terra". Abram erixiu alí mesmo un altar ó Señor que se lle

aparecera. 8Logo seguiu pola montaña, ó oriente de Betel, e plantou a súa tenda entre

Betel ó poñente e Ai ó nacente. Alí construíu un altar ó Señor e invocouno polo nome.

9Despois seguiu por xornadas o camiño cara ó sur.

 

 

 

SALMO RESPONSRIAL Sal 32, 12-13. 18-19. 20 e 22

R/ (12b): Feliz o pobo que o Señor elixiu como herdade

 

12Feliz a nación que ten a Deus por Señor,

o pobo que El elixiu como herdade.

13Desde o ceo mira o Señor,

olla para tódolos homes;

 

18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,

polos que esperan na súa misericordia,

19para libra-la súa vida da morte,

para os manter no tempo da miseria.

 

20Nós agardámo-lo Señor:

El é o noso socorro, o noso escudo.

22Veña a nós, Señor, a túa misericordia,

como de ti o esperamos.

 

 

ANO 2

 

 PRIMEIRA 2 Re 17, 5-8. 13-15a. 18

O Señor botou a Israel da súa presencia e non quedou máis ca a tribo de Xudá

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

5Salmanasar, rei de Asiria, invadiu o país enteiro e cercou Samaría por tres anos. 6No

ano noveno de Oseas, o rei de Asiria conquistou Samaría e desterrou os israelitas a

Asiria. Instalounos en Halah, onda o Habor, río de Gozán, e nas cidades de Media.

 

7Iso aconteceu porque os israelitas pecaron contra o Señor, seu Deus, que os tirara de

Exipto, do xugo do faraón, rei de Exipto; pero eles adoraron outros deuses. 8Seguiron os

costumes das nacións que o Señor expulsara de diante deles, costumes que os reis de

Israel introduciron.

 

13O Señor advertira a Israel e a Xudá polos profetas e os videntes: -"Deixádevos dos

malos camiños e gardade os mandamentos, os preceptos e as leis, que eu prescribín ós

vosos pais e que vos inculquei a vós polos meus servos os profetas".

 

14Pero eles non obedeceron. Fixéronse testáns, o mesmo cós seus pais, que non

confiaran no Señor, seu Deus. 15Rexeitaron os seus mandatos, a alianza que el concluíra

con seus pais, e os avisos que lles dera.

 

18O Señor anoxouse tanto contra Israel, que o desbotou da súa presencia. Non quedou

máis cá tribo de Xudá;

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 59, 3. 4-5. 12-13

R/ (7b): Sálvanos, Señor coa túa forza e escóitanos

 

3Ti tesnos, Deus, rexeitados e fendidos,

estás irado connosco. Restablécenos.

 

4Fixeches treme-la terra, fendíchela;

repara as súas fendas, porque cambalea.

5Ti fixéchesllas pasar duras ó teu pobo,

déchesnos a beber viño atordoante.

 

 12¿Quen, se non ti, Deus, que nos rexeitaches,

o Deus que non sae co noso exército?

13Axúdanos ti no apreto,

pois a axuda do home é va.

 

 

 

ALELUIA Hebr 4, 12

A Palabra de Deus é viva e eficaz,

por ela discernímo-los pensamentos e as intencións do corazón

 

 

EVANXEO Mt 7, 1-5

Quita primeiro a trabe do teu ollo

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus discípulos:

 

7 1Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. 2Porque co xuízo que xulguedes

hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. 3¿Por que

reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? 4E,

¿como lle vas dicir a teu irmán: "Deixa que che quite o lixo que tes no ollo", tendo ti

unha trabe no teu? 5¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor

para quita-lo lixo do ollo de teu irmán.

 

 

 

372.- MARTES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xen 13, 2. 5-18

Que non haxa liortas entre nós, pois somos irmáns

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 2Abram era moi rico en gandos, en prata e en ouro.

 

5Lot ía con Abram e era tamén rico en rabaños, en gandos e en tendas. 6A terra onde

estaban non chegaba para habitaren xuntos. A moita facenda xa non llelo consentía, 7de

xeito que xurdían agarradas entre os pastores de Abram e os de Lot. Daquela habitaban

no país os cananeos e os perizitas.

 

8Abram díxolle entón a Lot: -"Que non haxa liortas entre nós e entre os nosos pastores,

pois nós somos irmáns. 9Tes diante de ti o país enteiro; sepárate de min. Se ti colles á

esquerda, eu collerei á dereita; se ti á dereita, eu á esquerda".

 

10Lot levantou os ollos e reparou na veiga do Xordán, toda ela regada. (Isto era antes de

que Deus destruíra Sodoma e Gomorra). Ata chegar a Soar era o mesmo ca un xardín do

Señor, coma a terra de Exipto. 11Lot escolleu para si a veiga do Xordán e dirixiuse cara

ó oriente, separándose de Abram. 12Abram asentou en Canaán e Lot nas cidades da

veiga do Xordán, chegando coa tenda a Sodoma. 13As xentes de Sodoma eran ruíns e

moi pecadoras á vista do Señor.

 

14Despois de que Lot se separou del, o Señor díxolle a Abram: -"Desde o lugar onde

estás ergue os ollos e mira cara ó norte e cara ó sur, cara ó nacente e cara ó poñente. 15A

terra toda que ves, dareicha a ti e ós teus descendentes para sempre. 16Multiplicarei os

teus descendentes coma o po. Se alguén contase o po, poderíaos contar a eles. 17Anda,

percorre a terra ó longo e ó ancho, pois voucha dar para ti". 18Abram levantou a tenda e

foise establecer na carballeira de Mambré, onda Hebrón. Alí construíu un altar ó Señor.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5

R/ (1b): ¿Quen habitará, Señor, no teu santuario?

 

 2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:

que ten sinceridade no corazón

3e non calumnia coa súa lingua;

o que non lle fai mal ó veciño

 

e non difama ó seu próximo;

4o que estima desprezable ó malvado

e apreza ós que temen ó Señor;

 

5o que non presta con usura o seu diñeiro

e non se deixa subornar contra o inocente.

 

 

 

ANO 2

 

 PRIMEIRA 2 Re 19, 9b-11. 14-21. 31-35a. 36

Protexerei esta cidade e salvareina por min e por Dvid

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

Senaquerib, rei dos asirios, mandou de segunda mensaxeiros a Ezequías, para dicirlle ó

rei de Xudá: -"Non te deixes enganar polo Deus en quen confías, pensando que

Xerusalén non será entregada nas mans do rei de Asiria. 11Ti mesmo tes sabido como

tratan os reis de Asiria a outras nacións e a cantas teñen exterminado. ¿E íaste librar ti?

 

14Ezequías colleu as cartas que traían os mensaxeiros, e leunas. Despois subiu ó templo

e estendeunas diante do Señor. 15Eze-quías fixo entón esta oración ó Señor:

 

-"Señor, Deus de Israel, que sentas sobre os querubíns, soamente ti es Deus sobre

tódolos reinos da terra.

 

16Abaixa, Señor, os oídos e escoita,

abre, Señor, os ollos e mira.

Escoita a mensaxe que mandou Senaquerib

para aldraxa-lo Deus vivo.

17É certo, Señor, que os reis de Asiria

arrasaron as nacións e as súas terras,

18queimando e destruíndo os seus deuses,

porque non eran deuses,

senón feitura das mans dos homes, madeira e pedra.

19Agora, Señor, noso Deus,

sálvanos da súa man,

para que saiban os reinos do mundo

que soamente ti es Deus, Señor".

 

Profecía de Isaías

 

20Isaías, fillo de Amós, mandou dicir a Ezequías: -"Isto di o Señor, Deus de Israel:

escoitei a oración que me fixeches, respecto de Senaquerib, rei de Asiria. 21Esta é a

palabra que pronuncia o Señor en contra del:

 

Abáfate e rise de ti

a virxe, filla de Sión;

abanea a cabeza ás túas costas

a filla de Xerusalén.

 

31Porque de Xerusalén sairá un resto

e do monte Sión sobreviventes.

O celo do Señor fará isto.

32Por iso, isto di o Señor do rei de Asiria:

Non entrará nesta cidade,

nin tirará contra ela unha frecha,

non se achegará onda ela co escudo

nin botará contra ela un terraplén, trincheira, foxos.

33Polo camiño por onde veu, dará a volta,

sen entrar nesta cidade.

 

Palabra do Señor.

 

34Eu defenderei esta cidade e salvareina,

pola honra do meu nome e o do meu servo David".

 

35Aquela mesma noite saíu o anxo do Señor e feriu no campamento asirio a cento

oitenta e cinco mil homes. 36Senaquerib, rei de Asiria, levantou o campamento, deu a

volta para Nínive e quedou alí.

 

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 47, 2-3a. 3b-4. 10-11

R/ (cf 9d): Deus asentou para sempre a súa cidade

 

2Grande é o Señor e digno de louvanza

na cidade do noso Deus.

3O monte santo, fermoso outeiro,

é o gozo de toda a terra;

 

o monte Sión, cima setentrional,

a capital do gran rei.

4Deus nos seus alcázares

deuse a coñecer coma refuxio.

 

10Nós festexamos, Deus, o teu amor

dentro do teu santuario.

11Coma o teu nome, Deus, así a túa louvanza

chega ós confíns da terra.

A túa dereita está chea de xustiza;

 

 

 

 ALELUIA Xn 8, 12:

Eu son a luz do mundo, di o Señor;

quen me segue, terá a luz da vida

 

 

 

EVANXEO Mt 7, 6. 12-14

Facédelle ós demais o que quredes que vos fagan

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

6Non deáde-lo sagrado ós cans nin lle botéde-las vosas perlas ós porcos; non sexa que

as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen.

 

12Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é

a Lei e mailos Profetas.

 

13Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espacioso o camiño que leva á

perdición, e son moitos os que entran por el. 14Pero ¡que estreita é a porta e que

apretado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!

 

 

 

373.- MÉRCORES

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xén 15, 1-12. 17-18

Creu Abraham en Deus e computóuselle como xustiza (Rm 4, 3b); e estableceu o Señor

unha alianza con el

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 15 1Despois disto Abram oíu en visión palabra do Señor: -"Non teñas medo, Abram. Eu

son para ti un escudo. O teu pago será moi grande".

 

2Abram preguntou: -"Señor e dono meu, ¿que me darás, se vou morrer sen fillos, e o

damasceno Eliézer será o meu herdeiro?" 3E insistiu: -"Mira que non me deches

descendencia e que un criado da casa será o meu herdeiro".

 

4O Señor respondeulle: -"Non será ese o teu herdeiro. Será un fillo teu". 5Logo levouno

fóra e prometeulle: -"Olla cara ó ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de

descendentes". 6Abram creu ó Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.

 

7Despois díxolle o Señor: -"Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che

dar en herdo esta terra".

 

8Abram preguntou: -"Señor e dono meu, ¿como saberei que será miña?"

 

9O Señor respondeu: -"Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de

tres anos, e mais unha rula e unha pomba".

 

10Abram trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra;

pero as aves non as partiu. 11Os voitres descendían á carnada, e Abram espantábaos.

12Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abram un sono profundo e invadiuno

unha escura ansiedade.

 

17Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abram viu pasar entre os membros dos

animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume. 18Aquel día fixo o Señor

con Abram esta alianza: -"Os teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de

Exipto ata o gran río Éufrates,

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9

R/ (8a): O Señor recordou por sempre a súa alianza

Ou: Aleluia

 

1Louvade o Señor, invocade o seu nome,

dade a coñece-las súas fazañas entre os pobos,

2Cantádelle, tocádelle,

contade as súas marabillas.

 

3Gloriádevos no seu nome santo

e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor.

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presencia.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

 

8El recorda por sempre a súa alianza,

a palabra que deu polas xeracións.

9O que pactou con Abraham

e xurou a Isaac,

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA 2 Re 22, 8-13; 23, 1-3

Leu o rei diante do pobo as palabras do libro da alianza que fora atopado na casa do

Señor, e estableceu unha alianza diante do Señor

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

 8O sumo sacerdote Hilquías díxolle ó secretario Xafán: -"Atopei o libro da Lei no

templo do Señor". Hilquías entregoulle o libro a Xafán, e este leuno. 9O secretario

Xafán foi onda o rei, para darlle conta do feito: -"Os teus servidores recolleron o diñeiro

que había no templo e entregáronllelo ós capataces, encargados das obras do templo do

Señor". 10E despois o secretario Xafán deulle a nova ó rei: -"O sacerdote Hilquías

deume este libro". E Xafán leuno alí, diante do rei.

 

11Cando oíu o rei as palabras do libro da Lei, rachou as súas vestes 12e mandou ó

sacerdote Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Acbor, fillo de Miqueas, ó secretario

Xafán e a Asaías, oficial do rei: 13-"Ide consulta-lo Señor, por min, polo pobo e por

todo Xudá, sobre o contido deste libro que atoparon. Moi grande ten que se-la carraxe

do Señor, acesa contra nós, porque os nosos pais non fixeron caso das palabras deste

libro e non cumpriron o que está escrito nel".

 

23 1O rei mandou entón que se reunisen con el os anciáns todos de Xudá e de

Xerusalén. 2Despois subiu ó templo do Señor, con tódolos homes de Xudá e os veciños

de Xurusalén, os sacerdotes, os profetas e o pobo todo, os pequenos e os grandes, e leu

diante deles o libro da alianza atopado no templo do Señor.

 

3De pé sobre o estrado, o rei concluíu logo a alianza dediante do Señor,

comprometéndose a segui-lo Señor, a cumpri-los seus mandatos, as súas normas e as

súas leis, de todo corazón e con toda a alma, e a mante-las claúsulas da alianza escritas

neste libro. O pobo todo confirmou a alianza.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 33. 34. 35. 36. 37. 40

R/ (33a): Móstrame, Señor, a vía dos teus mandatos

 

33Móstrame, Señor, a vía dos teus mandatos

e seguireina ata a fin.

 

34Dáme entendemento para observa-la túa lei,

e gardareina de todo corazón.

 

35Diríxeme polo vieiro dos teus mandamentos,

pois teño nel o meu contento.

 

36Inclina o meu corazón ás túas revelacións

e non á miña comenencia.

 

37Arreda da vaidade os meus ollos

e faime vivir no teu camiño.

 

40Mira como amo os teus mandatos;

faime vivir na túa xustiza.

 

 

ALELUIA Xn 15, 4a. 5b:

Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;

quen permanece en min, é portador de moito froito

 

 

EVANXEO Mt 7, 15-20

Coñecerédelos polos seus froitos

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

15¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero

no fondo non son máis ca lobos rapineiros! 16Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é

que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? 17Así, toda árbore de boa caste

produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. 18Non pode

unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade.

19Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume. 20Así que polos

seus froitos é como os coñeceredes.

 

 

 

 374.- XOVES

 

ANO 1

PRIMEIRA Xén 16, 1-12. 15-16 (máis longa)

Pariu Agar o fillo de Abram, que lle chamou Ismael

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

16 1Sarai, muller de Abram, non podía ter fillos. Pero tiña unha serva exipcia, Hagar de

nome, 2e díxolle a Abram: -"Xa ves que o Señor non me deixa ter fillos. Achégate á

miña serva, a ver se por ela teño un fillo". Abram fixo caso da proposta de Sarai.

 

3Os dez anos de habitaren en Canaán, Sarai, muller de Abram, colleu a súa serva

exipcia Hagar e deulla como muller ó seu home Abram. 4Abram achegouse a Hagar, e

esta quedou embarazada. O ver que concebira, perdeulle o respecto á súa ama.

 

5Entón díxolle Sarai a Abram: -"Esta inxuria recae sobre ti. Puxen a serva nos teus

brazos e, embarazada, pérdeme o respecto. Que xulgue o Señor entre nós os dous".

 

6Abram respondeulle a Sarai: -"Te-la túa serva nas túas mans. Fai con ela o que che

pareza". Entón Sarai maltratábaa, e ela escapou da casa.

 

7Encontrouna o anxo do Señor onda unha fonte no deserto, a que está no camiño do

Sur, 8e díxolle: -"Hagar, serva de Sarai, ¿de onde vés e para onde vas?"

 

E ela respondeu: -"Estou fuxindo de Sarai, a miña ama".

 

9O anxo mandoulle entón: -"Volve onda a túa señora e sométete á súa autoridade". 10E

engadiu: -"Dareiche tantos descendentes, que non se poderán contar". 11E díxolle aínda:

-"Ves que estás embarazada. Terás un fillo e chamaraslle Ismael, xa que o Señor

escoitou a túa aflicción. 12Será un onagro entre os homes. A súa man erguerase contra

todos e a man de todos contra el; habitará á parte, fronte a tódolos irmáns".

 

15Hagar deulle a Abram o fillo que concebira, e este púxolle o nome de Ismael.

16Abram tiña oitenta e seis anos cando Hagar lle deu a Ismael.

 

 

Ou 6b-12. 15-16 (máis breve)

 

Sarai maltrataba a Hagar, e ela escapou da casa.

 

7Encontrouna o anxo do Señor onda unha fonte no deserto, a que está no camiño do

Sur, 8e díxolle: -"Hagar, serva de Sarai, ¿de onde vés e para onde vas?"

 

E ela respondeu: -"Estou fuxindo de Sarai, a miña ama".

 

9O anxo mandoulle entón: -"Volve onda a túa señora e sométete á súa autoridade". 10E

engadiu: -"Dareiche tantos descendentes, que non se poderán contar". 11E díxolle aínda:

-"Ves que estás embarazada. Terás un fillo e chamaraslle Ismael, xa que o Señor

escoitou a túa aflicción. 12Será un onagro entre os homes. A súa man erguerase contra

todos e a man de todos contra el; habitará á parte, fronte a tódolos irmáns".

 

15Hagar deulle a Abram o fillo que concebira, e este púxolle o nome de Ismael.

16Abram tiña oitenta e seis anos cando Hagar lle deu a Ismael.

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 105, 1-2. 3-4a. 4b-5

R/ (1a): Louvade o Señor, que é bo

Ou: Aleluia

 

 1Aleluia.

Louvade o Señor, que é bo

e o seu amor é eterno.

 

2¿Quen podería conta-las proezas do Señor,

cumpridamente as súas obras gloriosas?

 

3Felices os que respectan o dereito

e fan sempre a xustiza.

4Recórdame, Señor, polo amor ó teu pobo,

 

 visítame coa túa salvación,

5para que poida ve-la felicidade dos teus elixidos,

alegrarme coa ledicia do teu pobo,

gloriarme coa túa herdanza.

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA 2 Re 24, 8-17

O rei de Babilonia levou cautivos a Ioaquin e máis ós seus axudantes máis fortes

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

8Ioaquín tiña dezaoito anos cando empezou a reinar. Reinou tres meses en Xerusalén. A

súa nai chamábase Nehuxtá, filla de Elnatán, de Xerusalén. 9Fixo o mal ós ollos do

Señor, como fixeran seus pais.

 

10No seu tempo rubiron os oficiais de Nabucodonosor, rei de Babilonia, contra

Xerusalén e cercárona. 11Mentres os seus oficiais mantiñan o cerco, veu á cidade

Nabucodonosor, rei de Babilonia.

 

12Entón Ioaquín, rei de Xudá, rendeuse o rei de Babilonia, xunto con súa nai, os seus

oficiais, os seus xenerais e os seus servidores. O rei de Babilonia levouno prisioneiro.

Era o oitavo ano do seu reinado.

 

13Nabucodonosor levou de alí tamén os tesouros do templo do Señor e os do pazo real,

e destruíu os obxectos de ouro que fixera para o templo Salomón, rei de Israel, seguindo

a orde do Señor.

 

14Nabucodonosor desterrou todo Xerusalén, os xefes, a xente toda de renome, dez mil

desterrados: os ferreiros e os zarralleiros; non quedou máis cá xente pobre. 15Levou

prisioneiro a Babilonia a Ioaquín, á nai do rei, ás súas mulleres, á súa servidume, ós

grandes do país. Levounos a todos prisioneiros, de Xerusalén para Babilonia.

 

16Tamén levou á xente de renome, sete mil; os ferreiros e os zarralleiros, mil; os homes

de valor, que servían para a guerra. Nabucodonosor levounos prisioneiros para

Babilonia. 17O rei de Babilonia puxo por rei, no posto de Ioaquín, ó seu tío Matanías,

cambiándolle o nome polo de Sedecías.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 78, 1-2. 3-5. 8. 9

R/ (9b): Líbranos, Señor, pola gloria do teu nome

 

As xentes entraron, Deus, na túa herdade,

profanaron o teu santo templo,

reduciron Xerusalén a unha ruína.

2Botaron os cadáveres dos teus servos

 

por pasto ás aves do ceo;

a carne dos teus amigos,

ós animais do monte.

 

3Verteron sangue coma auga

arredor de Xerusalén,

sen haber quen enterrase.

4Convertémonos en escarnio dos veciños,

en burla e riso dos que nos rodean.

5¿Por canto aínda, Señor?

¿Será para sempre o teu enfado?

¿Arderá coma o lume o teu noxo?

 

8Non nos teñas en conta os pecados dos pais,

chegue axiña a túa piedade,

que estamos esgotados.

 

9Axúdanos, Deus, Salvador noso,

pola gloria do teu nome;

líbranos, perdoa as nosas culpas,

por mor do teu nome.

 

 

ALELUIA Xn 14, 23:

Quen me ama, gardará a miña Palabra, di o Señor,

e o meu Pai amarao e viremos a el

 

 

EVANXEO Mt 7, 21-29

A casa edificada sobre rocha e a casa edificada sobre area

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

 Dilles Xesús ós seus discípulos:

21Non todo o que me di: "¡Señor! ¡Señor!" entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a

vontade do meu Pai celestial. 22Moitos hanme dicir naquel día: "¡Señor! ¡Señor!, ¿non

profetizamos no teu nome, non botámo-los demos fóra no teu nome, e no teu nome non

fixemos moitos milagres?" 23Pero daquela eu heilles dicir abertamente: "¡Ende-xamais

non vos coñecín: arredádevos de min os que praticáde-lo mal!"

 

24Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o

home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. 25Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o

vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha.

26Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un

tolambán que edificou a súa casa sobre area. 27Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o

vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita.

 

28E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa

doutrina; 29porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.

 

 

375.- VENRES

 

 ANO 1

 

 PRIMEIRA Xén 17, 1. 9-10. 15-22

Circuncídese a todo macho. Sara parirache un fillo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

17 1Abram tiña noventa e nove anos, cando se lle apareceu o Señor para lle dicir: -"Eu

son o Deus Xadai. Camiña de acordo comigo e se perfecto.

 

9Deus díxolle a Abraham: -"Gardara-la miña alianza, ti e mailos teus descendentes,

polas xeracións vindeiras. 10Esta é a alianza que eu fago contigo e cos teus

descendentes, e que habedes de gardar:

 

15O Señor díxolle a Abraham: -"A túa muller non seguirá chamándose Sarai. O seu

nome é Sara. 16Bendicireina e dareiche un fillo dela; bendicireina e será nai de nacións,

nacerán dela reis de pobos".

 

17Abraham postrouse por terra e sorriu, pensando para si: -"¡Un home de cen anos terá

un fillo, e Sara ós seus noventa parirá!" 18E suplicoulle a Deus: -"¡Oxalá deixes vivir a

Ismael!"

 

19Deus respondeulle: -"Non; Sara, a túa muller, darache un fillo, e poraslle o nome de

Isaac. Con el e cos seus descendentes vindeiros establezo unha alianza, alianza perpetua.

20En canto a Ismael, tamén te escoitarei. Bendicireino, dareille fecundidade e fareino

crecer moito. Xerará doce príncipes e convertereino nun gran pobo. 21Pero a miña

alianza establecereina con Isaac, o fillo que che dará Sara de hoxe nun ano".

 

22En acabando de falar, Deus foise de onda Abraham. 23Abraham colleu o seu

 

 

 

 SALMO RESPONSORIAL Sal 127, 1-2. 3. 4-5

R/ (4): Así é bendito quen teme ó Señor.

 

Ditosos os que temen ó Señor

e van polos seus camiños.

2Cando comes do froito das túas mans,

ditoso ti e afortunado.

 

 3A túa muller é coma parra fecunda

no medio da túa casa.

Os teus fillos coma gromos de oliveira

arredor da túa mesa.

 

4Así é bendito

quen teme ó Señor.

5Bendígate o Señor desde Sión,

que vexas na prosperidade a Xerusalén

tódolos días da túa vida,

 

 

 

ANO 2

 

PRIMEIRA 2 Re 25, 1-12

Xudá foi trasladado da súa terra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

25 1No ano noveno do reinado de Sedecías, o día dez do décimo mes, chegou

Nabucodonosor, rei de Babilonia, con todo o seu exército contra Xerusalén. Acampou

enfronte da cidade e construíu un muro de cerco ó arredor. 2A cidade estivo cercada ata

o ano once do reinado de Sedecías. 3O día nove do cuarto mes, a fame apretaba moito

na cidade e a xente non tiña de que comer.

 

4Entón abriuse unha fenda no muro da cidade, e os soldados fuxiron de noite, pola porta

que está entre os dous muros, ó pé do xardín do rei, e fóronse polo camiño da estepa,

mentres os caldeos cercaban a cidade. 5As forzas dos caldeos perseguiron o rei e

atrapárono nas estepas de Iericó, mentres os seus soldados se espallaban por tódolos

lados.

 

6Atrapado o rei, leváronllo ó rei de Babilonia, a Riblah, e alí sentenciárono. 7Os fillos

de Sedecías esganáronos diante del, e a Sedecías mesmo cegárono, puxéronlle cadeas de

ferro e levárono a Babilonia.

 

8O día sete do quinto mes, dentro do ano dezaoito do reinado de Nabucodonosor en

Babilonia, chegou a Xerusalén Nebuzardán, xefe da garda e servidor do rei de

Babilonia, 9e púxolle lume ó templo do Señor e ó pazo real, e queimou igualmente os

pazos todos de Xerusalén e as casas grandes da cidade. 10O exército caldeo, ás ordes do

xefe da garda, derrubou a muralla que rodeaba Xerusalén.

 

11Nebuzardán, xefe da garda, desterrou o resto da xente que quedara na cidade, os que

se pasaran xa ó rei de Babilonia e o resto da multitude. 12Da xente pobre do país deixou

o xefe da garda uns poucos, para viñadores e labregos.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 136, 1-2. 3. 4-5. 6

R/ (6a): Que se apegue a miña lingua ó padal,

se deixo de pensar en ti

 

1A beira dos ríos de Babel

sentabámonos e chorabamos,

lembrándonos de Sión.

2Nos salgueiros das ribeiras

pendurámo-las cítolas,

 

3pois os nosos carcereiros pedíannos cántigas

e os nosos verdugos himnos alegres:

-"Cantádenos cántigas de Sión".

 

4¿Como cantar un canto do Señor

estando en terra allea?

5Se me esquecese de ti, Xerusalén,

que seque a miña man dereita;

 

6que se apegue a miña lingua ó padal,

se deixo de pensar en ti,

se non poño a Xerusalén

por riba de toda ledicia.

 

 

ALELUIA Mt 8, 17:

Cristo asumiu as nosas enfermidades,

e levou sobre sí as nosas doenzas

 

 

EVANXEO Mt 8, 1-4

Se queres, podes limparme

 PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

8 1Cando Xesús baixou do monte, foino seguindo moita xente. 2E nestas achegouse a el

un gafo, que, postrándose ante el, díxolle:

-Señor, con só que queiras pódesme limpar.

 

3El estendeu a man e tocouno, dicindo:

-Quero, queda limpo.

 

E, coa mesma, quedou limpo da lepra. 4E díxolle Xesús:

-Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ó sacerdote, e ofrece o donativo que

prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.

 

 

 

376.- SÁBADO

 

ANO 1

 

PRIMEIRA Xén 18, 1-15

¿Hai cousa que non poida o Señor? Cando eu volva onda ti, Sara terá un fillo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

 18 1O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abraham, estando este sentado á

entrada da súa tenda, nas horas da calor. 2Abraham ergueu os ollos e viu tres homes de

pé diante del. En véndoos, correu ó seu encontro, desde a entrada da tenda, e postrouse,

3dicindo: -"Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo.

4Farei traer unha pouca auga, bañaréde-los pés e descansaredes baixo a árbore. 5Coa

mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes

con el as forzas, para logo seguirdes camiño".

 

Responderon eles: -"Está ben. Fai como dis".

 

6Abraham correu á tenda onda Sara, para lle dicir: -"Trae tres cuncas de flor de fariña,

axiña: amásaa, e prepara unha bica". 7E el foi correndo ó cortello, colleu o vitelo máis

tenro e mellor, e deullo a un criado, para que o guisase ó momento. 8Despois, co vitelo

guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ó seu lado

baixo a árbore.

 

9Nisto eles preguntáronlle: -"¿Onde está Sara, túa muller?"

 

El respondeu: -"Aí dentro, na tenda".

 

10E un deles engadiu: -"Volverei verte para o ano, e entón Sara a túa muller, terá un

fillo". Sara oíu o que dicía, detrás da entrada da tenda. 11Abraham e Sara eran vellos,

moi entrados en anos, e ela xa deixara de te-la regra das mulleres. 12Sara riu ás

escondidas, de pensar: -"Despois que estou acabada e o meu home vello, ¿coñecerei

aínda o pracer?"

 

13Mais o Señor díxolle a Abraham: -"¿Por que ri Sara, dicindo: Será certo que vou ter

un fillo ós meus anos? 14¿Hai cousa que non poida o Señor? De hoxe nun ano, cando eu

volva, Sara terá un fillo".

 

15A Sara estáballe entrando medo, e negou: -"Non rin". Pero el insistiu: -"Non o

negues: ti riches".

 

 

SALMO RESPONSRIAL Lc 1, 46-47. 48-49. 50 e 53. 54-55

R/ (cf 54b): Lembrouse o Señor da súa misericordia

 

46Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor,

47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,

 

48porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí: desde agora

tódalas xeracións me van felicitar.

49¡Marabillas o Poderoso fixo en min!

 

O seu nome é Santo;

50a súa misericordia chega xeración tras xeración

a tódolos que o temen.

53ós famentos éncheos de bens,

e ós ricos despídeos baleiros.

 

 54Ampara a Israel, o seu Servidor,

lembrándose da súa misericordia,

55conforme prometera a nosos pais,

en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

 

ANO 2

 

PRIMEIRA Lam 2, 2. 10-14. 18-19

Clame o teu corazón ó Señor sobre os muros de Sión

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DAS LAMENTACIÓNS

 

2O Señor devorou, sen ter compaixón, tódolos pasteiros de Xacob,

destruíu co seu noxo as prazas fortes da casa de Xudá,

emborcallou na terra e profanou o seu reino e os seus príncipes.

10Os anciáns da filla de Sión están sentados no chan, choran,

botan po sobre a cabeza, véstense de saco,

as mozas de Xerusalén abaixan a cabeza ata a terra.

11Os meus ollos consómense en bágoas, férvenme as entrañas,

o meu humor está polo chan, por causa da ruína da filla do meu pobo, cando vexo os

rapaciños e os meniños de peito esmoreceren nas prazas da cidade.

 

12Dinlles ás súas nais: "¿Onde está o pan e mailo viño?";

mentres quedan sen folgos, asasinados, nas prazas da cidade,

mentres expiran no seo das súas nais.

13¿Que testificarei a teu favor? ¿Con que te comparerei, filla de Xerusalén?

¿A que te asemellarei para consolarte, virxe, filla de Sión?

¡É grande, grande coma o mar a túa ruína! ¿Quen te curará?

14Os teus profetas proclaman coma revelacións a falsidade e a impostura, non

denuncian a túa iniquidade para que poidas voltar da catividade.

Si, anúncianche coma revelación oráculos de falsidade e seducción.

18Que o teu corazón lle pida axuda ó Señor, porque lle falta a muralla á filla de Sión:

 

Verte lágrimas coma un río de día e de noite.

¡Non cedas ante o teu cansazo! ¡Que non descanse a meniña dos teus ollos!

19Levántate, berra durante a noite, ó comezo do cambio da garda.

Verte coma auga os teus coidados diante da presencia do Señor.

Levanta cara a El as túas palmas, pola vida dos teus meniños,

que están esmorecidos de fame nas praciñas de tódalas rúas.

 

 

SALMO RESPONSORIAL Sal 73, 1-2. 3-5a. 5b-7. 20-21

R/ (19b): Non esquezas para sempre a vida dos teus pobres

 

¿Por que, Deus, nos rexeitas? ¿Será por sempre?

¿Por que se inflama a túa ira coas ovellas do teu rabaño?

2Acórdate da comunidade que desde antigo adquiriches,

do pobo que rescataches para a túa posesión,

do monte Sión, onde fixéche-la túa morada.

 

3Dirixe os teus pasos cara ás eternas ruínas:

no teu santuario todo o arrasou o inimigo.

4Os teus adversarios roxen no lugar das asembleas

e levantan alí os estandartes.

 

5Son coma os que branden o machado na madeira:

6nun intre esnaquizan tódalas súas portas,

con machado e martelo.

7Puxeron lume ó teu santuario,

arrasaron e profanaron a morada do teu nome.

 

 20Fíxate na túa alianza;

tódolos recantos da terra son tobos de violencia.

 

21Que non acaben na vergonza os oprimidos:

os humildes e os pobres louvarán o teu nome.

 

 

ALELUIA Mt 8, 17:

Cristo asumiu as nosas enfermidades

e fixo súas as nosas doenzas

 

 

 

EVANXEO Mt 8, 5-17

Moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

5Ó entrar Xesús en Cafarnaúm achegóuselle un centurión que lle suplicou 6dicindo:

-Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.

 

7Díxolle Xesús:

-Eu irei e curareino.

 

8Replicoulle o centurión:

-Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito, abonda cunha palabra túa

para que o meu criado cure. 9Que eu, anque son un subordinado, tamén teño homes

baixo as miñas ordes; e dígolle a este: "vai", e vai; a aqueloutro: "ven", e vén; e ó meu

criado: "fai isto", e faino.

 

10A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles ós que o seguían:

-Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. 11E dígovos

que moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e

Xacob, no Reino dos Ceos. 12Pero ós fillos do Reino botaranos para fóra, á escuridade;

alí será o pranto e o trisca-los dentes.

 

13E Xesús díxolle ó centurión:

-Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.

 

E naquela hora curou o criado.

 

14En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada con febre.

15Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.

 

16Contra a tardiña leváronlle moitos endemoniados, e coa súa palabra botoulles fóra os

espíritos e curou os enfermos todos. 17Así cumpriuse o que deixara dito o profeta

Isaías:

Apandou coas nosas doenzas

e cargou coas nosas enfermidades.